Santiago Amado

militar galego

Santiado Amado Lóriga, nado na Coruña o 12 de abril de 1890 e finado en Zaragoza o 30 de xaneiro de 1974, foi un militar galego.[1][2] Combateu nas campañas de África, na guerra civil española e na segunda guerra mundial coa División Azul. Foi director da Academia de Infantaría (1939-1943) e da Academia Xeral Militar (1946-1950).

Santiago Amado
Nacemento12 de abril de 1890
 A Coruña
Falecemento30 de xaneiro de 1974
 Zaragoza
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmilitar
PremiosHijo Adoptivo de Zaragoza
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo de Enrique Amado Ibáñez, comandante graduado, capitán do Batallón de Cazadores de Reus, e Pilar Loriga Álvarez de la Borbolla. En 1907 preparou as súas oposicións para ingresar na Academia de Infantaría como membro da XIV Promoción e graduouse en 1910 como Segundo Tenente. Foron compañeiros seus de promoción varios destacados xefes militares durante a guerra civil española, como Francisco Franco, Camilo Alonso Veiga, Juan Yagüe, Eduardo Sáenz de Buruaga, Ricardo Villalba Rubio e Emilio Esteban Infantes. Tamén pertenceu á XIV Promoción Fernando Díaz Giles, autor do Himno da Academia de Infantaría, que se utiliza actualmente como Himno da Arma de Infantaría.

Participou nas campañas de Marrocos a partir de setembro de 1911, e alí obtivo diversas condecoracións. En xullo de 1912 foi ascendido a Primeiro Tenente en xullo de 1912, e en novembro de 1916 a Capitán. Desde entón centrouse en realizar os seus estudos universitarios e dedicarse ao ensino. Licenciouse en Ciencias exactas na Universidade de Zaragoza, na que durante varios cursos foi profesor de Análise matemática e Xeometría.

Durante a década de 1920, sendo Capitán, fundou o Instituto Amado, que era unha academia, como as que existían nas cidades máis importantes do país, na que se podía estudar o Bacharelato e os cursos preparatorios dalgunhas Facultades. Tamén se preparaban alí alumnos para o ingreso nas Escolas de Enxeñeiros e nas Academias Militares, ou para as coñecidas oposicións a Avogados do Estado, Xudicatura, Notarías e Rexistros, ou para outros moitos concursos a corpos do Estado. No Instituto Amado formábanse ademais estudantes de Dereito, Letras, Ciencias, Comercio e Maxisterio. Amado, persoalmente, encargábase do ensino das matemáticas e entre o profesorado, con cuxa colaboración contou, podemos citar personaxes tan relevantes como Juan Cabrera, que logo foi Reitor da Universidade de Zaragoza, Ramón Serrano Suñer, quen máis tarde ocupou o Ministerio de Gobernación e o de Asuntos Exteriores, e Xosemaría Escrivá de Balaguer, que deu clases de Dereito romano e Canónico.

Guerra civil españolaEditar

Ao comezar a guerra civil española, estaba destinado de comandante no Rexemento de Infantaría núm.17, de guarnición en Zaragoza. En agosto, téntouse formar en Zaragoza unha unidade a imaxe e semellanza dun Terzo da Lexión. O Terzo chamábase Sanjurjo e estaba formado por tres Bandeiras. O comandante Peñaredonda, antigo capitán da Lexión retirado en 1931, formou a I Bandeira “Valenzuela” en agosto, e Amado a II “Palafox” en setembro, a III “Ricardos” non chegou a formarse. A mediados de outubro, disolveuse a I Bandeira e o proxectado Terzo, e todos os seus compoñentes fusiónanse na Bandeira de Amado que pasou a chamarse Bandeira Sanjurjo e integrarse na Columna Móbil de Aragón, logo coñecida como Brigada Móbil, combatendo por toda a fronte de Aragón.

En agosto de 1937, a Bandeira Sanjurjo pasou a pertencer oficialmente á Lexión, coa numeración de XVª. O Guion da Bandeira levou o das Armas do Escudo de Aragón. En outubro de 1937, Amado ascendeu a tenente coronel por méritos de guerra, sendo, un mes máis tarde, habilitado a coronel. Tomou entón o mando da I Brigada da recentemente creada División 53 (Corpo de Exército de Aragón). Máis tarde, mandou a División núm. 108 (Corpo de Exército de Galicia), coa que participou na toma de Castelló de la Plana e Valencia. En agosto de 1939 concedéronlle a Medalla Militar Individual.

Trala guerra civil española e na División AzulEditar

En outubro de 1939 foi nomeado director da recentemente creada Academia de Transformación de Alféreces provisionais de Infantaría, posto que ocuparía até 1943.

