O proscenio é a zona do escenario dun teatro máis próxima ao público. No espazo que ocupa na estrutura teatral pode tomar os nomes de anteescena, gravatagloria.[1]

Panorámica dos niveis do proscenio no Tibbits Opera House, construído en Míchigan en 1882.

A palabra provén literalmente do termo latino "proscaenium" que, á súa vez, é a transposición do grego προσκήνιον formado por προ- (diante) e σκηνή (escena). Nos teatros da antigüidade, tanto gregos como romanos, chamábase proscenio á zona ou muro situado entre a escena (onde oficiaban os actores) e a orchestra (espazo onde se situaban coro, danzantes e músicos), creando en conxunto unha especie de escaleira descendente cara ao público.[2]

Termos relacionados

editar

Unha definición máis sinxela, pero utilizando termos teatrais, describe o proscenio como a parte do escenario que hai entre o "pano de boca" e a platea (patio de butacas).

 
Teatro romano de Mérida. Detalle do proscenio.

Así mesmo, tomando o escenario como un espazo delimitado por tres planos ou paredes que conteñen e 'abrazan' a posta en escena, chámase cuarta parede ao espazo invisible que illa o escenario do público. A expresión "rompendo o proscenio" ou "rompendo a cuarta parede", úsase cando o actor se dirixe directamente á audiencia salvando o distanciamento e facendo o espectáculo máis participativo e cálido. Foi moi utilizada no chamado teatro épico de Konstantin Stanislavski e Bertolt Brecht e é unha das claves de cambio na formulación teatral desde o século XX.[3]

Partes do proscenio

editar

Poden diferenciarse a anteescena ou proscenio avanzado; a gravata, parte comprendida entre a batería (liña luminosa dos focos do proscenio) e a cuncha do apuntador ou dosel de resonancia; a gloria, liña imaxinaria desde a que saúdan ao público os actores; e o palco de proscenio, veciño ao arco do escenario ou contiguo á escena.

  1. Gómez García, Manuel (1997). Diccionario del teatro. Madrid, Ediciones Akal. p. 684. ISBN 8446008270. 
  2. Diccionario Enciclopédico Abreviado. Espasa-Calpe, Madrid 1957; tomo VI, p. 799
  3. Pavis, Patrice (1996). Diccionario de teatro. Barcelona, Paidós Ibérica. pp. 443–444. ISBN 8449306361.