Rego do Amenal, río Brandelos

Coordenadas: 42°55′29.0″N 8°23′59.6″O / 42.924722, -8.399889

O rego do Amenal é un afluente do río Brandelos que discorre polo concello do Pino, na comarca de Arzúa e ten unha lonxitude total de 3.470 metros[1][2].

Rego do Amenal
Rego do Amenal á altura da ponte do Amenal
PaísEspaña España
Comunidade AutónomaGalicia Galicia
NacementoSantiso, Castrofeito, O Pino
Altitude350 m
Lonxitude3,47 km
DesembocaduraRío Brandelos
Altitude desembocadura241 m
Cadea fluvialRego do Menal

Características editar

Nace preto da N-634, á altura do lugar de Santiso, a uns 350 metros de altitude[1], e desemboca no río Brandelos á altura do lugar de Alvarín, na parroquia de San Miguel de Pereira, a uns 241 metros de altitude[2], seguindo unha dirección norte-sur sen apenas describir grandes revoltas.

Ao pouco de nacer, preto da igrexa de Santa María de Castrofeito, a uns 220 m ao oeste do rego e 200 m ao norte da igrexa, atópase o castro da Roda ou de Castrofeito[3], que está moi alterado, aínda que os seus muros acadan os 6 m de altura no seu lado norte.

Tras pasar polo lugar de Rial, deixa á súa esquerda os montes da Revolta (pasando baixo da autovía de Santiago a Lugo) e de Telleiro, para, apenas a 2.580 metros do seu nacemento, encontrarse co rego do Menal, que ten unha lonxitude similar á súa. Isto sucede uns 60 m antes de pasar baixo a ponte do Amenal, pola que discorre o Camiño Francés a Santiago[2]. Desde este punto o Amenal segue uns 880 m ata encontrarse co rego da Fonte da Devesa, onde nace o río Brandelos que desde aquí se pasa a chamar así, fronte as fortes pendentes dos montes do Val nas que se encaixa o seu curso.

Conta con tres subafluentes, sendo o rego do Menal o máis importante deles, o único da súa marxe esquerda.

Etimoloxía editar

Este rego debe o seu nome ao lugar do Amenal, que atravesa xusto por onde tamén pasa o Camiño Francés. A orixe deste termo pode vir:

  • do fitónimo ameneiro (alnus glutinosa), do latín vulgar *AMINARIU, derivado da forma celta ameia, que significa "a carón do río", porque é aquí onde abundan[4]. É posible que a palabra amenal poida ser un topónimo abundancial que se refira a un conxunto de amieiros[5]. Neste último sentido os topónimos O Ameneiral, lugar que está poucos metros antes que O Amenal, e o rego de Menal virían a abundar no mesmo sentido, polo que teriamos tres topónimos de orixes idénticas uns ao lado dos outros
  • do hidrónimo ame-nale, que significa "meseta ou regato tranquilo"[6], ou da raíz céltica am- que derivaría nun amena- e pode significar "leito de río, gabia"[7]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Centro Nacional de Información Geográfica, ed. (2014). Mapa Topográfico Nacional de España. MTN25. 95-I (09-13). Sigüeiro (Mapa) (3ª ed.). 1:25.000. Madrid. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Centro Nacional de Información Geográfica, ed. (2014). Mapa Topográfico Nacional de España. MTN25. 95-III (09-14). San Marcos (Mapa) (3ª ed.). 1:25.000. Madrid. 
  3. Guía del patrimonio natural y cultural del Ayuntamiento de O Pino (en castelán). Concello do Pino. p. 95. 
  4. Fernández Salgado, Benigno (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 25. ISBN 84-8288-752-1. Consultado o 27-8-2020. 
  5. Cabeza Quiles, Fernando (2008). Toponimia de Galicia. Guías A-Z. Editorial Galaxia. p. 268. ISBN 978-84-9865-092-1. Consultado o 27-8-2020. 
  6. Mateo Sanz, Gonzalo (xullo de 2018). "La naturaleza en la toponimia española (II)". Flora Montibérica (71): 39. ISSN 1138-5952. 
  7. Moralejo, Juan José (2010). "Topónimos celtas en Galicia". Paleohispanica. Revista sobre lenguas y culturas de la Hispania Antigua (en castelán) (10 (Serta Paleohispanica in honorem Javier de Hoz)): 101–102. ISSN 1578-5386.