Tótila, coñecido tamén co nome Baduila, naceu en Treviso, foi rei dos ostrogodos do 542 a 552 tras a morte do seu tío Hildibaldo e o asasinato do seu primo Erarico. Morreu na batalla de Busta Gallorum no 552.

Infotaula de personaTótila

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(la) Totila
(el) Τωτίλας Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 510 Editar o valor en Wikidata
Treviso Editar o valor en Wikidata
Morte552 Editar o valor en Wikidata (41/42 anos)
Gualdo Tadino (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Rei dos ostrogodos
novembro de 541 – 1 de xullo de 552
← EraricoTeia → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeReino ostrogodo Editar o valor en Wikidata
RelixiónArianismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
ConflitoBatalha de Tagina (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Familia
ParentesHildibaldo (tío paterno) Editar o valor en Wikidata

Traxectoria

editar

Logo dos conflitos co xeneral bizantino Belisario e a consecuente captura de Vitixes no 540, os ostrogodos perderon o control da maior parte de Italia e pasaron a ter un estado ao norte do río Po. Tótila era o comandante da tropa ostrogoda de Tarvisio e probabelmente foi nomeado rei a mediados do ano 542.

O seu obxectivo foi o de oporse á política do emperador bizantino Xustiniano I, que dominaba Italia. Tótila tivo inicialmente moito éxito, aproveitándose de que as tropas de Xustiniano I estaban empeñadas desde o ano 540 nunha guerra contra os sasánidas de Persia. Conseguiu notábeis éxitos no campo de batalla asediando e saqueando Alatri no 543, recrutando campesiños para reforzar o exército. Logrou conquistar a cidade de Roma por dúas veces, a finais do 546 e a principios do 550), aínda que non conseguise mantela por moito tempo.

A primeira vez que Tótila asediou Roma foi no ano 544. O 17 de decembro do 546, os gardiáns aliáronse co exército ostrogodo e abriron as portas da cidade, consentindo a invasión. Roma foi tomada, os seus muros destruídos e os seus habitantes perseguidos.

Na primavera do 547, Belisario conseguiu liberala, e o segundo asedio de Tótila en maio do mesmo ano non tivo éxito. No outono do 549, Totila asediou Roma por terceira vez e logrou conquistala grazas a unha nova traizón dos gardiáns que abriron as portas ao seu exército. A cidade tivo poucos sobreviventes e o Senado romano transferiuse case por completo a Bizancio.

 
Siliqua de Tótila cuñada na ceca de Pavia.

Logo da segunda conquista de Roma, Tótila fixo unha campaña de propaganda, na cal puxo en enfrontamento o estilo de vida dos ostrogodos no tempo de Teodorico o Grande, cos anos de sufrimento, da guerra e da política fiscal de Xustiniano I. Tivo menos éxito coa política exterior, xa que non conseguiu facer unha alianza cos francos.

No 551, Xustiniano I entregou o mando do exército bizantino ao xeneral Narsés, e mandouno a liberar Italia. As súas tropas entraron en Italia polo norte a través dos Balcáns, evitando as liñas defensivas ostrogodas. Tótila entón abandonou Roma, levando consigo 300 novos reféns escollidos entre as familias máis importantes da cidade.

O 30 de xuño ou o 1 de xullo do 552, o exército ostrogodo foi derrotado en Umbría baixo as frechas dos arqueiros do exército de Narsés, nunha batalla en Gualdo Tadino. Tótila morreu na batalla ou durante a fuga, e os ostrogodos reuníronse baixo o seu último rei en Italia, Teia, este matou os 300 novos reféns de Tótila, e o mesmo fin tiveron todos os prisioneiros e as familias senatoriais. Con todo, debido á perda da maior parte da cabalaría, que non puido ofrecer unha resistencia adecuada, o soño dos ostrogodos dun reino en Italia tivo o seu fin.

Véxase tamén

editar
Predecesor:
Erarico
Rei dos ostrogodos
542552
Sucesor:
Teia