Portal:Irlanda/Artigo destacado/4

Cú Chulainn (Cuchulainn-audio.ogg pronunciación ), é o heroe mitolóxico irlandés máis famoso do ciclo do Ulster, así como dentro do folclore de Escocia e da Illa de Man. Fillo do deus celta Lugh e Dectera, irmá do rei de Ulster, o seu nome orixinal era Setanta, pero tomou o nome polo que é máis coñecido de Cú Chulainn ("o can de Culann", en irlandés) cando de neno, ó ir visitar ó seu pai adoptivo na casa do ferreiro Culann, matou á cadela que a gardaba. Nese momento comprometeuse a facer de can gardián do ferreiro ata que a cría da defunta chegara á idade adulta e puidese facer o seu traballo.

A formación como guerreiro de Cú Chulainn, levouna a cabo a druída Skatsha, que lle ensinou a utilizar a súa famosa lanza: Gae Bolg. Ós 17 anos, defendeu o Ulster el só contra os exércitos da raíña Maeb de Connacht na épica Táin Bó Cúailnge ("A batalla dos bois de Cualinge"). É coñecido pola súa arrepiante febre na batalla ou ríastrad, coa que se transforma nun monstro irrecoñecible que non distingue entre os amigos e os inimigos. Loita montado no seu carro, conducido polo seu leal auriga Láeg, e do que tiran os seus cabalos, Liath Macha e Dub Sainglend.

Cú Chulainn morreu loitando contra os exércitos das outras tres provincias de Irlanda, unidas pola raíña Maeb. Cóntase que loitou ata o derradeiro intre ata a súa morte, e os exércitos inimigos só se decidiron a atacalo cando viron que un corvo se pousaba no seu ombreiro para beber o seu sangue.