Portal:Escocia/Artigo destacado/3

A nora de Falkirk (en inglés Falkirk Wheel) é unha obra de enxeñería que permite conectar a canle do Forth e do Clyde coa canle da Unión, nas proximidades da cidade de Falkirk, en Escocia.

A nora, de espectacular aspecto, forma parte dun recente proxecto para recuperar as dúas principais canles da Escocia central agora que o seu uso industrial pasou completamente á historia. O obxectivo era facer comunicábel por vía fluvial o país de leste ao oeste, pero para iso era necesario salvar os 24 metros (115 pés) de altura que existen entre os cursos das dúas canles, a do Forth e o Clyde e a da Unión.

O seu funcionamento baséase nun sinxelo sistema de enchido e baleirado de dous canxiróns, situados verticalmente un enriba do outro, e con capacidade para 600 toneladas de auga. A nora, de 35 metros de diámetro, permite desprazar verticalmente 4 barcos de 20 metros de eslora nun tempo que anda sobre os 4 minutos. Está construída en aceiro e formigón, e consome en facer unha viraxe completa 22.500 watts, o equivalente "ao que gastan oito torradoras".