Rock and roll

xénero musical
(Redirección desde «Rock & Roll»)

O rock and roll ou rock'n'roll é un xénero musical orixinado na década de 1950, a partir do chamado rhythm and blues, música negra estadounidense.

Rock and roll
Orixe musicalblues, country, rhythm and blues, R&B, gospel
Orixe culturalanos 40-50 en Nova Orleáns, St Louis, Boston, Texas nos Estados Unidos
Instrumentos típicosguitarra, guitarra eléctrica, baixo eléctrico, batería, piano
DerivadosMúsica rock, rockabilly, pop
Elvis Presley

Historia e características

editar

As diferenzas do Rock coas músicas das que provén, (Country e Blues, son máis de énfase e de actitude que puramente musicais. A finais dos corenta comezaron a aparecer fusións entre os dous estilos, "Moving all over" (Hank Williams, 1947) e "Rocket 88" (Jackie Brenston, 1951) poden ser consideradas mostras iniciais de Rock, pero até que aparece a rebelión xuvenil, os topetes e o sexo entre adolescentes, a poder ser no asento traseiro dun automóbil, non se pode falar de Rock.

Por primeira vez os mozos non querían levar a vida dos seus pais e facían desta diferenza unha cuestión cultural. O rock canalizouna, deulle nome, serviulle de trilla sonora e moito máis que é difícil de comprender hoxe. Como ben dixo John Lennon, antes de Elvis Presley non había nada. A continuidade vese tamén en que a formación clásica do rock é aquela do Blues eléctrico de Chicago da que evolucionou principalmente: Voz, dúas guitarras, baixo e batería. Pese a tantas cousas en común non se pode falar do rock como un blues tocado por brancos, ao blues faltáballe o carácter explosivo e as gañas de vivir que transmiten desde os primeiros discos de Rockabilly até os Sex Pistols.

A partir de 1955 houbo unha explosión que abaneou os Estados Unidos. O rock invadiu as emisoras, os cines, as salas de baile e indignou á sociedade benpensante que contraatacou co escándalo Payola. A era do rock acabou en 1959, coa morte de Buddy Holly, Chuck Berry, Bo Diddley no caldeiro e Elvis facendo a mili en Alemaña, habería que agardar a que a semente prendese en Inglaterra e volvese no 1964 en forma de British Invasion para que o rock se convertese na plétora de variedades musicais co que o asociamos hoxe.

A invasión significou moitas cousas, desde unha volta ás raíces negras do rock até unha ampliación da súa base social e unha dignificación como forma artística, despois de discos como o "Revolver" dos Beatles ou o "Pet Sounds" dos Beach Boys o rock transcendeu o seu carácter de revolta xuvenil. Os setenta viron a disgregación da até entón sólida comunidade, por un lado os "dinosauros" (superbandas que facían tours interminábeis e tiñan un grande éxito repetindo o que fixeran nos sesenta) e o Rock sinfónico, por outro a música disco crearon un ambiente para a revolución do punk, que se musicalmente era un regreso á primitiva agresividade e proximidade do R'n'R, estética e politicamente significou unha ruptura que acentuou a división existente: un punk odiaba a un fan do rock comercial, nunha dicotomía que aínda se mantén.