Ponte sobre a ría de Noia

viaduto na provincia da Coruña

Coordenadas: 42°47′34″N 8°54′07″O / 42.792777777778, -8.9019444444444

A ponte sobre a ría de Noia une o lugar da Barquiña (Barro) co porto de Testal (O Obre), ambos no concello de Noia, cruzando sobre a ría de Muros e Noia, cunha lonxitude de 1.657 metros. Foi inaugurada en 2014 e trátase da primeira ponte atirantada construída pola Administración autonómica.[1]

Ponte sobre a ría de Noia
Localización
RíoRía de Muros e Noia
ConcelloNoia
ProvinciaA Coruña
Características
Construción2011–2014
Lonxitude1657 m
Ancho10 m
TipoDe cables atirantados
MaterialFormigón
AC-549
TipoloxíaEstrada convencional
RedeRede de estradas de Galicia
Lonxitude4,8 km
Localización
Inicio CG-1.5  Barro (Noia)
Fin AC-550  Boa (Noia)

Forma parte dunha variante (estrada AC-549) que une o corredor CG-1.5 na Barquiña coa estrada AC-550 no lugar de Taramancos (Boa), cunha lonxitude total de 4,8 km.

Historia editar

O 15 de xuño de 2011 iniciáronse as obras da variante, presupostadas en 38 millóns de euros.[2]

O 4 de xullo de 2014 foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e varios alcaldes da zona.[3] O investimento final foi de 50 millóns de euros.[4]

O 27 de outubro de 2015 o presidente da Xunta de Galicia inaugurou a iluminación nocturna da ponte. A iluminación, cuxa obra foi financiada por Gas Natural Fenosa, consiste nun sistema de luminarias a base de bombillas LED.[5]

Castro de Taramancos editar

Con motivos das obras, en maio de 2011 apareceron no lugar de Taramancos (na parroquia noiesa de Boa) restos arqueolóxicos. Tras a investigación realizada confirmáronse restos desde a época castrexa até o século IV, e incluso posteriores.[6] As escavacións no castro, coñecido tamén como Poboado de Espiñeira, realizadas de urxencia, deron a coñecer dúas vivendas de tipoloxía da Idade de Ferro, así como varios cuncheiros con restos de ostras, berberechos e outras especies en menor medida. Conta tamén con numerosas foxas e un longo muro. Cabe destacar, como aspecto significativo, que se trata dunha aldea da Idade de Ferro sen fortificación, algo considerado moi atípico e singular.[7]

En setembro de 2011 o alcalde noiés, Rafael García Guerrero, denunciou que unha das vivendas desaparecera, ao que respondeu a Xunta de Galicia anunciando que os restos atopados foran "escavados, catalogados e inventariados", pero que posteriormente serían eliminados do lugar para continuar coa construción da variante. O Concello de Noia acusou á Xunta de ter "un total desprezo da conservación do patrimonio e do ambiente", así como de "unha enorme perda" para a localidade. O Goberno galego informou que os traballos de escavación estiveron baixo a supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio e nun perímetro acoutado que houbo que ampliar até os 200 metros a medida que aparecían novos vestixios, e conservar no lugar o xacemento (con restos de varias épocas) obrigaría a cambiar o trazado da futura vía co conseguinte aumento do custo e atraso da infraestrutura. Ademais, a Consellería de Medio Ambiente manifestou que o lugar foi obxecto "dunha superposición de épocas de ocupación e actividade humana que ineludiblemente leva á destrución total ou parcial dos restos", polo que "o seu estado de conservación está seccionado e incompleto". Desde a Consellería engadían que "non se está destruíndo un castro; todo o que se retira catalógase e almacénase convenientemente". Finalmente, a Xunta concluíu dicindo que "a vivenda foi illada para profundar nos traballos, xa que segundo parece, existe constancia de que hai restos máis antigos enterrados nesa parcela".[8][9][10][11]

Finalmente o castro desapareceu, para rematar a variante.

Notas editar