Provirus

Un provirus é un xenoma vírico que está integrado no ADN dunha célula hóspede. No caso de virus que infectan bacterias (bacteriófagos), os provirus denomínanse xeralmente profagos. Un exemplo de virus eucariota que forma provirus e afecta os humanos é o virus da inmunodeficiencia humana.

Diagrama da estrutura do VIH. O VIH é un virus que en determinadas fases do seu ciclo está integrado no xenoma do hóspede como un provirus.
Algúns virus bacteriófagos poden integrarse no xenoma da bacteria como profagos.

Esta condición integrada dos virus pode ser un estado de replicación lisoxénica do virus, ou un estado que persiste durante longos períodos de tempo en forma de infeccións virais inactivas ou dun elemento viral endóxeno. Nas infeccións virais inactivas o virus non se replica por si mesmo, senón por medio da replicación da súa célula hóspede. Este estado perdura durante moitas xeracións da célula hóspede.

Os retrovirus endóxenos están sempre en estado de provirus. Cando un retrovirus (non endóxeno) invade unha célula, o ARN do retrovirus é reversotranscrito a ADN por unha reversotranscritase e despois é inserido no xenoma do hóspede por unha integrase.

Un provirus típico non fai directamente novas copias do seu propio ADN mentres permanece integrado no xenoma hóspede por este mecanismo. No seu lugar, o que ocorre é que é replicado pasivamente xunto co xenoma do hóspede e así pasa da célula orixinal ás células que descenden dela; todas as descendentes da célula infectada portan tamén os provirus nos seus xenomas. Isto coñécese como replicación viral lisoxéncia.[1] A integración pode ter como resultado unha infección latente ou unha infección produtiva. Nunha infección produtiva, o provirus é transcrito a un ARN mensaxeiro que produce directamente novos virus, o cal á súa vez infecta outras células por medio dun ciclo lítico. Unha infección latente orixínase cando o provirus é selencioso transcricionalmente en vez dun virus activo.

Unha infección latente pode converterse en produtiva en resposta a cambios nas condicións ambientais nas que se encontra o hóspedce ou da súa saúde; o provirus pode ser activado e empezar a transcrición do seu xenoma viral. Isto pode ter como resultado a destrución da súa célula hóspede porque a maquinaria de síntese de proteínas da célula é utilizada para producir máis virus.

Os provirus poden constituír aproximadamente o 8% do xenoma humano, no que se encontran en forma de retrovirus endóxenos herdados.[2]

O termo provirus non só se refire a retrovirus, senón tamén se usa para describir outros virus que poden integrarse nos cromosomas do hóspede; outro exemplo son os virus adeno-asociados. Non só os virus eucariotas se integran nos xenomas dos seus hóspedes; moitos virus de bacterias e arqueas tamén empregan esta estratexia de propagación. Todas as familias de virus bacterianos con xenomas de ADN circular (monocatenario ou bicatenario) ou que replican os seus xenomas por medio dun intermediario circular (por exemplo, virus de ADN bicatenario con cola) teñen membros temperados.[3]

NotasEditar

  1. Campbell, Neil A.; Reece, Jane B.; Urry, Lisa A.; Cain, Michael L.; Wasserman, Steven A.; Minorsky, Peter V.; Jackson, Robert B. (2008). Biology (8th ed.). p. 386. ISBN 978-0-8053-6844-4. 
  2. Robert Belshaw; Pereira V; Katzourakis A; Talbot G; Paces J; Burt A; Tristem M. (Apr 2004). "Long-term reinfection of the human genome by endogenous retroviruses". Proc Natl Acad Sci USA 101 (14): 4894–4. PMC 387345. PMID 15044706. doi:10.1073/pnas.0307800101. 
  3. Krupovic M, Prangishvili D, Hendrix RW, Bamford DH (2011). "Genomics of bacterial and archaeal viruses: dynamics within the prokaryotic virosphere". Microbiol Mol Biol Rev 75 (4): 610–635. PMC 3232739. PMID 22126996. doi:10.1128/MMBR.00011-11. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar