Setembro Negro (en árabe, أيلول الأسود, Aylūl al-Aswad) foi unha organización terrorista palestina, fundada en 1970.

Historia e características

editar

Tivo nexos con diversos grupos dentro da OLP, principalmente con Al-Fatah,[1] por entón dirixida por Yasser Arafat, e máis tarde co FPLP.

O nome "Setembro Negro" provén dos acontecementos que enfrontaron a combatentes palestinos co exército xordano en setembro de 1970 (véxase Setembro Negro (historia)). A primeira acción do grupo foi o asasinato do Primeiro Ministro de Xordania, Wasfi Tall, o 28 de novembro de 1971. Wasfi Tall foi clave para a expulsión dos combatentes palestinos de Xordania en 1970-1971.

O seu acto máis coñecido foi o Masacre de Múnic, nome que se lle deu ao secuestro e asasinato de once atletas israelitas durante os Xogos Olímpicos de 1972. No acto ademais perderon a vida cinco membros de Setembro Negro e un policía alemán.

Outros actos atribuídos a Setembro Negro son o intento de asasinato contra o embaixador xordano en Londres (decembro de 1971), o sabotaxe dunha instalación eléctrica alemá occidental e dunha planta de gas holandesa (febreiro de 1972), o secuestro dun avión comercial belga que voaba desde Viena a Tel Aviv (maio de 1972) e o atentado contra a embaixada saudita no Sudán, que custou a vida a 3 persoas, entre elas o embaixador dos Estados Unidos de América (marzo de 1973).

Logo deste último atentado, a organización foi desmantelada ao parecer debido a presións da OLP (que viu que os actos terroristas non facían máis que prexudicar a causa palestina) e os asasinatos do Mossad, en operación coñecida como Cólera de Deus, que acabaron coa vida de moitos líderes desta organización.

A partir de 1974, outras agrupacións como Abu Nidal e o Fronte Popular para a Liberación de Palestina (FPLP) comezaron a relacionar o nome Setembro Negro con algúns dos seus propios actos; con todo, o máis probable é que estes grupos non tivesen nada que ver coa organización orixinal.

  1. "Houbo un problema de cohesión interna entre a OLP e Al-Fatah, con extremistas que demandaban cada vez máis militancia. Os moderados aparentemente accederon á creación de Setembro Negro para sobrevivir" (Benny Morris, Righteous Victims: A History of the Zionist-Arab Conflict, 1881-2001. Vintage Books, 2001. p. 379).