Sembat II Tiezerakal

Rei de Armenia

Sembat II Tiezerakal (Amo do mundo) foi rei de Armenia bagrátida en Ani do 977 ao 989.

Sembat II Tiezerakal
Nacementoséculo IX
Falecemento989
Lugar de falecementoAni
RelixiónIgrexa Apostólica Armenia
Ocupaciónmonarca
PaiAshot III da Arménia
NaiKhosrovanuysh
IrmánsKiurike I e Gagik I da Arménia
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria Editar

Ao comezo do seu reinado Bardas Skleros, xeneral e cuñado do emperador bizantino Xoán Tzimiscés, e gobernador do thema de Mesopotamia, sublevouse (976) contra Basilio II e obtivo unha vitoria sobre os imperiais no thema de Likandos (finais do 976) supostamente gobernado por Sakhakios Brakhamios (Sahak Bahram) que sería de orixe armenia e favorable a Skleros. Este último obtivo tamén o apoio dos príncipes espoliados de Taron, Grigor e Pankratios (fillos de Ashot e netos de Gregorigos) e do seu curmán Romanos (fillo de Bagarat ou Pankratios), e tamén dun príncipe denominado Zaphraki, señor de Mokq ou Moxoene. En 978 Skleros derrotou en Amorium a Bardas Focas, enviado contra el. Bardas retirouse ao thema de Kharsianos, e despois a Sebaste onde pediu axuda ao curopalata de Klardjetia David, ao que, a cambio da axuda, lle cederon uns cantos distritos fronteirizos que foron Khaltoyarish, Tshormairi ou Tzurmere, Karin, Basean ou Fasiana, a fortaleza de Sevuk ou Mardali (hoxe Tekman), e prometéronlle tamén Harq e Apahuniq, é dicir, as terras do antigo emirato de Manazkert. David enviou doce mil homes dirixidos por Xoán Thornik e cun lugartenente de nome Djodjk, grazas aos cales Bardas Focas esmagou a Skleros na batalla de Pankalia o 24 de marzo de 979.

Reformou a cidade de Ani e no último ano do reinado empezou unha catedral (que acabou a súa irmá Katramida). Tamén construíu un mosteiro en Marmashen (un afluente oriental do Akhurean) construción encargada a Bahram Pahlavuni (foi acabado máis tarde do 994).

En 982 o seu irmán Gurgen, que recibira do pai o feudo de Tashir con Lorri como capital, (incluíndo o Tzoroget, o país do Sevordiq, os distritos de Kaien, Kaidzon, Khorkhoruniq e Bazkert (territorios denominados polos xeorxianos Somkhetia) tomou o título real (Thagavor = rei) sen que Sembat II puidese evitalo. Esta dinastía (reis Korikian de Lorri e tamén reis dos Aluanq ou Aghuans e reis de Tzoroget) durou do 982 ata a metade do século XIII. Gurgen morreu sobre o 989 e sucedeuno o seu fillo David Anholin (989-1048).

As relacións de Sembat II co seu tío Mushel rei de Kars foron tensas. A fortaleza de Shatik, que era de Mushel, foi ocupada por Sembat e Mushel pediu axuda ao curopalata de Klardjetia David (990-1001) que veu a Armenia e acampou en Bavatsdzor ao Shirak. Sembat tivo que devolver a Mushel a fortaleza de Shatik, e estableceuse a paz. Pero Mushel non quedou satisfeito e aliouse co musafírida Abul Haidja (Abelhadj) emir de Dwin e Arran. Este entrou en Vanad (Kars) pero fixo destrucións de igrexas; entón atacou ao emir de Goltn (Ordubad, ao sueste de Nakhichevan), Abu Dulaf al-Shaybani (dinastía Shaybànida de Goltn), que o derrotou e tomoulle as súas posesións armenias, principalmente Dwin e máis tarde Arran.

O emir kurdo de Ardjesh e Khelat, o marwanida Badh (Abu Abdallah al-Husain ben Daustak al-Tsharbukhti), mentres, conquistara en 983 Diyar Bakr, Mayyafariquin e Nisibe, que antes posuíran os emires búyidas ou Buwayihdes de Djibal e aproveitou as guerras dos bizantinos para fortificar Manazkert. Entón atacou e saqueou Mush no Taron e conservou Apahuniq (Manazkert) e Diyar Bakr ata a súa morte en 990 ó 991.

