Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos

O Sistema Europeo de Transferencia e Acumulación de Créditos (ECTS, polas siglas do inglés European Credit Transfer and Accumulation System) é un sistema utilizado polas universidades europeas para validar materias e, dentro do denominado proceso de Boloña, cuantificar o traballo relativo ao estudante que traballa baixo os graos auspiciados polo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).[1] Aínda que podería parecer que os créditos deste tipo se crearon a partir do devandito proceso de converxencia europea, en realidade xa se utilizaron en iniciativas de mobilidade estudantil anteriores como, por exemplo, o programa Erasmus.

Calquera sistema de asignación de créditos debe ter o seu equivalente en créditos ECTS. Os créditos resultantes do proceso de Bolonia terán unha equivalencia exacta con respecto ao resto de universidades europeas, polo que unha das principais motivacións é a integración e a interacción dos estudantes nun marco continental.

Cómpre salientar que os créditos ao abeiro da Lei orgánica 11/1983, de reforma universitaria (LRU) só cuantifican o número de horas de traballo do alumnado na aula, mentres que os ECTS fan referencia ao traballo na clase e fóra dela; é dicir, indican canto tempo ten que dedicar o alumno a unha materia para poder aprendela (e aprobala).

Baseándose na idea de que cada curso universitarios debe constar de 60 créditos ECTS, faise unha equivalencia en relación á cantidade de horas anuais que o alumno debe estudar (arredor de 1.500 ou 1.800 horas), do que o resultado é 25 ou 30 horas de traballo relativo ao estudante por cada crédito.[2]

O uso deste tipo de créditos non só reflicte unha maneira de cuantificar o ensino universitario senón que este, ao se centrar na tarefa do alumno e non na do profesor, require un cambio metodolóxico que consiga pór o alumno no centro do proceso de ensino e aprendizaxe, sendo coherente cos principios construtivistas que pon a énfase en que a educación a realiza, principalmente, o suxeito que aprende e non o profesor.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar