Romaría do Rapaz

A Romaría do Rapaz é unha festa lúdica para nenos que ten lugar no mes de xuño no contorno do Santuario da Saleta, en Siador, no concello pontevedrés de Silleda.

Anfiteatro no que se celebran actos durante a Romaría do Rapaz

Considerada única a nivel galego e español, a súa primeira edición celebrouse no ano 1989. Nela lévanse a cabo obradoiros de manualidades, actividades multiaventura e xogos tradicionais, ademais de actuacións de magos, pallasos ou agrupacións musicais. Nese día, o contorno do Santuario da Virxe da Saleta, onde tamén se celebra a romaría da Saleta, énchese de familias que aproveitan o equipamento existente ao pé dos carballos para xantar, merendar ou cear. O acto máis importante do día é o desfile de modelos con traxes elaborados con material de refugallo polos propios nenos e pais.

Esta apoiada polo Concello de Silleda, a Comunidade de Pais Saletinos e distintas institucións e colectivos.