Unha toalla é un corte de tecido absorbente, chamado felpa, cuxo uso principal é secar a humidade no corpo humano mediante o contacto directo. Outros materiais que tradicionalmente se empregan para fabricar as toallas son o liño e o cotón.[1] O secado dos obxectos realízase mediante panos ou trapos.

Vista ampliada do tecido rizado dunha toalla.

Tipos de toallas editar

 
Toalla de praia.
 
Futa tunisiana.
  • Unha toalla de pé utilízase para secar os pés.
  • Unha toalla de baño utilízase para secar o corpo despois de bañarse ou ducharse. É xeralmente rectangular, cun tamaño típico de arredor de 75×150 cm. Algunhas toallas de baño máis pequenas deséñanse para usalas coma esteiras de baño co fin de apoiar os pés e non escorregar ao saír da ducha.
  • Unha toalla de praia é xeralmente un pouco máis grande ca unha toalla de baño. Aínda que se emprega a miúdo para secarse despois de estar na auga, o seu principal propósito é proporcionar unha superficie sobre a que deitarse. Tamén se usan para preservar o pudor namentres un se muda de roupa nun lugar público e para limpar a area do corpo ou dos obxectos de praia. As toallas de praia teñen a miúdo formas con varias cores impresas ou tecidas nelas.
  • Unha toalla de man é perceptibelmente máis pequena ca unha toalla de baño (30x60 centímetros ou un pouco máis) e utilízase para secar as mans despois de lavalas. Adoitase pendurala nun toalleiro xunto ao lavabo.
  • Unha toalla de papel é un anaco de papel absorbente que se pode utilizar unha vez como toalla e para despois desbotala. Un rolo perforado das toallas de papel móntase normalmente nunha barra un pouco máis longa que a anchura do rolo, ou nun tipo alternativo de suspensión que teña fendas nos laterais, fendas nas que caben os extremos do rolo. As toallas de papel pódense tamén atopar empaquetadas coma finos tecidos de kleenex en follas dobradas individuais.
  • Unha toalla compactada é unha toalla comprimida a altas presións conseguindo reducir o seu volume a un cilindro de 2×1 cm. As toalliñas recuperan a súa forma orixinal (32×25 cm estendida) mantendo tódalas súas propiedades ao humedecerse cun líquido. Cunha densidade de até 50 g/, a un formato de 2 cm de diámetro × 1 cm de alto. A súa textura é moi similar ao cotón, o produto é 100% biodegrádabel e totalmente reciclábel. Material: 100% raión. 100% biodegradábel e reciclábel. Non é tóxico e está esterilizado.
  • Unha "toalla turca", coñecida tamén coma futa, é unha toalla de exquisita textura e suavidade.

Usos alternativos editar

As toallas utilízanse a miúdo para usos diferentes aos de secar cousas ou persoas:

  • Para sentar, recostarse e deitarse, evitar o contacto directo coa terra, a rocha, a cadeira, etc. Isto pode ser por razóns de hixiene e comodidade e en saunas ou outros lugares onde é común estar espido.
  • Os peiteadores e barbeiros utilizan as toallas cocidas ao vapor para preparar a pel para afeitar.
  • Para reservar as hamacas, por exemplo para tomar o sol, xunto as piscinas ou lugares similares.
  • Unha toalla pode actuar coma roupa ou manta de urxencia.
  • En países asiáticos, as toallas (máis pequenas que as toallas de man, xeralmente cadradas) utilízanse coma panos. Tanto os homes coma as mulleres as levan.
  • Unha toalliña quente pode usarse para lavar as mans antes dunha comida.

Notas editar