Ricardo Atanes Castro

Ricardo Atanes Castro, nado en Cualedro o 5 de agosto de 1875 e finado en Xixón o 14 de agosto de 1936, foi un sacerdote católico latino galego, mártir na guerra civil, beatificado polo papa Francisco o 13 de outubro de 2013.

Ricardo Atanes Castro
Sacerdote da Igrexa católica latina
Biografía
Nacemento5 de agosto de 1875 en Cualedro
Pasamento14 de agosto de 1936 en Xixón
Ordes
Ordenación sacerdotal27 de maio de 1899
Orde relixiosaCongregación da Misión

Traxectoria editar

Naceu en Cualedro o 5 de agosto de 1875, fillo dos campesiños Antonio e Magdalena.[1][2] O parto foi difícil, e Ricardo foi bautizado no mesmo día do seu nacemento. Cursou os estudos básicos na escola rural, e posteriormente entrou no colexio dos lazaristas xunto ao santuario da Nosa Señora dos Milagres do Medo. Posteriormente, o 11 de maio de 1891 ingresou no noviciado da Congregación da Misión, e emitiu os votos o 6 de agosto de 1893.[1]

Continuou os seus estudos de Filosofía e Teoloxía na casa central da congregación en Madrid, e o 27 de maio de 1899 foi ordenado sacerdote. En outubro do mesmo ano foi enviado á misión de Mérida (Iucatán) onde ademais da labor misioneira foi profesor no seminario diocesano até 1909, cando deixou a docencia para dedicarse por enteiro á catequese aos maias de Xkanhá.[1][2]

En 1914 foi enviado a Fort Worth (Texas), onde permaneceu até 1924 atendendo á poboación de lingua castelá.[3] En 1924 foi enviado de volta a España, residindo inicialmente na casa de Ourense, da que foi nomeado superior en 1928.[1]

En 1935 foi destinado a Xixón, onde estaban aínda abertas as feridas da folga xeral revolucionaria de 1934 e había un ambiente hostil aos relixiosos. O 27 de maio de 1936 escribiu á súa sobriña, que lle pedía que volvese a Ourense pola súa seguridade:[1]

Agradezo moito a túa intención e o interese que tes por min. Mais iso non nos está permitido... Noso Señor sabía todo o que ía pasar: que o iban a crucificar e morrer na cruz. E El se mantivo no seu posto. Estamos ao seu servizo. Que dispoña de nós segundo El teña determinado. Pide moito por nós e coida moito do teu pai e irmanciños, e que algún día nos xuntemos no ceo.[1][4]

O 19 de xullo refuxiouse en casa dunha familia amiga, na que permaneceu por un mes. Mudouse entón a casa duns amigos, onde foi recoñecido un día asomado á xanela e denunciado. Foi detido e levado a unha checa próxima, onde recibiu unha forte malleira. De alí foi trasladado á igrexa do Sagrado Corazón, e desta á de San Xosé. O 14 de agosto foi trasladado xunto co resto de presos da igrexa (arredor de 100) ao lugar de Llantones, na parroquia de Llorio de Xixón, onde foi fusilado xunto ao resto de presos.[1][5]

Culto editar

Beato Ricardo Atanes Castro
Proceso de canonización
Beatificación13 de outubro de 2013, en Tarragona por Francisco
Veneración
Venerado/a enIgrexa católica
Festividade6 de novembro

Está aberta a súa causa de canonización pola vía do martirio como parte do grupo de Fortunato Velasco Tobar e 13 compañeiros da Congregación da Misión. Xunto a Ricardo Atanes, a causa inclúe a Tomás Pallarés Ibáñez, Salustiano González Crespo, Luis Aguirre Bilbao, Leoncio Pérez Nebreda, Andrés Avelino Gutiérrez Moral, Antoni Carmaniú Mercader, Fortunato Velasco Tobar, Pelayo José Granado Prieto, Amado García Sánchez, Gregorio Cermeño Barceló, Ireneo Rodríguez González, Vicente Vilumbrales Fuente e Narciso Pascual Pascual.[6]

