Plan Estratéxico de Galicia

O Plan Estratéxico de Galicia é un documento plurianual que recolle os principais retos, obxectivos e medidas de cara á mellora do desenvolvemento económico e social do país. A súa elaboración ten un proceso participativo dos axentes sociais e de expertos, sendo finalmente aprobado pola Xunta de Galicia. Inclúe tamén un panel de indicadores de seguimento dos obxectivos aprobados.

Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020 editar

Este Plan Estratéxico centrábase en impulsar o crecemento económico de Galicia partindo dun modelo baseado na innovación e o capital humano, que colabore a acadar unha Galicia moderna e cohesionada social e territorialmente e que permita diminuír o desemprego, aumentar a produtividade e a renda dos galegos e das galegas colaborando a retomar a senda do crecemento demográfico.

Rematado o seu período de vixencia a Xunta de Galicia presentou os correspondentes informes de seguimento dos indicadores e obxectivos[1]. Os indicadores que contan con datos para o período completo 2015-2020 son os que se presentan resumidos na seguinte táboa.

Plan estratéxico de Galicia 2015-2020
Indicadores de seguimento previsto real logro
(%)
Crecemento medio PIB 2,5 1,0 40
Converxencia PIBpc con España 3,5 2,6 74
Incremento de exportacións no PIB 7,1 2,7 38
Incremento miles ocupados 121,0 76,2 63
Taxa de emprego 20-64 anos 7,1 8,3 117
Descenso da taxa de paro 11,4 9,9 87
Incremento I+D no PIB 0,8 0,1 13
Descenso da taxa de abandono escolar 5,9 5,0 85
Porcentaxe pob 30-34 con nivel terciario 2,9 2,5 86
Descenso taxa de risco de pobreza 95,0 117,5 124
Consumo final bruto en enerxías renovables 45,0 37,7 84

Dos once indicadores só en dous deles o balanzo é lixeiramente positivo ao situarse por riba do cen por cen do obxectivo previsto (taxa de emprego e risco de pobreza). Na inmensa maioría dos indicadores non se acadou o obxectivo previsto polos propios planificadores.

Sendo especialmente negativa a avaliación do esforzo innovador e da mellora das exportacións, o crecemento do PIB e o crecemento do emprego.

Chama a atención que sobre o obxectivo final global de acadar o crecemento demográfico o informe de seguimento non concrete o obxectivo e a súa avaliación. Con datos do Instituto Nacional de Estadística[2] para o período do Plan, se tomamos como base 100 a situación do ano 2015, o conxunto de España chega a 2020 cunha poboación maior (102) mentres que Galicia segue a perder poboación (99).

Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 editar

Previo ao seu proceso de elaboración participativa[3] foi aprobado o 10 de marzo de 2022 polo Consello da Xunta de Galicia.[4] As metas que se fixan son a plena converxencia con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares, baixar a taxa de paro en catro puntos, reforzar a saúde e a calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara ao clima de neutralidade, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade, favorecendo unha Galicia dixital e innovadora, seguindo a reducir a taxa de exclusión social e garantindo unha Galicia sen fendas de xénero.

Notas editar

  1. "Xunta de Galicia (xullo, 2021)" (PDF). 
  2. "Cifras de Población, INE". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2022. Consultado o 12 de marzo de 2022. 
  3. "Presentación y documentos - Plan estratexico 2020-2030". www.planestratexico2030.gal. Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2022. Consultado o 2022-11-25. 
  4. "A Xunta aproba o Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva - Xunta de Galicia". www.xunta.gal. Consultado o 2022-11-25.