Río Draa

Río no noroeste de África

Coordenadas: 28°40′54″N 11°07′13″O / 28.68167, -11.12028

O río Draa, ou Daraa, Oued Drâa, ou Dra (en árabe وادي درعة — Dra°a; en bérber ⴷⵔⴰ - Dra) é o río máis longo de Marrocos (e de Alxeria, xa que en gran parte do seu percorrido fai de fronteira entre ambos os dous países).

Río Draa
Oued Drâa, Dra
O río Draa en Agdz
PaísMarrocos Marrocos
Alxeria
NacementoConfluencia dos ríos Dades e Imini
(Alto Atlas)
Lonxitude1 100 km
Conca29 500 km2
DesembocaduraOcéano Atlántico
Altitude desembocadura0 m, a 27 km ao norte de Tan-Tan

Nace no Alto Atlas e, tras un curso duns 1100 km, desemboca no océano Atlántico.

Xeografía editar

Tras o seu nacemento, o río ábrese paso entre os montes Saghro e Sirua, no macizo do Anti-Atlas, escavando o canón de Jeneg Taghia. Salvado o canón, baña a cidade de Agdz, onde empeza o val do Draa propiamente dito. Durante os seguintes 200 km convértese nunha sorte de cadea de oasis, chea de palmeirais e hortas, contrastando poderosamente coas secas e avermelladas montañas circundantes.

 
O río Draa, con detalle do seu nacemento.

O val encóntrase rodeado por alcázares (ksur ou ksar: castelo, fortaleza) construídos en adobe. Destacan Zagora e Mhamid, a chamada porta do deserto, situada ao final do val. Tamén Tamenougalt, antiga capital dos amazigh (bérberes), que foron os primeiros poboadores de Marrocos.

O Draa é un curso de auga singular: no século X era o río máis longo de Marrocos, discorrendo desde o seu nacemento no Alto Atlas cara ao sur polo que hoxe é a fronteira alxeriana formando, no seu curso medio, parte do actual límite alxeriano-marroquí ao longo duns 390 km, para despois virar cara ao oeste, durante centenares de quilómetros, e desembocar no océano Atlántico formando, no seu último treito, a fronteira norte do territorio de Cabo Juby.

Durante os últimos mil anos as condicións climáticas da zona alteráronse poderosamente, de forma que na actualidade as súas augas fíltranse nas areas do deserto pasado Mhamid, e proseguen o seu curso de forma subterránea, dirixíndose durante máis de 600 km cara ao Atlántico, coa súa desembocadura á altura de Tan Tan. Hoxe en día, só en anos de chuvia excepcional o Draa regresa ao seu antigo leito.

As tres seccións do Draa editar

  • Alto Draa: cos afluentes Dadés, Uarzazat e Ait Duchen, que drenan as ladeiras sur do centro do Atlántico e a ladeira norte da rexión (Anti-Atlas).
  • Draa medio: de Uarzazat, os seus afluentes únense nun só brazo que atravesa os chans moi duros do Anti-Atlas, formando unha sucesión de desfiladeiros e depresións, chamados feijas, onde están os oasis; aí encóntrase é o fermoso val do Draa, onde a estrada N9 percorre os illotes de verde a 92 metros de Agdz a Zagora, e despois a 108 km de Zagora a Mhamid.
  • Baixo Draa: é a parte máis longa e máis seca, porque está lonxe dos picos nevados do Alto Atlas. Esta sección é un verdadeiro uadi (río temporal), e o seu fluxo depende das perturbacións climáticas estacionais; cun alto caudal e inundacións no inverno e un nulo fluxo no verán, onde a demanda de auga é importante e crucial para a agricultura e o gando.

Poboación no val editar

Entre 100 000 e 200 000 persoas viven no val, dedicadas fundamentalmente á agricultura. O cultivo predominante no val son as palmeiras produtoras de dátiles. Cultívanse tamén cereais, legumes e diversas especies de árbores, como tamarindos, loureiros e acacias.

Historia editar

O Draa é coñecido desde os antigos romanos, que o chamaron Darat. Publio Cornelio Escipión Emiliano Africano Menor Numantino (en latín, Publius Cornelius Scipio Aemilianus Africanus minor Numantinus) (185 a.C.-129 a.C.), máis coñecido como Escipión Emiliano, comandante en África, confiou ao historiador Polibio unha frota para explorar as costas marroquís; este dixo ter visto crocodilos.[1]

As tres partes en que se divide a conca están incluídas no que o viaxeiro, xeógrafo, militar e historiador español Luis del Mármol Carvajal (Granada, 1524-Vélez-Málaga, 1600) chamou "Numidia", que distingue claramente de "Barbaria".[2]

Da zona do baixo Draa proviña unha tribo árabe coñecida como os Beni Saad (ou saadís), que adquiriron gran poder económico grazas á súa intermediación no comercio caravaneiro do ouro. Os Beni Saad fundaron unha dinastía que expandiu o seu poder por todo Marrocos (1554), e loitou contra os intentos de colonización dos portugueses. As suntuosas tumbas dos sultáns saadís encóntranse en Marrakech.[3]

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Périple d'Hannon - citations de Pline l'Ancien.
  2. Castillo Fernández, Javier (2016): Entre Granada y el Magreb. Vida y obra de Luis del Mármol Carvajal (1524-1600). Granada: Editorial Universidad de Granada. ISBN 978-84-3385-859-7.
  3. Jonathan Michel (1995): The Invasion of Morocco in 1591 and the Saadian Dynasty. An Examination of The Role of Europe in the Morocco Invasion of 1591 and the Rise to Power of the Saadian Dynasty.

Véxase tamén editar