The Good, the Bad & the Queen
The Good, the Bad & the Queen foi un supergrupo inglés de art rock composto polo cantante Damon Albarn de Blur e Gorillaz, o baixista Paul Simonon de The Clash, o guitarrista Simon Tong de The Verve, e o batería Tony Allen de Fela Kuti. A banda publicou o seu álbum de estrea, The Good, the Bad & the Queen, no ano 2007. O seu segundo disco, Merrie Land, co-producido con Tony Visconti, apareceu en 2018. No ano 2019, Albarn anunciou que o grupo se disolvía. Allen morreu en 2020.
The Good, the Bad & the Queen | |
---|---|
Orixe | Inglaterra |
Período | 2005 - 2008 2011 2014 - 2019 |
Xénero(s) | art rock, folk, dub, reggae rock |
Selo(s) discográfico(s) | Parlophone, Studio 13 |
Membros | Damon Albarn Paul Simonon Simon Tong Tony Allen |
Artistas relacionados | Blur, Gorillaz, The Clash, The Verve, Fela Kuti |
Na rede | |
web | |
Historia
editarFormación e álbum de estrea
editarThe Good, the Bad & the Queen comezou como un proxecto en solitario de Damon Albarn con produción de Danger Mouse. Porén, en xullo de 2006 o proxecto convertérase nunha banda[1] co baixista de The Clash Paul Simonon, o guitarrista de The Verve Simon Tong, e o batería de Fela Kuti Tony Allen. Albarn coñecera a Simonon na voda do cantante de The Clash Joe Strummer en 1997, e Tong traballara con Albarn na xira do álbum de Blur Think Tank de 2002, enchendo o espazo que deixara Graham Coxon tras a súa marcha.[2] Allen contactou con Albarn tras escoitar o sinxelo de Blur de 2000 "Music Is My Radar", que fai referencia a el.[2]
The Good, the Bad & the Queen realizou o seu primeiro concerto nun pub en Devon o 20 de outubro, seguido por unha actuación no London Roundhouse o 26 dese mes como parte do BBC Electric Proms.[3] A banda publicou o seu primeiro sinxelo, "Herculean", o 30 de outubro.[4] O 12 de decembro o grupo realizou un concerto segredo para lanzar a súa xira diante de 300 fans no Wilton's Music Hall, Londres.
O 12 de xaneiro de 2007 o grupo lanzou o segundo sinxelo, "Kingdom of Doom", que se converteu no seu primeiro sinxelo en entrar no Top 20. O 2 de abril de 2007 apareceu o seu terceiro sinxelo, "Green Fields", que chegou ao número 51 na súa primeira semana.
The Good, the Bad & the Queen editou o seu álbum autotitulado de estrea o 22 de xaneiro de 2007.[5] Foi votado pola Observer Music Magazine como mellor álbum de 2007. Nese momento, Albarn dixo que The Good The Band And The Queen era o título do álbum e non o da banda, indicando que o grupo non tiña nome.[3] Simonon dixo: "non bautizamos propiamente á banda, porque un nome é para un matrimonio".[6]
Albarn dixo que o grupo "terminara permenentemente" en 2007; porén, reuniuse para actuar no carnaval Love Music Hate Racism en 2008.[7] Tong e Simonon apareceron no seguinte proxecto de Albarn, o álbum de Gorillaz Plastic Beach (2010), e participaron na xira do disco. En novembro de 2011, The Good, the Bad & the Queen realizou un concerto no Coronet Theatre de Londres polo 40 aniversiario de Greenpeace, sendo a primeira vez que tocaba en case tres anos.[8] Allen e Tong apareceron na banda sonora de Albarn para a ópera Dr Dee (2012) e Allen colaborou novamente con Albarn no álbum de 2012 Rocket Juice & the Moon.[9]
Reunion e Merrie Land
editarEn outubro de 2014 Albarn anunciou que fora composto un novo álbum e que estaba agardando para gravalo.[10] En abril de 2017, nunha nova entrevista con Q, informouse de que aínda se estaba preparando un novo álbum pero que os recentes eventos causaran que o grupo comezase de novo. Albarn dixo a Q que o Brexit "lles dera un marabilloso punto de partida".[11]
