Ramón Blanco Rodríguez
Ramón Blanco Rodríguez, nado en Vimianzo o 20 de febreiro de 1952 e finado en Cádiz o 9 de maio de 2013, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de centrocampista e foi unha das grandes figuras da historia do Cádiz, tanto na súa etapa como futbolista, como nas diferentes etapas nas que adestrou o club andaluz.
Ramón Blanco | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Ramón Blanco Rodríguez | ||
Nacemento | 20 de febreiro de 1952 | ||
Lugar de nacemento | Vimianzo | ||
Falecemento | 9 de maio de 2013 | ||
Lugar de falecemento | Cádiz | ||
Posición | Centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
1965–1969 | Sportivo Italiano | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1969–1971 | Sportivo Italiano | ||
1972–1973 | Independiente | ||
1973–1974 | Mallorca | 34 | (0) |
1974–1976 | Betis | 14 | (0) |
1976–1980 | Cádiz | 98 | (16) |
1980–1981 | Recreativo de Huelva | 21 | (0) |
1981–1984 | Racing Portuense | 87 | (7) |
1984–1985 | Chiclana | ||
1985–1986 | Atlético Sanluqueño | ||
1986–1987 | Moguer | ||
Adestrador | |||
1990 | Cádiz | ||
1991–1992 | Cádiz | ||
1993 | Cádiz | ||
1993–1995 | Atlético Marbella | ||
1996–1998 | Cádiz | ||
1998–1999 | Almería | ||
1999–2000 | San Fernando | ||
2001–2002 | Granada | ||
2002–2003 | Torredonjimeno | ||
2003–2004 | San Fernando | ||
2012 | Cádiz | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Traxectoria
editarComo futbolista
editarNaceu no lugar de Cures, no concello de Vimianzo, de onde era súa nai, mentres que seu pai era natural das Barrosas, en Camariñas.[1] Aos catro anos emigrou cos seus pais á Arxentina, instalándose en Buenos Aires. Comezou a xogar ao fútbol no barrio de La Boca, e aos 12 anos ingresou na canteira do Sportivo Italiano.[2]
Con 17 anos debutou co primeiro equipo na Primeira B Nacional, a segunda máxima categoría do fútbol arxentino. Dous anos despois probou por primeira vez no fútbol español, no Real Oviedo, sen moita sorte, polo que regresou á Arxentina. Alí fichou polo Independiente, aínda que non chegou a debutar co primeiro equipo, xogando no canto diso co equipo filial.[2]
En 1973 regresou a España xunto ao tamén galego José Cuiñas, fichando os dous polo Mallorca, da Segunda División. Alí foi centrocampista titular xunto a Frigols e Niz, e chamou a atención do Betis, que o fichou para a tempada 1974/75 xunto a Cuiñas.[2] Aínda que debutou co equipo sevillano en agosto de 1974 no Trofeo Ciudad de Tarrasa, o seu debut oficial na Primeira División, categoría á que o club acababa de ascender, non se proudiu ata varios meses despois, na xornada 15 fronte ao Hércules no Benito Villamarín.[3] Permaneceu dúas campañas no club verde e branco, disputando 20 partidos oficiais.
En 1976 fichou polo Cádiz, que militaba en Segunda, acompañado de novo por Cuiñas. Xogou a maioría de partidos do club adestrado esa tempada por Enrique Mateos, sendo unha importante peza do equipo que logrou ese ano o primeiro ascenso da súa historia á Primeira División.[2] O paso do Cádiz pola máxima categoría durou só un ano, mentres que Ramón Blanco continuou no club ata 1980, disputando 117 partidos oficiais e anotando 20 goles.
Na tempada 1980/81 asinou co Recreativo de Huelva xunto a Ricardo Ibáñez e Caro, reclamados os tres polo adestrador Roque Olsen, técnico do Cádiz na tempada anterior. No equipo decano xogou 27 partidos e marcou un gol. Rematada a tempada, regresou á provincia de Cádiz, fichando polo Racing Portuense, onde xogou tres tempadas, estando a piques de lograr o ascenso a Segunda.[2]
Por último xogou no Chiclana CF, o Atlético Sanluqueño, e o Moguer, antes de colgar as botas en 1987.
Como adestrador
editarComezou a súa carreira como adestrador inmediatamente despois da súa retirada como futbolista. Comezou no equipo xuvenil do Cádiz en 1987, e na tempada 1988/89 converteuse en segundo adestrador de Helmut Senekowitsch no primeiro equipo.[2] Na tempada 1990/91 foi o segundo adestrador do arxentino Héctor Viera, ao tempo que adestraba ao Cádiz B, co que se proclamou campión da Terceira División. Trala destitución do arxentino, púxose á fronte do primeiro equipo, ao que logrou salvar do descenso a Segunda nunha histórica promoción de permanencia contra o Málaga, que se decidiu na quenda de penaltis.[4] Continuou como técnico na campaña seguinte, na que volveu salvar o equipo nunha nova promoción, esta vez contra o Figueres.[5]
Ao remate da tempada, non chegou a un acordo co club para a súa renovación, polo que foi substituído por José Luis Romero. Con todo, o adestrador madrileño foi cesado despois de lograr só dúas vitorias nas primeiras 18 xornadas, sendo contratado de novo Ramón Blanco, que tampouco puido evitar o descenso do club.[2]
Entre 1993 e 1995 adestrou o Atlético Marbella en Segunda División, e en decembro de 1996 regresou de novo ao Cádiz, que estaba agora en Segunda B, e que acababa de destituír a Juan Carlos Álvarez. Na tempada 1997/98 clasificou o equipo para a promoción de ascenso a Segunda, pero non conseguiu o obxectivo. Nos seguintes anos adestrou o Almería, o Granada, o Torredonjimeno e o San Fernando, este último en dúas ocasións, ata que deixou os bancos e dedicouse a outras labores, como a de comentarista en Canal Sur.
Na tempada 2012/13 Alessandro Gaucci convenceuno para sentar de novo no banco do Cádiz, na Segunda B, dirixindo o equipo en tres encontros trala destitución de Monteagudo e antes da chegada de Agné.[6]
Faleceu poucos meses despois, en maio de 2013, vítima dun derramo cerebral.[1]
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Ferreiro, José M. (11 de maio de 2013). "Luto en el fútbol por la muerte del vimiancés Ramón Blanco". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 26 de xullo de 2021.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 "Ramón Blanco, un jugador querido y un técnico respetado" (en castelán). 9 de maio de 2016. Consultado o 26 de xullo de 2021.
- ↑ "Fallece Ramón Blanco" (en castelán). 9 de maio de 2013. Consultado o 26 de xullo de 2021.
- ↑ "Recordamos la dramática promoción que jugaron el Cádiz y el Málaga en 1991". Canal Sur (en castelán). 11 de outubro de 2019. Consultado o 26 de xullo de 2021.
- ↑ "Otra noche de Primera en el estadio Carranza" (en castelán). 15 de xuño de 2017. Consultado o 26 de xullo de 2021.
- ↑ "Ramón Blanco vuelve al Cádiz... ¡14 años después!". Marca (en castelán). 21 de novembro de 2012. Consultado o 26 de xullo de 2021.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador en BDFutbol (en castelán).
- Datos do adestardor en BDFutbol (en castelán).