Sobre 987 o emir rawwádida Abul Haidja ben Rawwad (non confundir co musafírida Abul Haidja de Dwin e Arran, derrotado por Abu Dulaf e despois refuxiado en Constantinopla e devolto a Armenia, onde foi asasinado por un criado) derrotou ao emir Abu Dulaf de Goltn (este de Nakhichevan) e seguiu ata Dwin, que se lle someteu. Entón considerouse ostikan de Armenia como tempo atrás e demandou o tributo aos príncipes armenios. Sembat II, para evitar a guerra, pagou o tributo pedido e logo disto o emir volveu a Acerbaixán. En 988 o emir morreu durante unha expedición a Vaspurakan e o seu fillo e sucesor Mamlam ben Abul Haidja asinou un tratado de paz con Sembat II.

Despois do 979, canto acabou a revolta de Bardas Skleros, a política bizantina dirixiuse a prohibir o culto armenio entre os numerosos armenios do imperio, establecidos en Tracia e Macedonia, Capadocia e Cilicia entre outros lugares. Máis tarde pediuse ao patriarca Khatshik I que se unise á igrexa grega, cousa que non aceptou. En 986 Bardas Skleros volveu do seu exilio a Bagdad e proclamouse emperador en Melitene, e pediu a axuda do emir kurdo marwanida Badh, señor de Diyar Bakr, Khelat, Ardjesh e Manazkert. O emir envioulle ao seu irmán Abu Ali e numerosos soldados. Doutra banda o xeneral bizantino Bardas Focas sublevouse en Kharsian en Capadocia e tamén se proclamou emperador (15 de agosto do 987) e por unha traizón capturou a Skleros e encerrouno na fortaleza de Tyariaion (Ilghin) o 12 de setembro do 987. Os continxentes marwanidas volveron aos seus dominios pero aproveitaron para saquear territorios armenios. Niceforo Focas, fillo de Bardas, foi ao curopalato de Klardjetia e pediu axuda a David, que lle deu dous mil cabaleiros, ás ordes de dous fillos de Bagarat señor de Khaldia, probablemente dous príncipes de Taron (Romanos e un irmán) ou ben o lugartenente de David, Tshordvanel e o seu irmán; en cambio, Grigor, fillo de Ashot, da outra rama taronita, participou na loita ao lado de Constantinopla, e desembarcou con tropas en Trebisonda, que distraeron aos auxiliares xeorxianos de Focas. Entón Bardas puido ser derrotado na batalla de Abidos, nos Dardanelos, o 13 de abril do 989. Mentres os xeorxianos derrotaran a Grigor e apoderáranse de Derxene e Taron. Contra eles enviou o emperador ao patricio Xoán Portiz que gañou aos seus inimigos na chaira de Bagarich no Djerdjan (990). David de Kartli someteuse ao Imperio e prometeu que ao morrer había transferir os seus estados (Taiq ou Taoklardjetia) ao Imperio (David xa era maior e non tiña fillos): Basilio confirmou a David como curopalata.

Logo disto David enfrontouse con Bagrat III o unificador de Abiasia. Segundo o historiador armenio Asolik (non se menciona nas fontes xeorxianas) David (e o seu aliado Bagrat II Regwan de Kartli) pediu axuda ao rei de Armenia que foi con continxentes propios, do rei de Kars, do de Vaspurakan, do de Siunia e do de Aghuania e Bagrat pediu a paz. Bagrat tivo que ceder como indemnización de guerra a fortaleza de Sakhureth preto de Shamshwilde, que foi dada a Sembat (volveu a Abiasia á morte do rei).

Ao final da súa vida o historiador Asolik repróchalle unha execución inxusta dun tolo; unha alianza co emir Abul Haidja contra Abu Dulaf, e relacións coa súa sobriña, filla da súa irmá.

Sembat II morreu en 989 e sucedeuno o seu irmán Gagik I.