Portal:Ópera/Biografía destacada/4

Georg Friedrich Händel, nado en Halle o 23 de febreiro de 1685 e finado en Londres o 14 de abril de 1759, foi un compositor musical de orixe alemá nacionalizado inglés, considerado un dos cumes do Barroco e un dos mellores compositores da música occidental. É, na historia da música, o primeiro compositor moderno en adaptar e enfocar a súa música para satisfacer os gustos e necesidades do público, en vez dos da nobreza e dos mecenas.

Está considerado o sucesor e continuador de Henry Purcell, e marcou toda unha era na música inglesa, sendo o compositor máis importante entre Purcell e Elgar en Inglaterra. Foi o primeiro gran mestre da música baseada na técnica da homofonía, así como da ópera seria italiana e o oratorio.

O seu inmenso legado musical, síntese dos estilos alemán, italiano, francés e inglés da primeira metade do século XVIII, inclúe obras de practicamente todos os xéneros da súa época, onde as súas 43 óperas, 26 oratorios e o seu legado coral son o máis sobresaliente e importante da súa produción musical.