Portal:Segunda Guerra Mundial/Artigo destacado/6

A Insurrección nacional eslovaca (en eslovaco: Slovenské národné povstanie, abreviado SNP) ou Levantamento de 1944 foi unha insurrección armada organizada polo movemento de resistencia eslovaco durante a segunda guerra mundial en contra do Goberno eslovaco aliado ao Terceiro Reich. O levantamento resultou un fracaso e os alemáns conseguiron sufocalo logo de dous meses de dura loita, mais a guerrilla continuou combatendo as forzas de ocupación ata a chegada do Exército Soviético a Eslovaquia en 1945.

O acoso partisano ás forzas alemás e a situación en Europa oriental precipitaron o alzamento ante a chegada de unidades alemás ao territorio eslovaco a finais de agosto. O papel principal no alzamento non o tiveron, con todo, as unidades partisanas, senón as do Exército regular eslovaco que se rebelaron contra o Goberno de Jozef Tiso. Comezou o 29 de agosto de 1944 na localidade de Banská Bystrica co obxectivo de expulsar do poder o Goberno colaboracionista de Jozef Tiso, establecer unha zona gobernada polos insurrectos e favorecer o avance do Exército Vermello a través dos Cárpatos.

Os combates custaron arredor de 10 000 vidas a cada bando. A poboación civil sufriu a dura represión das forzas alemás enviadas a retomar o control do país. O Goberno filoxermano perdeu toda autonomía fronte a Berlín e o país quedou baixo ocupación militar alemá. Logo da guerra, distintas forzas políticas trataron de arrogarse en exclusiva o mérito do levantamento, convertido nun episodio histórico moi polémico.