Tesouro de Ruffieu
Tesouro de Ruffieu | |
---|---|
do Tesouro de Ruffieu |
|
· Data do depósito: ca. 265-275.
· Período ou cultura: Imp. Romano. · Lugar de aparición: Ruffieu, Isère Francia. · Coordenadas: 45°33′28.5″N 5°18′16.9″L / 45.557917, -5.304694 · Data do achado: 8 de maio de 1837. · Composición: 6 áureos, 5 aneis e pezas de enxoval. · Materiais: ouro, prata e pedras preciosas. · Conservación: Gabinete de Medallas do MBA de Lión. |
O tesouro de Ruffieu é un pequeno tesouro de época romana descuberto en 1837 no lugar chamado Ruffieu, municipio de Nivolas-Vermelle, no departamento francés de Isère.
Contido editar
O achado produciuse o 8 de maio de 1837 no lugar chamado Ruffieu, na ladeira oriental dun outeiro situado a 80 mestros da estrada Lión-Grenoble.[1]
O tesouro é de tamaño modesto, mais presenta a interesante particularidade dunha inscrición na que se menciona o seu propietario, un soldado romano.[2]
O conxunto de Ruffieu inclúe os seguintes obxectos:[3]
- Seis áureos coas efixies de Hadriano, Heliogábalo, Alexandre Severo e Galieno, o máis recente datado en 254 ou 255 d. C.
- Cinco aneis de ouro engastados con pedras semipreciosas, un deles de cornalina.
- Unha cazola de prata cunha inscrición en tres liñas no reverso da asa, onde se nomea o seu propietario: C(ai) Didi Secundi / mil(itis) leg(ionis) II Aug(ustae) / |(centuria) Mari.[4]
- Unha segunda cazola, unha cunca e catro culleres, todo en prata.
Todo o conxunto está exposto no Gabinete de Medallas do Museo de Belas Artes de Lión, co número de inventario A 15452.[3][5]
Interpretación editar
O propietario, Caius Didius Secondus, era un soldado da Legio II Augusta da centuria Marius, normalmente destinado na Britania. O afastamento da súa gornición habitual a unha zona próxima aos Prealpes e a datación das moedas poderían explicarse polo enfrontamento entre Póstumo —usurpador na Galia e na Britania a partir de 260— e Galieno, emperador lexítimo en Italia.[6]
-
Cazola de prata (2).
Notas editar
- ↑ Baratte, F. (1989). Páxina 198.
- ↑ Grenier, A. (1926). "Notes d'archéologie rhénane". En Revue des Études Anciennes. T. 28. N°3. Páxina 268.
- ↑ 3,0 3,1 Bertrandy, F. et al. (2011). Páxina 254.
- ↑ "Nº 3453". EDCS. Epigraphik-Datenbank Clauss / Slaby (Db.edcs.eu).
- ↑ Ramond, S. (2013). Le musée des Beaux-Arts de Lyon. Réunion des musées nationaux / Fondation BNP-Paribas. Páxina 33. ISBN 978-2-7118-6169-9
- ↑ Loriot, X. (2003). "Réflexions sur l'usage et les usagers de la monnaie d'or sous l'Empire romain". En Revue numismatique. 6ª serie. Tomo 159. Páxina 58.
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Tesouro de Ruffieu |
Bibliografía editar
- Armanet, J. (1937). Le trésor de Ruffieu. Bourgoin.
- Baratte, F. (1989). "Le Trésor de Ruffieu". En Trésors d'orfèvrerie gallo-romaine. Réunion des musées nationaux, París. Páxinas 198-202. ISBN 2711822389
- Bertrandy, F. et al. (2011). Carte archéologique de la Gaule - 38/2 L'Isère nord. Académie des Inscriptions et Belles-Lettres, París. ISBN 9782877542647
- Planet, F. (1992). "Autour du trésor de Ruffieu : une archéologie locale au service de l’histoire nationale". En La monnaie, la cité, l’histoire : le Médaillier de Lyon. Réunion des musées nationaux. Páxinas 56-67. ISBN 2-7118-2572-8