Os foros competentes da causa (as dioceses onde foron martirizados) son as dioceses de Teruel e Albarracín, Urgell, Sigüenza-Guadalajara, e a aquidiocese de Oviedo.[6]

A causa de canonización de Ricardo Atanes comezou coa apertura do proceso informativo o 1 de decembro de 1960. Dito proceso informativo finalizou o 30 de marzo de 1970. O solicitante da causa é a súa sociedade, a Congregación da Misión. A súa causa foi unificada coa do resto de compañeiros o 23 de xaneiro de 1986 e enviada á Congregación para as Causas dos Santos.

O 5 de xullo de 2013 o papa Francisco promulgou o decreto que recoñecía o martirio de Ricardo Atanes e compañeiros,[7] e a cerimonia de beatificación tivo lugar o 13 de outubro do mesmo ano en Tarragona, e foi presidida polo cardeal Angelo Amato.[6][8][9] A súa festividade é o 6 de novembro.[10] No martiroloxio romano os beatos son lembrados deste xeito:

En distintos lugares de España, Beatos Fortunato Velasco Tobar e 13 compañeiros, da Congregación da Misión; asasinados por odio á fe (1934-1936).

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Fuente, Elías (1942). Paúles e Hijas de la Caridad: mártires 1936. Madrid: Editorial La Milagrosa. pp. 65–68. 
  2. 2,0 2,1 Historia de la familia Vicentina en Mexico: 1844-1994 1. Editorial CEME. 1993. ISBN 9788473490771. 
  3. Rybolt, John E., ed. (1988). The American Vincentians: A Popular History of the Congregation of the Mission in the United States, 1815-1987. Colaborador Vincentian Studies Institute. New City Press. p. 270. ISBN 9780911782615. 
  4. O texto orixinal, en castelán, foi: Agradezco mucho tu intención y el interés que tienes por mí. Pero eso no nos está permitido... Nuestro Señor sabía todo lo que iba a pasar: que lo iban a crucificar y morir en la cruz. Y Él se mantuvo en su puesto. Estamos a su servicio. Que disponga de nosotros según Él tenga determinado. Pide mucho por nosotros y cuida mucho de tu padre y hermanitos, y que algún día nos juntemos en el cielo.
  5. Montero Moreno, Antonio (2004). Historia de la persecución religiosa en España (1936-1939). Biblioteca de Autores Cristianos. pp. 346–348. ISBN 9788479147280. 
  6. 6,0 6,1 6,2 Conferencia Episcopal Española. "13 de octubre de 2013, Complejo Educativo de Tarragona (33 causas)". Arquivado dende o orixinal o 01/07/2017. Consultado o 09/05/2017. 
  7. "Promulgation of Decrees by Congregation for Causes of Saints". Vatican Information Service. 5 de xullo de 2013. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2017. Consultado o 9 de maio de 2017. Servant of God Fortunato Velasco Tobar, Spanish, and 13 companions from the Congregation of the Mission, killed in hatred of the faith in Spain between 1934 and 1936 
  8. Otero Ricart, J. A. (26 de outubro de 2013). "Los primeros beatos gallegos del papa Francisco". La Opinión (A Coruña). 
  9. del Caño, X. M. (9 de outubro de 2013). "Cinco nuevas beatificaciones sitúan a Ourense a la cabeza en el número de santos en Galicia". Faro de Vigo. 
  10. Conferencia Episcopal Española. "Santos y Beatos que celebran su fiesta litúrgica el mes de noviembre (1050)". Consultado o 9 de maio de 2017. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Fuente, Elías (1942). Paúles e Hijas de la Caridad: mártires 1936. Madrid: Editorial La Milagrosa. pp. 65–68. 

Ligazóns externas editar