Tras un intervalo de sete anos dende que os membros do grupo tocaran por última vez xuntos en 2011, a banda lanzou o tema "Merrie Land" do seu segundo álbum do mesmo nome o 23 de outubro de 2018 coa publicación do seu vídeo musical en YouTube. Posteriormente fixeron a súa primeira aparición pública en sete anos tocando a canción no programa Later…With Jools Holland on30 de outubro de 2018.[12] O 5 de novembro de 2018 interpretaron o segundo sinxelo, "Gun to the Head", no mesmo programa.[13]
O 17 de outubro de 2018 a banda anunciou o seu segundo álbum, Merrie Land, producido por Tony Visconti. Foi editado o 16 de novembro, cando “xurdiron as circunstancias axeitadas", a través do novo selo Studio 13 creado por Albarn.[14][15] Este álbum foi descrito por Albarn como “unha reticente carta de despedida” respostando ao proceso do Brexit que se estaba a producir e a "unha serie de observacións e reflexións sobre o carácter británico en 2018".[16]
A banda realizou o seu primeiro concerto para este traballo en Tynemouth o 26 de novembro de 2018, sendo o inicio dunha xira de oito datas polo Reino Unido. Despois a banda comezou unha xira europea dende marzo ata agosto de 2019. O 16 de agosto de 2019, no derradeiro concerto da xira de promoción do álbum no Lowland Festival, Albarn díxolle á audiencia: "Este é o noso derradeiro concerto. Despois disto, puf. Feito".[17] Allen morreu en abril de 2020.[18]
Discografía
editarÁlbums
editarÁlbum | Ano | Selo |
---|---|---|
The Good, the Bad & the Queen | 2007 | Parlophone |
Merrie Land | 2018 | Studio 13 |
Notas
editar- ↑ "Damon Albarn forms new band". NME (en inglés). 2006-07-28. Consultado o 2021-04-21.
- ↑ 2,0 2,1 "Songs of experience". www.telegraph.co.uk. Consultado o 2021-04-21.
- ↑ 3,0 3,1 "Damon Albarn launches new band with tiny pub gig". NME (en inglés). 2006-10-21. Consultado o 2021-04-21.
- ↑ Uncut (novembro de 2006, pp. 86-88)
- ↑ "The Good, The Bad & The Queen: The Good, The Bad & The Queen". NME (en inglés). 2007-01-12. Consultado o 2021-04-21.
- ↑ "2007: The best 50 albums". The Guardian (en inglés). 2007-12-09. Consultado o 2021-04-22.
- ↑ "The Good, The Bad And The Queen reforming after secret split". NME (en inglés). 2008-04-24. Consultado o 2021-04-22.
- ↑ BlurBalls. "Damon Albarn to revive The Good, The Bad and The Queen for Greenpeace charity gig". BlurBalls - Latest Blur, Gorillaz, Damon Albarn and Graham Coxon news. Consultado o 2021-04-22.
- ↑ "Rocket Juice and the Moon: Rocket Juice and the Moon". pastemagazine.com (en inglés). 2012-03-22. Consultado o 2021-04-22.
- ↑ Minsker, Evan. "Damon Albarn Prepping New Gorillaz and the Good, the Bad & the Queen Albums". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2021-04-23.
- ↑ "Damon Albarn is working on The Good the Bad & the Queen's long-awaited new album". Consequence (en inglés). 2017-04-10. Consultado o 2021-04-23.
- ↑ "Watch The Good, The Bad & The Queen make their live return on 'Later...With Jools Holland'". NME (en inglés). 2018-10-31. Consultado o 2021-04-23.
- ↑ Sodomsky, Sam. "Damon Albarn’s The Good, the Bad & the Queen Share New Song “Gun to the Head”: Listen". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2021-04-23.
- ↑ "The Good The Bad & The Queen to release new album, Merrie Land, in November". Consequence (en inglés). 2018-10-19. Consultado o 2021-04-23.
- ↑ Webber, Darryl (2018-11-08). "Damon Albarn talks about how Brexit inspired his new album". EssexLive (en inglés). Consultado o 2021-04-23.
- ↑ "Damon Albarn's band The Good, The Bad & the Queen announce new Brexit-inspired album and Glasgow date". www.scotsman.com (en inglés). Consultado o 2021-04-23.
- ↑ "Damon Albarn says The Good, The Bad & The Queen have played their "last gig" at Lowlands Festival". NME (en inglés). 2019-08-16. Consultado o 2021-04-23.
- ↑ "Tony Allen, legendary drummer and Afrobeat co-founder, dies aged 79". the Guardian (en inglés). 2020-05-01. Consultado o 2021-04-23.