Praza do Rei (Vigo)

praza en Vigo

Coordenadas: 42°14′08″N 8°43′37″O / 42.235594721596, -8.7268765899364

A praza do Rei é unha praza peonil situada no concello de Vigo. Recibe o seu nome do rei emérito Xoán Carlos I de España.[1] Constitúe a praza onde se localiza o edificio administrativo do concello vigués. Foi inaugurada en 1976 polos daquela reis españois.

Praza do Rei
Localización
LocalidadeVigo

Ademais da casa consistorial, na praza sitúase o Auditorio Municipal de Vigo e, detrás do edificio do Concello, o Castelo de San Sebastián. A praza comunícase coas rúas Cachamuíña, o paseo de Granada e o canellón do Esteiro. Tamén está comunicada mediante unhas escadas coa ronda de Don Bosco, e coa avenida das Camelias por unha pequena ponte peonil de aspecto similar á Ponte de Rande.

Historia

editar

O proxecto de construción da praza do Rei naceu da necesidade de construír unha nova casa consistorial e dunha contorna ampla. O antigo concello, que daquela se situaba na praza da Constitución, e construído no ano 1859, quedara pequeno perante o aumento exponencial da poboación viguesa no apoxeo industrial dos anos 60 e 70, cando por aquel entón a urbe xa superara os 250.000 habitantes. Así, o 16 de xullo de 1971, en pleno franquismo, o alcalde Antonio Ramilo aprobou a construción da praza e o concello cun orzamento duns 90 millóns de pesetas a crédito do Banco de Crédito Local en 1972, malia que finalmente o sobrecusto das obras superar os 300 millóns de pesetas.[2] A construción do novo edificio consistorial significou, parcialmente, a demolición dunha parte do castelo de San Sebastián, e resultou polémico mesmo entre os membros do concello. No mesmo ano 1971, un membro do pleno pediu un referendo para que a cidadanía viguesa votase a aprobación do proxecto. A empresa construtora foi Beamonte.

A praza do Rei foi finalmente inaugurada conxuntamente co edificio do Concello o 26 de xullo de 1976. Ao acto acudiron, ademais de persoeiros da administración viguesa, os daquela reis de España, Xoán Carlos I e a súa dona, a raíña emérita Sofía de Grecia. No centro da praza foi colocado un busto coa cara dos monarcas.

Durante a década dos 90 a praza sufriu a súa primeira remodelación. Creouse un aparcadoiro subterráneo e as árbores da praza foron talladas.[3] Ademais, o busto dos monarcas que outrora ficaba na praza foi trasladado ao interior das dependencias da casa consistorial.

Galería de imaxes

editar