PunchOut é un termo de orixe inglesa empregado para designar un determinado tipo de compra electrónica a través de Internet.

Definición editar

O punchout ten lugar cando unha empresa (cliente) merca produtos dunha segunda entidade (subministradora) mediante os sistemas tecnolóxicos de ambas as organizacións que se intercomunican.

En realidade o sistema de compra da empresa cliente conéctase co catálogo web da empresa subministradora. E é capaz de buscar, ler e recuperar a información apropiada que o sitio web fornece. Unha vez determinados os produtos a mercar, transfírese toda a información ó sistema da empresa cliente onde se formaliza a solicitude de compra. Unha vez rematado o ciclo de aprobación de dita solicitude comunícase ó subministrador o pedido de compra.

O catálogo web da empresa subministradora ten que soportar esta clase de conexión, denominándose en ocasións coma punchout catalog. En realidade estes catálogos non son máis que aplicacións web residentes en servidores, escritos en linguaxes de programación tales coma ASP, Javascript ou CGI.

Características editar

É importante resaltar que a conexión establecida é transparente para a persoa que está realizando a compra, xa que aínda que se visualice o catálogo do provedor, este enmárcase visibelmente dentro do software da empresa compradora.

O primeiro produto no mercado aparecido con esta funcionalidade foi comercializado pola empresa americana Ariba. Posteriormente apareceu Round Trip da empresa Commerce One e o Open Buying over the Internet (OBI).

Inicialmente a compra electrónica baseábase en modelos punto-a-punto, tales coma o EDI (acrónimo de Electronic Data Interchange, Intercambio de datos electrónicos). Neste modelo tanto o cliente coma o provedor tiñan que adaptar o traspaso de datos de acordo ós requirimentos de cada socio comercial cos que traballaba. Para superar esta restrición apareceron dous novos modelos: o sell-side model (modelo vendedor) no que o provedor organiza e almacena toda a información dos seus produtos nos seus propios sistemas e é o software do cliente quen fai a conexión. E o buy-side model (modelo comprador) no que a información de produtos de varios provedores é organizada e almacenada no propio sistema informático da empresa compradora. O punch-out baséase no sell-side model.

Catálogo PunchOut editar

O catálogo punchout é un catálogo online nun formato estandarizado e entendible polos sistemas informáticos de compra máis habituais do mercado. Algún dos formatos máis habituais son o cXML (Commerce eXtensible Markup Language), os OCI Roundtrip, SOAP ou OCI (Open Catalog Interface). A interface deste catálogo está pensada para ofrecer unha compra sinxela e amigable. De feito esta é a principal vantaxe deste formatos fronte a outros estándares tales coma CIF (Catalog Interchange Format). Este último caracterízase por ser un catálogo lineal, co que se precisan numerosos recursos para manter o catálogo relevante e actualizado.

Por último existen diversos sistemas informáticos de compra que aceptan e interactúan cos catálogos PunchOut. Algúns dos máis habituais son Ariba, Oracle, SciQuest, SAP AG, Coupa, PeopleSoft, TBlox, B-Pack ou Unimarket.

Catálogo PunchOut de segundo nivel editar

Un catálogo PunchOut de segundo nivel é un catálogo no que se poden facer buscas rápidas e sinxelas. Este catálogo reside no sistema de compra do comprador. Nos resultados destas buscas móstranse as ligazóns que ó premelas, lanza a navegación cara ó catálogo residente no sitio web do provedor.

O termo punchout refírese ó acto do comprador de premer unha ligazón no seu sistema de compra que literalmente “punches out” (salta) do sistema cliente ó catálogo online do provedor

Vantaxes e inconvenientes editar

A compra por punchout aconséllase para cando os catálogos son extensos ou os produtos á venda son configurables (tales como equipos informáticos ou mobiliario). Tamén é aconsellable cando os prezos son moi variábeis. As principais vantaxes deste tipo de catálogo son:

  • Os compradores evitan a xestión dos diferentes catálogos dos provedores.
  • O catálogo é controlado polo subministrador en tempo real, controlando a coherencia, dispoñibilidade de prezos de cada produto.
  • O usuario comprador pode acceder con facilidade ós produtos residentes nas webs de terceiros.
  • Como consecuencia das anteriores redúcese o número de reclamacións, devolucións ou malas interpretacións no proceso de negocio.

O principal inconveniente é que o subministrador é o único responsable de garantir a fiabilidade dos datos existentes no catálogo, debendo reflectir fielmente as relacións contractuais contraídas previas á compra, coa empresa cliente.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar