Quintas (música)

As quintas baleiras son os acordes formados só pola tónica e a quinta xusta, é dicir, sen a terceira. Estes acordes non son por si mesmos nin maiores nin menores. No cifrado anglosaxón indícase coma C5, no latino coma C (no 3).

Usábanse moito na música do renacemento e no barroco para pechar a composición.

Renaceron coa música rock, particularmente na música con guitarra eléctrica, por mor dun feito físico: ao executar un acorde de tríade nunha guitarra eléctrica cun efecto de distorsión, os harmónicos da terceira provoca interferencias coas demais notas. Para solucionar este problema, omítese esta nota.

Aínda que moitos dos guitarristas de blues e de rock se limitan a tapar a corda que se corresponda coa terceira, bloqueándoa coa man que forma o acorde e impedíndolle así soar, moitos outros guitarristas atoparon máis cómodo e simple eliminar todas as notas redundantes (en particular, cando o sinal da guitarra se satura moito), quedando a figura do acorde formada por unicamente dúas cordas (tónica e quinta) ou tres (tónica, quinta e tónica unha oitava superior). Isto permite tocar con maior fluidez e rapidez, ademais de ser moito máis doado de aprender.