Televisor
Un televisor[1], unha televisión[2] ou unha tele[3] é un aparello destinado principalmente á recepción e reprodución de sinais de televisión.
Historia e características
editarOs primeiros televisores eran electromecánicos, os primeiros que se fabricaron comercialmente, no Reino Unido en 1928 por John Logie Baird[4], non eran máis que radios co engadido dun dispositivo de televisión que non era máis que tubo de neon detrás dun disco de Nipkow con aberturas en espiral que producían unha imaxe do tamaño dun selo postal que dobraba de tamaño por medio dun cristal, tamén existía unha versión sen a radio.
Os primeiros televisores comerciais electrónicos feitos con tubos de raios catódicos fabricounos Telefunken en Alemaña en 1934, logo seguiron Francia e o Reino Unido en 1936 e nos Estados Unidos en 1938, pero os aparellos eran caros, había poucas canles de televisión e as emisións eran moi limitadas, así en 1945 apenas había 7000 televisores nos Estados Unidos [5]. Despois da segunda guerra mundial por mor do avance na tecnoloxía debido ás investigacións que se iniciaran pola guerra e a baixada dos prezos polo comezo da produción masiva, aumentaros os fogares que tiñan un televisor, estímase que en 1948 había 48.000 nos Estados Unidos[6] que xa eran case 6 millóns en 1950[7]. Aínda que as primeiras transmisións en cor datan de 1928, pero a fabricación industrial de televisores en cor comezou, nos Estados Unidos, en 1954, popularizándose nese país na de 1960 e na de 1970 en Europa. O televisor nos primeiros tempos era un obxecto de luxo, de feito a maioría localizábanse en lugares públicos especialmente bares, restaurantes e hoteis, aqueles que estaban nos fogares indicaba un alto status do seu dono e polo tanto tendíase a colocar na parte casa máis visible ás visitas, o salón, a medida que se ía popularizando a tendencia era a colocala no comedor, a parte da casa na que a familia estaba máis tempo xunta, e a finais do século XX eran habituais nas cociñas e dormitorios de moitas casas [8]. Nun principio recibíase o sinal a través de antenas interiores, coñecidas popularmente como os cornos, que polo xeral se colocaban enriba dos televisores, co tempo pasaron a se colocar no exterior, xeralmente no tellado, dando cobertura a todos os veciños dun inmoble. O mando a distancia, desenvolvido para os televisores a partir de 1950 e popularizado a finais da década de 1970 e comezos da de 1980, permitiu interactuar desde o sofá cos televisores sen tocalos fisicamente.
Pantallas
editar- As pantallas máis correntes son as de tubo de raios catódicos ou CRT, carecen dunha resolución fixa, aínda que si teñen unha resolución mínima, dada a separación entre os puntos. A frecuencia de cadro dun televisor NTSC é de 29,97 Hz, e de 25 Hz nos televisores coa norma PAL. A resolución vertical visible dos televisores NTSC é 480 liñas, e a dos PAL de 575 liñas. Este sistema está quedando obsoleto na maioría dos países desenvolvidos.
- As pantallas de tecnoloxía de proxección úsana a maioría dos televisores de pantalla grande con tres sistemas de proxección: TRC, LCD e DLP.
- As pantallas planas de cristal líquido e de plasma , os avances tecnolóxicos permitiron utilizar a tecnoloxía de LCD para a fabricación de pantallas planas, que poden ter só un par centímetros. Máis recentemente as pantallas LCD con retroiluminación LED que utiliza díodos emisores de luz.
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para televisor.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para televisón.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para tele.
- ↑ "Television History, web de Michael Bennett-Levy". Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2008. Consultado o 13 de setembro de 2010.
- ↑ "The History of Film, Television & Video". Arquivado dende o orixinal o 08 de outubro de 2010. Consultado o 14 de setembro de 2010.
- ↑ The Encyclopedia Americana. New York: Scholastic Library Publishing, 1984, p. 433
- ↑ The World Book Encyclopedia. Chicago: World Book Inc., 2003, páxina 119
- ↑ Jennings Bryant, J. Alison Bryant. Television and the American family, p. 8