Abrir o menú principal

O termo postestruturalismo describe unha variedade de investigacións, realizadas principalmente en Francia, que emerxeron de mediados a finais dos anos 1960 para pór en cuestión a primacía do estruturalismo nas ciencias humanas: antropoloxía, historia, socioloxía, crítica literaria e filosofía, ademais da psicanálise. O termo non é orixinario das investigacións mesmas, senón dos anglofalantes que as estudaron posteriormente.

O termo é problemático porque as relacións entre os traballos dos académicos xeralmente catalogados como postestruturalistas (quen case por regra xeral non se identifican desa maneira) son debatidas, e non existe un grupo de traballos ó que todos se refiran como doutrina común (a diferenza do estruturalismo, no que o traballo de Claude Lévi-Strauss era unha referencia común). O postestruturalismo quizais atope substancia no feito de que moitos dos seus traballos prominentes foron desenvolvidos por autores próximos ó estruturalismo, e máis substancia aínda no feito de que moitos destes traballos son intentos de recrear posicións estruturalistas cuxas limitacións transformaron a tantos estruturalistas en críticos do mesmo.

Tres dos máis prominentes postestruturalistas eran tamén do "grupo do tres" estruturalistas por excelencia: Jacques Lacan, Roland Barthes e Claude Lévi-Strauss. Jacques Derrida, Gilles Deleuze e Julia Kristeva son tamén considerados como postestruturalistas prominentes.