Pobo tairona

Antigo pobo indíxena de Colombia
(Redirección desde «Tayrona»)

Os taironas foron un grupo indíxena que habitaba nos departamentos colombianos de Magdalena, Guajira e do Cesar, nas faldras da Serra Nevada de Santa Marta, incluíndo as concas dos ríos Guachaca, Don Diego, Buritaca e a zona baixa costeira comprendida dentro do Parque Nacional Natural Tayrona.

Territorio histórico do pobo tairona.

Trátase dun grupo de filiación chibcha.[1] Presúmese que o nome tairona poida estar relacionado cos termos teyuna e teiruna, que se atoparon en varias linguas dos pobos indíxenas que aínda sobreviven na serra de Santa Marta, todos eles de filiación arhuácica-magdalénica. Entre estes pobos atópanse os kogui, que presumiblemente poidan ser descendentes dos tairona.[2] Sobre a lingua dos kogui, suxírese que hai certo parentesco coa antiga lingua dos tairona; na actualidade aínda hai preto de 7 mil falantes de kogui-tairona.[3]

Historia dos taironas

editar
 
Bastón tairona en pedra, 1550 - 1600 d.C.

Descubriuse a cidade fundada polos taironas no ano 800 e habitada até o 1600, hoxe coñecida como Ciudad Perdida. Pouco máis se sabe até agora da súa historia. Esta sociedade atopábase organizada en unidades políticas de varias dimensións que exercían control sobre distintos territorios no macizo montañoso, desde o mar Caribe até os cumes do Gonavindua (pico Simón Bolívar) e o Aloglue (pico Cristovo Colón). A poboación era independente e estaba dirixida pola súa propio cacique, con distintas alianzas e inimizades entre eles.

O primeiro contacto cos conquistadores españois deuse en 1498 coa chegada de Fernando González de Oviedo, con quen os caciques da zona estableceron relacións comerciais. En 1525, coa fundación da cidade de Santa Marta por Rodrigo de Bastidas, os españois tentaron establecer unha presenza máis forte na zona, dando inicio á empresa colonial española nesta parte do continente suramericano. Entre 1525 e 1599, as relacións entre os pobos indíxenas da zona (que incluían ademais dos tairona ós guanebucán, os malibús, os guajiros, os kosina, e os chimila entre outros) e os colonos españois caracterizáronse pola súa inestabilidade: intensos períodos de conflito e guerra nos que se tentaba dominar ós habitantes eran seguidos por anos de calma tensa nas que os españois se vían forzados a establecer relacións pacíficas coas distintas comunidades.

Durante este tempo, os tairona queimaron Santa Marta varias veces, conquistaron o forte español de Bon hida, estableceron relacións comerciais con piratas ingleses e franceses, e en xeral, conseguiron limitar o crecemento da colonia española. Entre 1599 e 1600, o gobernador de Santa Marta, Juan Guiral Velón, emprendeu unha intensa campaña militar para subxugar estas poboacións. Un intento errado de alianza entre os distintos poboados deu pé para que o gobernador puidese capturar ós caciques un por un, cortándolles a cabeza e descortizándoos. Os poboadores que non lograron escapar foron levados ós arredores de Santa Marta e entregados a encomendeiros. Os sobreviventes internáronse nas partes máis altas do macizo para escapar dos españois, e os seus descendentes son os koguis, que permaneceron illados até agora.

Estímase que na actualidade os seus descendentes "puros" suman 50.000 persoas, mentres que os mestizos e zambos con sangue tairona suman varios millóns de persoas, principalmente na costa caribeña de Colombia (1,5 a 2 millóns na Serra Nevada).[4]

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar