Shio Batmanishvili

Shio Batmanishvili[1] (en xeorxiano: შიო ბათმანიშვილი), nado en 1885 en Akhaltsikhe e executado o 1 de novembro de 1937 preto de Medvezhegorsk (RASS de Carelia, RSFS de Rusia), foi un sacerdote greco-católico xeorxiano.

შიო ბათმანიშვილი
(Shio Batmanishvili)
Sacerdote da Igrexa católica latina
Biografía
Nacemento1885 en Akhaltsikhe, gobernación de Tiflis, Imperio Ruso
Pasamento1 de novembro de 1937 en RASS de Carelia, RSFS de Rusia
Administrador apostólico dos greco-católicos xeorxianos
1925 - 1937

Traxectoria editar

Batmanishvili naceu en 1885 en Akhaltsikhe, na gobernación de Tiflis do Imperio Ruso (hoxe en Xeorxia).[2][3] Estudou no seminario de Constantinopla e posteriormente Teoloxía en Roma, sendo ordenado sacerdote en 1912.[2][3] Inicialmente exerceu o seu ministerio en Kutaisi e en Akhaltsikhe, e a partir de 1922 foi superior do mosteiro dos Servitas da Inmaculada Concepción en Constantinopla.[2][3] En 1925 foi recibido polo papa Pío XI xunto a un grupo de sacerdotes católicos orientais, e nomeado administrador apostólico (algunhas fontes indican que exarca) para os católicos xeorxianos de rito bizantino.[2][3]

 
Tarxeta de visita de Shio Batmanishvili.

O 16 de outubro de 1927 foi arrestado en Tbilisi[2] e o 16 de xaneiro de 1928 sentenciado a dez anos de traballos forzados, sen posibilidade de amnistía, baixo os artigos 58-6 e 58-12 do código penal da RSFS de Rusia, e foi enviado ao campo de Solovki, a onde chegou o 12 de febreiro.[2][3] En xullo de 1932 foi acusado de axitación antisoviética, celebrar liturxias e rituais relixiosos, e transmitir ao exterior información sobre a situación dos católicos na URSS; como resultado foi illado do resto de prisioneiros.[3] En maio de 1935 foi trasladado a traballar no ferrocarril de Kirov, e en xuño de 1936 volveu a Solovki. O 14 de outubro de 1937 foi sentenciado a morte polo Directorado do NKVD[2] e executado o 1 de novembro preto de Medvezhegorsk.[2][3][4]

Notas editar

  1. Tamén Szijo Batmaniszwili, Sio Batmanisvili, Šio Batmanišvili, Chio Batmanisvili, Шио Батманишвили. Tamén citado como Batmalashvili, no que semella un erro de transcrición.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 Dzwonkowski, Roman (1998). Losy duchowieństwa katolickiego w ZSSR 1917-1939: martyrologium (en polaco). Towarzystwo Naukowe Katolickiego Uniwersytetu Lubelskiego. pp. 153, 579. ISBN 9788386668670. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Чаплицкий, Бронислав; Осипова, Ирина Ивановна (2000). Книга памяти: мартиролог Католической церкви в СССР (Kniga pamiati: martirolog Katolicheskoi tserkvi v SSSR) (en ruso). Серебряные нити (Serebrianye niti). p. 19). 
  4. Riccardi, Andrea (2000). Il secolo del martirio (en italiano). A. Mondadori. p. 52. ISBN 9788804476870.