Salgueiro retorto

especie de planta
(Redirección desde «Salix matsudana»)
Salgueiro retorto

Tirarrollas (corkscrew), variante do salgueiro retorto (Salix matsudana cv. 'Tortuosa') plantado no Xardín botánico de Montreal no Canadá
Clasificación científica
Reino: Plantae
(sen clasif.) Angiospermae
(sen clasif.): Eudicotyledoneae
(sen clasif.): Rosidae
Orde: Malpighiales
Familia: Salicaceae
Xénero: Salix
Especie: S. matsudana
Nome binomial
'Salix matsudana'
Koidz.

O salgueiro retorto ou salgueiro tortuoso (Salix matsudana) é unha especie de salgueiro nativo do nordés da China. A especie chámase deste xeito en honra a Sadahisa Matsuda, un botanista xaponés.[1] Recoñécense tres variedades, Salix matsudana var. anshanensis, S. matsudana var. matsudana, e S. matsudana var. pseudomatsudana. O cultivo da especie é moi común na China. A variedade hortícola coas pólas retortas, que realmente dá o nome galego, é amplamente cultivado; en inglés coñécese coma corkscrew willow (literamente "salgueiro tirarrollas"), é amplamente cultivado. Ás veces considérase sinónimo do salgueiro chorón (Salix babylonica). En Galiza aparece como ornamental en parques e xardíns urbanos.

Descrición editar

Salix matsudana é unha árbore de folla caediza de mediano a gran tamaño e rápido crecemento que acada de 6 a 13 metros de alto; mais que ten unha vida curta. E unha árbore dioica, con candeas masculinas e femininas en pés distintos. As follas son estreitas, de cor verde clara, entre 4–10 cm de longo e 1–2 cm de largo. As flores aparecen en candeas que aparecen cedo na primavera[1][2]

Clasificación editar

A Flora of China (Flora da China)[1] recoñece tres variedades dentro da especie Salix matsudana:

  • Salix matsudana var. anshanensis, endémica de Liaoning Provincia do nordés da China.
  • S. matsudana var. matsudana, moi común no nordés da China.
  • S. matsudana var. pseudomatsudana, atopada soamente nas provincias de Hebei, Heilongjiang, e mais de Liaoning.

Moitos botanistas, salientando o experto en salgueiros ruso Alexei Konstantinovich Skvortsov, trata o Salix matsudana coma sinónimo do salgueiro chorón (Salix babylonica), que, malia o nome científico, tamén é nativo do norte da China. A única diferenza identificada entre ambas as dúas especies é que S. matsudana ten dous nectarios en cada flor feminina, mentres que S. babylonica ten só un; porén esta característica é variábel en moitos salgueiros (por exemplo o salgueiro irto, Salix fragilis, pode ter un ou dous), polo que incluso esta diferenza non sería unha motivo de distinción das dúas especies.[3]

Cultivo e usos editar

O salgueiro retorto foi introducido en moitas zonas coma planta ornamental, por exemplo Australia, Europa (incluíndo Galiza) e América do Norte.

Un cultivar moi popular desta especie e que dá o nome en galego é Salix matsudana 'Tortuosa', coñecido en inglés coma "Corkscrew willow" (literalmente "salgueiro tirarrollas"), cuxas pólas fican retortas en espiral, coma un tirarrollas. É tamén moi cultivado coma bonsai e empregado en arranxos florais, tanto pola súa forma como polas súas pólas tortas. Porén, este cultivar é susceptíbel aos cancros, e tamén, pola febleza das pólas e da madeira, pode facilmente danarse coas tormentas e saraibas. Os cultivares que foron seleccionados para resistir isto inclúen "Golden Curls" (un híbrido co salgueiro branco (Salix alba)); "Scarlet Curls"; e "Navajo", o "Salgueiro Navajo" foi seleccionado no suroeste dos Estados Unidos.

Outro cultivar híbrido dos salgueiros retorto e branco é o "Austree"; un cultivar cun crecemento rápido excepcional coas pólas rectas, empregado coma pantalla e en sebes. Porén este cultivar é tamén sensíbel aos cancros e outras doenzas; facéndoo de duración curta.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Flora of China: Salix matsudana". Consultado o 12 de agosto de 2011. 
  2. Huxley, A., ed. (1992). New RHS Dictionary of Gardening. Macmillan ISBN 0-333-47494-5.
  3. Bean, W. J. (1980). Trees and Shrubs Hardy in the British Isles 8th ed., vol. 4. John Murray ISBN 0-7195-2428-8.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar