O trencadís (termo da lingua catalá que podería traducirse como 'troceado' ou 'picado') é un tipo de aplicación ornamental do mosaico a partir de fragmentos cerámicos —basicamente azulexos— unidos con argamasa; moi habitual e característico na arquitectura modernista catalá.[1]

Dragón do Parque Güell realizado coa técnica do trencadís.
Composición do trencadís nas obras da Sagrada Familia de Barcelona.

Historia

editar

Os arquitectos modernistas xa eran —quizais por respecto aos recursos estéticos da albanelaría mediterránea— afeccionados ao uso de baldosas cerámicas, pero foi Antoni Gaudí quen propuxo o sistema inédito do «trencadís». Segundo unha anécdota da vida do artista, Gaudí foi ao taller de Lluís Brú e ao ver como colocaban as pezas, agarrou unha baldosa e unha maceta e rompéndoa exclamou: «“A grapats l’heu de posar! No acabarem mai si no”» (A mancheas téñense que pór, se non, non acabaremos nunca).[2][3] Considerouse a Josep Maria Jujol o encargado de aplicar esa 'técnica' e quen lle deu a personalidade característica.

Utilizábase material desbotado da fábrica Pujol i Bausis, emprazada en Esplugas de Llobregat, ademais de fragmentos de pratos e cuncas de café de louza branca de diversa procedencia. Tamén se utilizaron baldosas de cerámica e o mosaico coa técnica do opus tessellatum.[4]

Co fin de conseguir cromatismo, optouse pola utilización de cerámica esmaltada, que ofrece cores vivas, aproveitando a superficie lisa e puída xunto coa superficie tridimensional da súa arquitectura, para causar o máximo efecto de brillo ao incidir a luz nas composicións.

Podíase construír cun método de aplicación indirecto, formándoo no taller sobre un persoal de papel, tapando o debuxo cos fragmentos de azulexo ("boca abaixo", deixando á vista o reverso), e levándoo despois ao seu lugar definitivo, sobre o que se dispón en sentido inverso. Cando se dá sen deseño previo, cun método de aplicación directa sobre unha superficie de morteiro brando ("boca arriba", deixando á vista o anverso), é a habilidade artesanal do operario a que determina a beleza do resultado, que inclúe alteracións na superficie e cambios de plano, dando unha sensación de espontaneidade. Ás veces, insistíase na aleatoriedade.[5]

A técnica do trencadís utilizouse por primeira vez na aldaba da entrada dos pabillóns Güell (en catalán Pavellons Güell), na avenida de Pedralbes de Barcelona. Nesa propiedade, a arquitectura sinuosa fixo necesario romper baldosas onde non podían ser utilizadas na súa totalidade.

Ao se escachar baldosas que xa tiñan a súa propia decoración e realizar unha nova composición sen relación cos debuxos das pezas enteiras, unido á mestura de fragmentos de diversas pezas, conséguense efectos visuais peculiares e distintivos desta técnica. Na actualidade séguese utilizando esta técnica noutras obras.

Exemplos notábeis

editar
  1. 116 icones turístiques de Catalunya (en catalán). Barcelona: Ara Llibres, s.c.c.l. 2010. pp. 249–251. D.Legal B-46.287-2010. Arquivado dende o orixinal o 4 de marzo de 2016. Consultado o 28 de novembro de 2014. 
  2. Lluís Brú, fragment d'un creador. Aj. d'Esplugues. p. 74. ISBN 84-609-5719-5.
  3. "Lluís Bru, el mosaïcista del modernisme". El Temps (en catalán). Consultado o 2022-04-20. 
  4. Santos, Por Alberto Gómez (2021-07-16). "O mosaico romano - Recreacionhistoria.com". Consultado o 2022-04-20. 
  5. Marta Saliné e outros especialistas do Museo de Can Tinturé en Esplugues de Llobregat (Lluís Brú fragments d’un creador de mosaics modernistes, 1968), citados en Mosaico modernista en Cataluña.

Véxase tamén

editar