Prago

especie de peixe mariño

O prago[1] ou pargo[2] (Pagrus pagrus, Linnaeus 1758; antes Sparus pagrus) é un peixe mariño da familia dos espáridos (Sparidae), propio do Atlántico. O nome procede do grego Pagrus, nome do dentón, outra especie da mesma familia.

Morfoloxía editar

É un peixe de corpo ovalado, alto e comprimido, que pode alcanzar tamaños de ata 91 cm de lonxitude e os 7,72 kg de peso (Fish Base), aínda que os talles habituais son moito máis reducidos, entre 30 e 35 cm. O perfil da cabeza baixa de súpeto desde os ollos á boca. Esta é pequena pero provista dunha potente dentadura formada por numerosos dentes afiados.

Posúe unha aleta dorsal, con 12 radios espiñosos e 10 brandos, e unha anal, con 3 raios espiñosos e 8 brandos. Presenta escamas patentes e é de cor rosada cos flancos prateados e o ventre abrancazado; presenta tamén bandas nos costados de cor amarelenta. A base da cola é abrancazada pero a aleta caudal é dun vermello escuro. As aletas son rosadas ou vermellas.

Semella ó ollomol, pero non ten a mancha negra sobre a aleta pectoral, característica desta especie.

Hábitat e bioloxía editar

 
Dúas robalizas e un prago, cociñados ó forno.

Habita o océano Atlántico (incluíndo o Mediterráneo), entre os paralelos 55º Norte e 43º Sur, desde as Illas Británicas ata a Arxentina, con preferencia polas augas subtropicais. Críase tamén en piscifactorías.

Vive sobre fondos de area e pedras, entre os 20 e os 40 m de profundidade, se ben pode alcanzar os 250 metros.

Aliméntase preferentemente de pequenos crustáceos.

Interese pesqueiro editar

As descargas nas lonxas galegas roldan nos últimos anos os 15.000-20.000 kg anuais, cifra que ascendeu a 38.556 kg en 2011[3].

Sinonimia editar

Ríos Panisse recolleu para esta especie os nomes de prago (ou pragho), xunto a pargo (ou pargho); tamén o diminutivo pragueta (e pragheta). Outras denominacións locais son maceta e machote, que explica como posible deformación popular de mazote, un dos nomes da dourada, da mesma familia; e testuda e testudo (en Muros e Mogor, Marín, respectivamente), en alusión ó abrupto perfil da cabeza.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Prago.
  2. Forma menos recomendada no DRAG.
  3. Plataforma Tecnolóxica da Pesca Arquivado 29 de novembro de 2010 en Wayback Machine. Pesca de Galicia.com.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas editar