Piccadilly Circus
Piccadilly Circus é unha intersección de rúas e un espazo público do West End de Londres, na Cidade de Westminster.
Foi construído en 1819 para conectar Regent Street coa principal rúa de compras, Piccadilly (a palabra "circus" refírese a un "espazo circular aberto nunha intersección de rúas"), e liga directamente cos teatros en Shaftesbury Avenue así como con the Haymarket, Coventry Street (en dirección a Leicester Square) e Glasshouse Street. A súa proximidade ás principais zonas de compras e entretemento, a súa situación céntrica no corazón do West End, e o feito de ser a maior intersección de tráfico fixeron de Piccadilly Circus un importante punto de encontro e unha atracción turística en si mesma.
Esta intersección é coñecida polas súas grandes pantallas de vídeo e os seus carteis publicitarios de neon, montados no edificio situado na esquina que dá ao cara norte, así como pola fonte en memoria de Shaftesbury e a estatua coñecida como Eros (chamado en ocasións O Anxo da Caridade Cristiá, e que en realidade é Anteros). Está rodeado por gran cantidade de edificios destacables, incluíndo o London Pavilion e o Criterion Theatre. Baixo a praza atópase a estación de Piccadilly Circus do Metro de Londres.
Historia
editarO termo Piccadilly aparece por primeira vez en 1626 para nomear unha casa, Pickadilly Hall, pertencente a Robert Baker, un xastre famoso por vender piccadills ou piccadillies, termos usados para denominar varios tipos de pescozo (golas). A rúa era coñecida como Portugal Street en 1692 en honra a Catarina de Portugal, a esposa do Rei Carlos II de Inglaterra, pero xa era coñecida como Piccadilly cara a 1743. Piccadilly Circus foi creado en 1819, para a unión con Regent Street, que estaba a ser construída naquela en base ao proxecto de John Nash no lugar en que se atopaban unha casa e un xardín pertencentes a Lady Hutton. O cruzamento perde a súa forma circular en 1886 coa construción de Shaftesbury Avenue.
A unión destas rúas soportou un fluxo de tráfico moi denso xa desde a súa construción, xa que se sitúa no centro de Theatreland, o principal distrito de teatro de Londres, e soporta o tráfico saínte de Piccadilly, ao que Charles C. B. Dickens, fillo de Charles Dickens, describiu como "Picadilly, a gran vía que vai de Haymarket e Regent Street ao oeste de Hyde Park Corner é o máis parecido ao bulevar parisiense do que Londres pode alardear."
A estación de metro de Piccadilly Circus foi aberta o 10 de marzo de 1906 na Liña Bakerloo, e na Liña Piccadilly en decembro dese ano. En 1928 a estación foi en gran parte reconstruída para soportar o incremento do tráfico.
Debido á súa proximidade ao Soho, o circus foi un punto de encontro importante na escura historia dos homosexuais en Gran Bretaña, especialmente como un foco de prostitución e encontros informais. Cando Alfred Kinsey visitou Londres para estudar as actitudes sexuais Inglesas, pediu ser levado por un tour sexual a Soho. O mundo ao redor de Piccadilly Circus e Leicester Square asombráronlle. Comparando Londres coas culturas sexuais de Centroamérica, Kinsey afirmou que nunca vira tanta prostitución rueira, fóra da Habana.
Os primeiros anuncios eléctricos da intersección apareceron en 1910, e en 1923 colocáronse os valos publicitarios eléctricos na fachada do London Pavilion. Os primeiros semáforos foron instalados o 3 de agosto de 1926 na intersección.
A Fonte en Memoria de Shaftesbury ("Shaftesbury Memorial Fountain", en inglés) de Piccadilly Circus foi erixida en 1893 para conmemorar os traballos filantrópicos de Anthony Ashley-Cooper (VII conde de Shaftesbury). Durante a Segunda guerra mundial, a estatua situada encima da Fonte en Memoria de Shaftesbury, foi substituída por valos publicitarios, até 1948, cando foi devolta. Durante os traballos de reconstrución do circus nos pasados anos 80, a fonte enteira foi trasladada do centro da unión, ao principio de Shaftesbury Avenue, até a súa posición actual, na esquina sueste.