Portal:Estados Unidos de América/Artigo destacado/3

Slipknot é un grupo estadounidense de heavy metal formado en 1995 en Des Moines (Iowa). As influencias do grupo inclúen entre outros xéneros o death metal, o thrash metal e o heavy metal, aínda que adoitan ser catalogados dentro do metal alternativo e o nu metal. O percusionista Shawn Crahan e o batería Joey Jordison fundaron o grupo en setembro de 1995, e tras varios cambios de membros nos seus primeiros anos, o grupo estivo composto de nove membros durante máis dunha década: Corey Taylor, Mick Thomson, Jim Root, Paul Gray, Craig Jones, Sid Wilson, Shawn Crahan, Chris Fehn e Joey Jordison. Gray faleceu o 24 de maio de 2010, sendo substituído ata 2014 por Donnie Steele. Jordison deixou o grupo o 12 de decembro de 2013. Steele saíu do grupo durante a gravación de .5: The Gray Chapter, e o grupo pasou a realizar unha xira cos músicos Alessandro Venturella no baixo e Jay Weinberg na batería.

O grupo destaca pola súa imaxe particular, o seu estilo agresivo de música e as súas caóticas e enerxéticas actuacións en directo. Publicaron cinco álbums de estudio: Slipknot (1999), Iowa (2001), Vol. 3: (The Subliminal Verses) (2004), All Hope Is Gone (2008) que debutou na posición número 1 na lista Billboard 200, e .5: The Gray Chapter (2014). No seu conxunto, Slipknot leva vendidos máis de 20 millóns de discos en todo o mundo, acadando varias certificacións de platino e ouro nos seus álbums. No 2006 gañaron o Grammy á mellor actuación de metal polo sinxelo "Before I Forget". O grupo publicou tamén un álbum de directo titulado 9.0: Live, un recompilatorio titulado Antennas to Hell, e catro DVD de directo.