Proteínas sanguíneas
As proteínas sanguíneas, tamén chamadas proteínas do plasma, son as proteínas presentes no plasma sanguíneo. Desempeñan moitas funcións, como o transporte de lípidos, hormonas, vitaminas e sales minerais e a participan nas actividades do sistema inmunitario. Algunhas proteínas sanguíneas actúan como encimas, compoñentes do sistema de complemento, inhibidores de proteases ou precursores de cininas. Outras proteínas moi abundantes no tecido sanguíneo como a hemoglobina non se consideran proteínas sanguíneas ou plasmáticas, xa que se encontran no interior dos glóbulos vermellos, e, por tanto, non se encontran no plasma.
A seroalbumina supón o 55% das proteínas sanguíneas, e é a molécula que máis contribúe a manter a presión oncótica do plasma e axuda, como transportador, no transporte de lípidos e hormonas esteroides. As globulinas constitúen o 38% das proteínas sanguíneas e transportan ións, hormonas e lípidos colaborando na función inmunitaria. O fibrinóxeno comprende o 7% das proteínas sanguíneas; a conversión do fibrinóxeno en fibrina insoluble é esencial para a coagulación do sangue; se retiramos estas proteínas (fibrinóxeno/fibrina) do sangue, o plasma denomínse soro sanguíneo. O resto das proteínas do plasma (1%) son proteínas regulatorias, tales como encimas, proencimas e hormonas. Todas as proteínas sanguíneas son sintetizadas no fígado excepto as gammaglobulinas.
A separación das proteínas do soro sanguíneo por medio de electroforese é unha ferramenta de diagnóstico moi valiosa así como útil para monitorizar o progreso clínico de doenzas. As investigacións actuais sobre as proteínas do plasma sanguíneo están centradas en realizar análises proteómicas do soro/plasma na procura de biomarcadores. Estes traballos empezaron facéndose por medio de electroforese en xel bidimensional[1] e a partir d década de 1970 e en anos máis recentes realízanse usando proteómica baseada en LC-tándem MS[2][3][4]. O valor de laboratorio normal de proteína total sérica é de aproximadamente 7 g/dL.
Familias das proteínas sanguíneas
editarProteína sanguínea | Nivel normal | % | Función |
---|---|---|---|
Albuminas | 3,5-5,0 g/dl | 55% | crean e manteñen a presión oncótica; transportan moléculas insolubles |
Globulinas | 2,0-2,5 g/dl | 38% | participan na actividade do sistema inmunitario |
Fibrinóxeno | 0,2-0,45 g/dl | 7% | coagulación do sangue |
Proteínas regulatorias | <1% | regulación da expresión xénica | |
Factores de coagulación | <1% | conversión do fibrinóxeno en fibrina |
Exemplos de proteínas sanguíneas específicas:
- Prealbumina (transtiretina)
- Alfa-1 antitripsina (neutraliza a tripsina que se filtra desde o aparato dixestivo)
- Alfa-1-glicoproteína ácida
- Alfa-1-fetoproteína
- Alfa2-macroglobulina
- Gammaglobulinas
- Beta-2 microglobulina
- Haptoglobina
- Ceruloplasmina
- Compoñente do complemento 3
- Compoñente do complemento 4
- Proteína C-reactiva (CRP)
- Lipoproteínas (quilomicron, VLDL, LDL, HDL)
- Transferrina
- Protrombina
- MBL ou MBP
Notas
editar- ↑ Anderson NL, Anderson NG (1977). "High Resolution Two-Dimensional Electrophoresis of Human Plasma Proteins". Proceedings of the National Academy of Sciences 74 (12): 5421–5425. PMC 431746. PMID 271964. doi:10.1073/pnas.74.12.5421.
- ↑ Adkins JN; et al. (2002). "Toward a human blood serum proteome: analysis by multidimensional separation coupled with mass spectrometry". Molecular & Cellular Proteomics 1 (12): 947–955. PMID 12543931. doi:10.1074/mcp.M200066-MCP200.
- ↑ Malmström, E; Kilsgård, O; Hauri, S; Smeds, E; Herwald, H; Malmström, L; Malmström, J (xaneiro de 2016). "Large-scale inference of protein tissue origin in gram-positive sepsis plasma using quantitative targeted proteomics". Nat Commun 7: 10261. PMC 4729823. PMID 26732734. doi:10.1038/ncomms10261.
- ↑ Geyer, PE; Kulak, NA; Pichler, G; Holdt, LM; Teupser, D; Mann, M (marzo de 2016). "Plasma Proteome Profiling to Assess Human Health and Disease". Cell Syst 2 (3): 185–95. PMID 27135364. doi:10.1016/j.cels.2016.02.015.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Clinical Chemistry : a laboratory perspective / [editado por] Wendy Arneson, Jean Brickell.