Portal:Romanía/Artigo destacado/2
A Revolución Romanesa de 1989 foi unha serie de conflitos e enfrontamentos nos derradeiros días de decembro de 1989. A conclusión deste episodio da historia de Romanía foi o final do réxime stalinista de Nicolae Ceauşescu. Os actos violentos que aconteceron en varias localidades romanesas naqueles días conduciron ao ditador ao abandono do poder e a súa fuxida de Bucarest, en compañía da súa dona, Elena Ceauşescu. Prendidos en Târgovişche, foron axuizados por un tribunal militar creado ex-profeso baixo os cargos de xenocidio, danos á economía nacional e abuso do poder para executar accións militares contra o pobo romanés. Achados culpables de tódolos cargos, foron executados o 25 de decembro de 1989. Romanía foi o único país do Bloque do Leste onde a transición dende o Estado socialista a un de mercado implicou a execución dos líderes do país.
O número total de mortes na Revolución Romanesa foi de 1.104, dos que 162 falecementos aconteceron nas protestas que puxeron punto final ao réxime de Nicolae Ceauşescu (protestas ocorridas do 16 ao 22 de decembro de 1989) e as restantes 942 nos disturbios ocorridos antes da toma do poder por parte dunha nova estrutura política, chamada Fronte de Salvación Nacional (FSN). A maioría das mortes ocorreron en cidades como Timişoara, Bucarest, Sibiu e Arade, onde as protestas acadaron magnitudes maiores. O número de feridos chegou a 3.352, dos que 1.107 corresponden ao período no que Ceauşescu aínda detentaba o poder, e os restantes 2.245 corresponden ao período posterior á toma do poder por parte da Fronte de Salvación Nacional.