Portal:Pobos indíxenas de América/Biografía destacada/1

K'inich Janaab' Pakal (pronunciado en maia: [k’ihniʧ xanaːɓ pakal]) ou Pakal o Grande, nado o 23 de marzo de 603 e finado o 28 de agosto de 683, foi un ahau ou gobernante do ajawlel ou señorío maia de B'aakal, cuxa sede era Lakam Ha', agora coñecida como a zona arqueolóxica de Palenque, que se atopa no norte do estado mexicano de Chiapas.

Foi entronizado pola súa nai á idade de doce anos, gobernou dende o ano 615 até o 683. Ascendeu ó poder despois de que Palenque sufrise un período de adversidade. Durante as primeiras décadas do seu goberno viviuse unha época de paz e produtividade. No ano 659 iniciou unha campaña militar que consolidou a Palenque como unha das cidades máis importantes da rexión. Durante un reinado de 68 anos, o máis longo período de reinado coñecido na historia de América, o goberno de Pakal caracterizouse por impulsar o crecemento da obra arquitectónica de Palenque e por iniciar os rexistros xeroglíficos da súa historia dinástica.