Algas comestibles

As algas comestibles son algas que se poden comer ou poden ser usadas para a preparación doutros alimentos.

Láminas secas e torradas de nori ou touca. Úsanse para envolver o suxi.
Kombu ou faixa.
Wakame nunha sopa miso.

Características

editar

A maior parte das algas comestibles son algas mariñas bentónicas, quer dicir que viven suxeitas ao substrato (chan, rochas), ao contrario das planctónicas que son microscópicas e viven flotando na auga. Tamén hai algúns casos de algas comestibles que viven na auga doce, aínda que as máis destas son tóxicas.

Das catro divisións segundo a súa coloración: azuis (cianófitos), verdes (clorófitas), pardas ou castañas (feófitas) e vermellas (rodófitas), atopamos algas comestibles nas tres últimas. As algas azuis adoitan ser microscópicas.

O seu uso como alimento humano en Asia e no Pacífico

editar

As algas formaron parte da dietas de chineses, xaponeses e coreanos dende tempos prehistóricos.[1].

Unha alga vermella moi usada nesa rexión de Asia, e que coa globalización hoxe pasou a moitos máis países, é a touca (Porphyra umbilicalis), coñecida como Nori 海苔 no Xapón, Zicai 紫菜 na China, e Gim en Corea. Consómese en láminas secas e torradas coas que se embrolla o suxi, ou en faragullas como aditivo a outros pratos. No Xapón é tan apreciada que incluso se usa como agasallo de aninovo.

Observouse que os xaponeses poden dixerir os polisacáridos das algas, algo non normal nos humanos, debido á súa longa historia de consumo de Nori.[2]

A wakame é a segunda alga máis consumida no mundo en alimentación directa, e procede case na súa totalidade das zonas de cultivo do Xapón, Corea e a China. É ingrediente dun prato moi popular da cociña asiática: a sopa miso.

Os nativos maorís da Nova Zelandia tradicionalmente usan algunhas especies de algas na súa alimentación, como a vermella Karengo (Porphyra columbina) e a verde Rimu (Caulerpa brownii).[3][4]

O seu uso como alimento humano en Europa

editar

As algas tamén se consomen en moitas sociedades tradicionais europeas, especialmente do norte e do oeste: Irlanda, Gales, Islandia, Noruega, Inglaterra[5], Francia.

O carrapucho (Chondrus crispus) é unha alga vermella que adoita ser servida como aperitivo coa cervexa nese país, amais de ser usada para a produción de aditivos alimentarios.

A nori atlántica ou touca é de consumo tradicional nos países célticos do norte. No País de Gales e Irlanda forma parte dun prato típico chamado laverbread[6][7], e os mineiros de Gales son grandes consumidores. Na Bretaña fan o bara mor (pan de mar, en bretón) con Kombu e Dulse, e pratos de sobremesa con Musgo de Irlanda.

Porén o uso das algas como verdura en occidente, máis que por influxo destes pobos costeiros, faise popular nas grandes cidades por influxo das poboacións orientais afincadas (sobre todo a través dos seus restaurantes). Tamén ten unha grande influencia a expansión do movemento macrobiótico na segunda metade do século XX, impulsado polos xaponeses Georges Ohsawa e Mishio Kushi

Se en tempos pasados houbo en Galicia consumo de algas como alimento, a semellanza dos países célticos do norte, é un costume que non chegou até os nosos días nin deixou pegadas evidentes nos usos sociais.

En Galicia tradicionalmente as algas eran recolleitas para o seu uso como valume, especialmente o bucho ou marmulo (Fucus vesicularis). Os labores da súa colleita con carros nas praias, e a formación de pillas onde se mesturaban en camadas con toxos, eran estampas tradicionais até ben pouco.

Pero nas últimas décadas tamén se colectan e cultivan para o consumo humano[8][9], posto que as rías e costas galegas son moi vizosas en algas, especialmente pardas. Se ben o seu consumo non é aínda masivo na poboación, vai penetrando na gastronomía a través das experiencias dos cociñeiros. A destacar as Xornadas Gastronómicas de Algas organizadas pola Xunta de Galicia a comezos dos anos 1990, e as actuais Aulas de cociña con algas[10], de Porto Muíños.

 
Cinta de mar.

A wakame chegou accidentalmente ás costas de Galicia e Francia xunto con sementes de ostra xaponesa e adaptouse como unha máis do país, polo miúdo asociada aos mexillóns.

As wakames recolleitas en Galicia son, debido ás especiais características oceanográficas, as mellor adaptadas do atlántico europeo, presentando unha textura suave e un sabor doce "a mar". Por non ser unha alga tradicional das costas de Galicia aínda non ten nome popular galego, pero ben podía ser considerada como un grelo de mar, pola similitude de aspecto e textura con esa verdura.

