Relevos da Capela do Santo Cristo de Ourense
Os relevos da Capela do Santo Cristo de Ourense son cinco esculturas do século XVIII, obra de Francisco de Castro Canseco. Están situados na Catedral de Ourense.
Relevos da Capela do Santo Cristo de Ourense | |
---|---|
Historia
editarOs cinco relevos foron realizados por Castro Canseco entre 1700 e 1702 para a Capela do Santo Cristo, no extremo norte da catedral. Xa desde 1698 o artista adoitaba colaborar con escultores como Pedro Ribeiro, Manuel Dionisio e Francisco Ribela, aínda que os relevos foron ao parecer elaborados na súa totalidade por Canseco. Con todo, é posíbel que algúns se deban ao seu taller en todo ou en parte.[1]
Descrición
editarAs pezas, de gran calidade, distribúense de maneira circular para adaptárense á planta da ábsida, presidida polo camarín do Santo Cristo. As tallas, algunhas case de vulto redondo, mostran clara influencia das imaxes procesionais de Gregorio Fernández en Valladolid, concretamente da Piedade da Sexta Angustia, obra do mesmo autor. Sumado ao anterior, en Italia consérvanse varias placas con idéntica iconografía, polo que o modelo debeu difundirse mediante gravados. As escenas mostradas nos relevos son a Flaxelación (esquerda), Descendemento (centro), Oración no Horto (dereita), Invención da Santa Cruz (superior esquerda) e Exaltación da Santa Cruz (superior dereita).[1] Os tres primeiros son os máis destacados, ao teren maior tamaño e atopárense á altura do público. Os outros dous sitúanse baixo o arco que limita o paramento e resultan apenas visibles polos ornamentos da capela e a proximidade do camarín. Todo isto achega estas obras do barroco á corrente churrigueresca.
Na escena da Flaxelación, Cristo aparece esculpido con boa técnica, malia non gardar as proporcións correctas. Os verdugos que o azoutan locen trazos moi marcados e rostros grotescamente dotados de fealdad e con aspecto cruel, en contraste co rostro sereno de Cristo, quen parece resignado. Poncio Pilato e os seus ministros, retratados ao fondo, son testemuñas do suplicio.
A Oración no Horto mostra a Jesús confortado por un anxo cara a quen estende o brazo para tomar un cáliz mentres reza no Monte das Oliveiras, consciente do destino que o agarda. Tres apóstolos durmidos completan a escena na zona inferior, aínda que non posúen boa perpectiva debido á estreiteza do espazo: San Pedro (a figura máis lograda), Santiago e San Xoán.
O relevo do Descendemento destaca respecto os dous anteriores polo feito de permitir unha mellor visión do mesmo, ao atoparse máis separado do camarín. A súa calidade superior e execución técnica levou a considerar a posibilidade de que as escenas da Flaxelación e a Oración no Horto sexan obra do taller de Castro Canseco. A Virxe sostén o corpo do seu fillo aos pés da cruz e figura acompañada por María Madalena, San Xoán, Nicodemo e Xosé de Arimatea. Destaca ao fondo unha representación pictórica da cidade de Xerusalén.[1]
Respecto aos dous relevos restantes, a escena da Invención da Santa Cruz atópase emprazada sobre a Flaxelación. Nela evócase a lenda que afirma que Santa Helena, nai do emperador Constantino, atopou a Vera Cruz. O relevo mostra a santa sostendo a cruz xunto co seu fillo e Macario, bispo de Xerusalén. A escena da Exaltación da Santa Cruz conmemora a recuperación da cruz, roubada polos persas en 614, grazas ao emperador Heraclio.[1]