En 1943 tomou o mando do Rexemento 263 da División Azul, que exerceu apenas catro meses, até o 8 de outubro do mesmo ano, en que cesou no mando por motivo do seu ascenso a Xeneral a finais de setembro. Pasou entón a ser Xefe da Infantaría Divisionaria e segundo Xefe da División Azul, que comezou pouco despois o seu proceso de disolución e regreso a España. En diversas ocasións exerceu o mando accidental da unidade.

Destinos de XeneralEditar

De regreso a España, en xaneiro de 1944, foi nomeado Xefe da Infantaría da División núm. 52 de Montaña (Huesca).

En marzo de 1946, foi nomeado Director da Academia Xeral Militar. Durante a época na que foi Director da Academia Xeral Militar de Zaragoza, non esqueceu o seu carácter universitario e de home de ciencia e fixo todo o posible por intensificar os lazos de unión entre a Academia e a Universidade mediante reunións, conferencias e festas en común que beneficiaron a ambos os centros.

En decembro de 1946, na Academia Xeral Militar inaugúrase o Museo de los Sitios, do que foi fundador, coincidindo coa entrega de despachos dos tenentes da I Promoción.

En febreiro de 1950, creou o Padroado do Museo de los Sitios, co obxecto de coidar o Museo que pronto desaparecería tras ascender Amado a Xeneral de División e abandonar a Academia. En marzo de 1950 ascendeu a Xeneral de División. En abril de 1950, foi nomeado Gobernador Militar de Burgos e Subinspector da VI Rexión Militar. En setembro de 1951, foi nomeado Xefe da División núm. 51 de Montaña (Zaragoza). En abril de 1952, foi nomeado Xefe da División núm. 62 de Montaña e Gobernador Militar de Pamplona. En abril de 1954, pasou ao Grupo de destinos de Arma ou Corpo. En maio de 1954, foi nomeado Conselleiro do Consello Supremo de Xustiza Militar. En setembro de 1956, ascendeu a Tenente Xeral, e pasou á Reserva.

Despois do retiroEditar

No ano 1958, no marco do VI Curso de Conferencias con motivo do CL aniversario da Guerra da Independencia, a Universidade de Zaragoza publicou a obra La Guerra de la Independencia española y los sitios de Zaragoza que recolle as achegas de diferentes autores, do ámbito militar e universitario, sobre cuestións técnicas, tácticas e organizativas da Guerra, aspectos ideolóxicos, os guerrilleiros... e na que Amado é autor do capítulo “Palafox, General de un Ejército, Caudillo de un pueblo”.

En marzo de 1964, ingresou na Real Academia de Ciencias de Zaragoza, como académico de número, substituíndo ao Pai Patricio Mozota, e lendo o discurso sobre “Tres siglos de influencia del Ejército en el progreso y divulgación de las matemáticas en España”, no que recolle importantes datos para a reconstrución da historia das Matemáticas en España. O seu discurso foi contestado, en nome da Academia, polo catedrático e enxeñeiro militar José Estevan Ciriquian. Como mostra da súa dobre condición de militar e matemático está precisamente este discurso que presentou para o seu ingreso nesta Academia de Ciencias.

Vida persoalEditar

Casou na capela de san Xosé, propiedade da súa familia, con Sara Martínez Cotrófe o 20 de maio de 1917.

NotasEditar

  1. Necrolóxica en La Voz de Galicia, 3-2-1974, p. 42.
  2. Fallece en Zaragoza el Teniente General Amado Loriga, ABC, 1-2-1974, p. 35.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Ackermann, Juan. A las órdenes de vuecencia. 
  • Altaffaylla Kultur Taldea (1986). Navarra, 1936. De la Esperanza al Terror. ISBN 978-84-203-1234-7. 
  • Bértolo Ballesteros, José M.; Ferro Pego, Luis (2018). "A saga dos Loriga" (PDF). Nalgures XIV: 109–156. 
  • Caballero, Carlos (1991). Blue División Soldier 1941-1945. ISBN 978-84-604-0033-2. 
  • Cardona, Gabriel. Franco y sus Generales. 
  • Garay de Pablo, José. Discurso de ingreso en la Academia de Ciencias Exactas, Físicas, Químicas y Naturales de Zaragoza. 
  • Kleinfeld, Gerald R.; Tambs, Lewis A. La División Española de Hitler: La División Azul en Rusia. 
  • La Legión, 50 años de Historia Tomo I. La Legión. 1970. 
  • Torres, Francisco. División Azul. 
  • Vadillo, Fernando (1994). Y Lucharon en Krasny Bor. García Hispán. ISBN 978-84-876-9019-8.