A espaguete de mar ou cinta (Himanthalia elongata) é unha alga orixinaria do atlántico cunha grande produción en Galicia, e comercialmente descoñecida nos países asiáticos. A súa facilidade na recolleita, a súa riqueza nutritiva e os seus agradables sabor e textura fan dela unha das máis apreciadas en Europa.

O seu uso na industria alimentaria

editar

O aproveitamento de algas recolleitas ou cultivadas para a extracción de alxinatos e carraxenatos, substancias xelatinosas coñecidas como hidrocoloides, ten unha especial importancia comercial na industria alimentaria, polo seu uso como aditivos. Son apreciados polas súas propiedades xelificantes, detentoras da auga e emulsionantes. Desas substancias a máis usada é o ágar-ágar ("pura xelatina", en lingua malaia), que se extrae das algas vermellas xerés (Gelidium sesquipedale) e gracilaria (Gracilaria verrucosa). O ágar-ágar é incluso consumido directamente nas ensaladas chinesas, en forma de tiras transparentes.

Táboa de algas comestibles atlánticas máis comúns

editar
Cor Nome comercial Nome científico Nome común galego
Parda Espaguetes de mar Himanthalia elongata Cinta, correa, correola
Parda Kombu Laminaria ochroleuca,

Laminaria hyperborea

Folla de maio, faixa, canouco, cinchón, follada, cachopo
Parda Kombu de azucre Laminaria saccharina Cañoto, soia, toco, faixa
Parda Wakame Undaria pinnatifida (Procedente do Pacífico)
Vermella Nori Porphyra umbilicalis,

Porphyra linearis

Touca
Vermella Ágar-ágar (extracto) Gelidium sesquipedale,

Gracilaria verrucosa

Xerés, carrumeiro, marullo
Vermella Dulse Palmaria palmata
Vermella Musgo de Irlanda Chondrus crispus Carrapicho, carrapucho, murgo,

pata de galiña, raspa riza

Vermella Musgo estrelado Mastocarpus stellatus Carrapicho
Parda Fucus Fucus vesiculosus, Fucus spiralis Bucho, marmulo, botella, corbela
Verde Leituga de mar Ulva rigida verza de mar, lavacán, mantilla,

follegada do mar, verdello

Verde Ramallo do mar Codium tomentosum Ramallo do mar, fideo, carrasca brava
Vermella Algatinado Gigartina pistillata

Propiedades nutricionais

editar

Son alimentos de alta calidade, pobres en graxas e con gran cantidade de fibra. Ademais proporcionan:

Minerais: todas elas posúen unha elevada concentración de minerais, entre os que destaca o iodo. Algunhas acadan valores récord como a espaguete de mar que pode ter ata dez veces máis ferro que as lentellas, e a wakame con máis calcio que o leite de vaca.

Proteínas: conteñen todos os aminoácidos esenciais.

Vitaminas: presentes en grandes cantidades, destaca a presenza da vitamina B12 (ausente nos vexetais terrestres) e da vitamina C que contribúe a asimilar o ferro proporcionado.

As poucas graxas que conteñen son principalmente insaturadas. A presenza de ácidos graxos esenciais como omega 3 e omega 6 axudan a diminuír o nivel de colesterol.

Ese efecto anticolesterol vese aínda reforzado polo tipo de fibras que conteñen. Ademais de fibras insolubles que favorecen o tránsito intestinal, conteñen unhas fibras solubles chamadas ficocoloides, que actúan como reguladores. Trátase duns polisacáridos (agar, alxinatos e carraxenatos) que 'enganchan' o colesterol e o expulsan do organismo.[11]

  1. "Algas e alimentación humana, Michael Guiry (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2011. Consultado o 05 de xuño de 2011. 
  2. Transferencia de encimas activas cos hidratos de carbono, das bacterias mariñas á microbiota dixestiva dos xaponeses (en inglés)
  3. "Receitas Kai usadas por Kawhia Maori e os pioneiros (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2020. Consultado o 05 de xuño de 2011. 
  4. "Algas dos indíxenas. Asociación das algas da Nova Zelandia. (en inglés)". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2005. Consultado o 08 de xuño de 2011. 
  5. Producindo Laver en Davon
  6. Penclawdd produce laverbread Arquivado 21 de xullo de 2011 en Wayback Machine.(en inglés)
  7. Parsons pickles produce laverbread Arquivado 15 de setembro de 2021 en Wayback Machine.(en inglés)
  8. "Algamar en Redondela". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 05 de xuño de 2011. 
  9. Porto-Muiños en Cerceda
  10. Aulas de cociña Porto Muíños
  11. Fernández Saa, C. (2002) Algas de Galicia. Alimento y Salud

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar