Abrir o menú principal

Pedro González de Mendoza, nado en Guadalaxara o 3 de maio de 1428 e finado na mesma cidade o 11 de xaneiro de 1495, foi un eclesiástico, político, militar e mecenas castelán, coñecido como Gran Cardeal de España.

Pedro González de Mendoza
El Cardenal Mendoza, por Juan Rodríguez de Segovia.jpg
O Cardeal Mendoza como doante rodeado de bispos, táboa do Mestre dos Luna, Concello de Guadalaxara.
Cardeal da Igrexa Católica
Biografía
Nacemento3 de maio de 1428 en Guadalaxara
Pasamento11 de xaneiro de 1495 en Guadalaxara
Alma máterUniversidade de Salamanca
ProfesiónEclesiástico, Chanceler Maior de Castela (cargo ligado ao de Arcebispo de Toledo) e militar.
Ordes
Consagración episcopal21 de xullo de 1454, por Alfonso Carrillo de Acuña
Creado cardeal7 de maio de 1473, por Sisto IV
Arcebispo Primado de Toledo
PredecesorAlfonso Carrillo de Acuña
SucesorFrancisco Jiménez de Cisneros
Outros
Escudo de Pedro González de Mendoza.svg
Escudo de Pedro González de Mendoza

Mendoza constitúe unha das figuras máis brillantes da aristocracia da segunda metade do século XV, no paso do mundo medieval ao moderno:

Índice

TraxectoriaEditar

Primeiros anosEditar

Pertencente á alta nobreza e ao liñaxe da Casa de Mendoza, foi o quinto fillo de Íñigo López de Mendoza, primeiro marqués de Santillana, e da súa esposa Catalina de Figueroa; os seus pais destinárono á carreira eclesiástica desde o berce.

Pasou a súa mocidade en Guadalaxara; estando destinado á carreira eclesiástica, a influencia dos Mendoza facilitou o seu nomeamento de cura de Santa María de Hita con doce anos de idade, e de arcediago de Guadalaxara con catorce. En 1442 o seu pai mandouno a Toledo para educarse xunto ao seu tío, o entón arcebispo Gutierre Álvarez de Toledo; alí estudou Retórica, Historia e Latín, ata a morte do seu protector en 1445.

Despois pasou a estudar Cánones e Leis na Universidade de Salamanca entre 1446 e 1452, doutorándose en ambas ramas do Dereito, o civil e o eclesiástico.

Na corte de Xoán IIEditar

En 1452 chega á corte de Xoán II, onde é nomeado capelán da capela real. Un ano despois, en xuño de 1453, morría decapitado en Valladolid Álvaro de Luna, favorito ata entón do rei e inimigo recalcitrante do marqués de Santillana. O ano seguinte (1454) morría o rei Xoán II, e á idade de 27 anos sería designado Pedro bispo de Calahorra e a Calzada.

Na corte de Henrique IVEditar

En maio de 1455, o novo rei Henrique IV de Castela organizou unha campaña contra o reino de Granada, na que participaron o marqués de Santillana e a maioría dos seus fillos, irmáns de don Pedro. Antes de partir, fixo testamento o marqués e legou ao seu quinto fillo, o clérigo, o señorío sobre as vilas alcarreñas de Pioz e El Pozo de Guadalajara. Na primeira delas, Mendoza levantaría, pouco despois, un coqueto castelo que aínda se conserva. En 1456 o novo bispo de Calahorra deixou de residir na súa sé e pasou á corte de Henrique IV, onde iniciou unha nova etapa de intensa actividade política.

Cando morreu o seu pai, en marzo de 1458, Pedro González de Mendoza pasou a encabezar a poderosa familia dos Mendoza, que máis tarde daría orixe a varias liñas da alta aristocracia castelá, como a Casa do Infantado ou a do marquesado de Mondéjar; utilizando habilmente as súas grandes influencias en córtea castelá, para o seu encumbramento persoal e o dos seus irmáns.

Tras un primeiro momento de enfrontamento co rei, converteuse nun dos seus conselleiros máis próximos e tomou parte activa, sempre en favor de Henrique IV, nas loitas contra a nobreza; mantívose permanentemente enfrontado ao arcebispo de Toledo Alfonso Carrillo de Acuña e a Juan Pacheco, marqués de Villena, os seus grandes rivais na corte. Desde entón, a política dos Mendoza consistiu en prosperar mediante o apoio ao poder real e combatendo as tendencias máis contestatarias da nobreza. Nestas circunstancias o rei recompensou a Pedro en 1456 coa mitra episcopal da vila de Sigüenza, nas terras da familia.

En marzo de 1460 Pacheco, entón favorito do rei, enviou tropas contra Guadalaxara, a vila onde os Mendoza mantiñan o seu dominio, logrando apoderarse dela cunha celada. Nomeou novos cargos favorables ao seu partido e declarou fóra da lei a Diego Hurtado de Mendoza, segundo marqués de Santillana, e aos seus irmáns, quen tiveron que fuxir a Sigüenza, onde Pedro González de Mendoza xa era titular do bispado. E para agradar á poboación, Pacheco non dubidou en conseguir que Henrique IV de Castela outorgase a Guadalaxara o título de «cidade».

Non durou moito a mala fortuna familiar, e o bispo logrou facer as paces co rei e ata enemizalo co de Villena, facilitando a chegada dun novo favorito á corte, Beltrán de la Cueva, xenro de Diego Hurtado de Mendoza, segundo marqués de Santillana e irmán maior de Pedro.

A partir de 1462, a lealdade dos Mendoza a Henrique IV traduciuse nun apoio permanente aos dereitos da súa filla Xoana a Beltranexa, nacida o 28 de febreiro daquel ano, fronte á aposta de Carrillo e Pacheco polos medio irmán do rei, Afonso e Isabel.[n. 1] Estes non dubidaron en estender a especie, sen ningún tipo de probas, de que a princesa non era filla do rei, senón de Beltrán da Cueva, co que lle quedou o cruel alcumo co que pasou á historia

O conflito sucesorio e o cambio de bandoEditar

O rei dependeu cada vez máis do apoio dos Mendoza ante adversarios tan poderosos. Non tardou en estalar a guerra civil; en 1465, na farsa de Ávila, o arcebispo Carrillo quitou a coroa a un boneco que representaba a Enrique IV e o seu partido alzouse en armas, apoiando os dereitos do pequeno Alfonso de Castilla, medio irmán do rei. Pedro González de Mendoza dispuxo que o seu irmán Íñigo López de Mendoza y Figueroa custodiase á princesa Xoana na fortaleza de Buitrago e que tropas do seu irmán Diego Hurtado de Mendoza blindaran os territorios que a familia posuía na fronteira de Aragón, co obxectivo de evitar a entrada en Castela do príncipe Fernando a raíz do seu casamento coa princesa Isabel.

O bispo loitou persoalmente xunto a outros membros da familia Mendoza na segunda batalla de Olmedo de 1467 en defensa da causa de Henrique IV de Castela; pero este apoio non foi de balde. Coa habilidade indicada para a obtención de novos cargos eclesiásticos, que lle darían importantes beneficios económicos, Pedro obtivo en 1469 o cargo de abade de San Zoilo, en Carrión dos Condes, por bula do papa Paulo II, e tamén, a petición de Henrique IV ante o Papa, sería nomeado arcebispo de Sevilla.

Mentres tanto, a morte do príncipe Afonso no verán 1468 non supuxo o fin da rebelión. Carrillo apostou pola moza Isabel, irmá do príncipe falecido e futura raíña de Castilla. Os Mendoza mantiveron firme a súa aposta pola princesa Xoana, ata tal punto que viron con bochorno, e como unha traizón, o feito de que o rei Enrique cedese, nos touros de Guisando, os dereitos da súa filla.

E aínda que fora principal valedor dos dereitos lexítimos de Xoana a Beltranexa, a partir de 1473, un ano antes da morte do rei, pasáronse don Pedro González de Mendoza e todos os seus irmáns ao bando da princesa Isabel. Neste xiro pesou a rivalidade na carreira eclesiástica e política co arcebispo Carrillo. Tampouco foi allea a visita que aquel ano fixo a Castela e a Sigüenza o futuro papa Alexandre VI, o entón cardeal Borja, coa promesa de grandes mercés do partido aragonés en Roma. Detrás estaba o rei Xoán II de Aragón, antigo protagonista das guerras civís castelás como duque de Peñafiel e agora principal valedor dos dereitos do seu fillo Fernando. As promesas cumpríronse rápidamente e o papa Sisto IV nomeouno cardeal baixo a advocación de Santa María in Dominica, que logo el cambiou pola de Santa Cruz; o rei titulouno «Cardeal de España», tamén a finais daquel mesmo ano.

Desde entón Pedro González de Mendoza e toda a súa familia permaneceron á beira da futura raíña, é dicir, da persoa que ao seu criterio estaba mellor situada e máis capacitada para exercer o poder real do que dependía a prosperidade do clan. Mortos Pacheco e Henrique IV, acudiu en decembro de 1474 á coroación de Isabel en Segovia, e alí soliviantou definitivamente os celos do seu rival Carrillo, que decidiu pasarse ao bando de dona Xoana e iniciar outra nova guerra. O cardeal Mendoza constituíu un apoio decisivo durante a Guerra de Sucesión Castelá para a causa isabelina contra os partidarios de Xoana a Beltranexa.

Na corte dos Reis CatólicosEditar

 
Cortello do bautizo do príncipe don Juan, fillo dos Reis Católicos, polas rúas de Sevilla, obra de Francisco Pradilla. Os Reis Católicos e o cardeal Mendoza, arcebispo de Sevilla, presiden o cortello.

A colaboración do cardeal e os monarcas foi inmediata e total, sen fisuras; como cando mandou os exércitos reais contra a invasión portuguesa, o 1 de marzo de 1476 na batalla de Toro, que serviu para asentar definitivamente a Isabel no trono castelán. Mendoza converteuse nun dos principais conselleiros dos Reis Católicos, sobre todo en asuntos relixiosos; e tamén nun dos negociadores máis capacitados do seu aparello diplomático. En 1477 obtivo un grande éxito acabando coa belixerancia francesa a favor de Xoana e conseguindo inclinásense cara aos reis na guerra civil do Reino de Navarra; o rei Luís XI de Francia quedou tan encantado co cardeal que o nomeou Abade de Fécamp. Ao ano seguinte recibiu «en administración perpetua» o bispado de Osma, e a raíña Isabel lexitimou aos dous fillos que tivera con dona Mencia.

Restitución de Rosellón e CerdañaEditar

 
Mapa xeo-político de Francia e fronteira con España en 1477.

Xoán II de Aragón, pai de Fernando II de Aragón, tiña empeñados en garantía dun crédito o condado de Rosellón e o condado de Cerdaña ao rei Luís XI de Francia. Cando o 14 de xuño de 1474 tropas francesas invadían o Rosellón, España, que xa estaba en guerra con Francia, tamén o estivo por Cataluña. Mediante a diplomacia do cardeal ofreceuse a Luís XI unha resolución xurídico-diplomática do conflito e obtivo un ano de tregua. As delegacións deputadas achegáronse a Hondarribia e Baiona reuníndose en San Juan de Luz o 9 de novembro de 1478. Por parte dos reis acudiu Juan Ruíz de Medina e por parte do cardeal, que actuaba como «terceiro» ou «tercería» entre España e Francia, Alonso Yañez, vicario do bispado de Siguenza e diplomático seu. Pola do rei de Francia o conde de Lescaut e o bispo de Lubierre, abade de san Denis.

O rei de Francia outorgou poder ao cardeal, por capítulo de cinco anos (1483), para a tenencia provisional («en tercería») de Perpiñan («capital do condado de Rosellón») con todas as fortalezas de ambos condados ata dilucidar as diferenzas sobre o señorío. A tregua capitulada ratificouse en Guadalupe en febreiro de 1479. Un ano logo da Conquista de Granada (1492) Fernando II de Aragón retomaba a pacífica posesión dos condados, a quen correspondían pola súa condición de rei de Aragón desde que, no seu testamento, Xerardo II, último conde independente de Rosellón, estableceu que o condado «todo integramente douno ao meu señor o rei dos aragoneses» pola fe depositada no seu soberano Afonso II de Aragón, que foi recoñecido como rei en Perpiñán en 1172.[1]

Arcebispo de ToledoEditar

O 1 de xullo de 1482 morrera o revoltoso don Alfonso Carrillo de Acuña, arcebispo de Toledo. Quedaba vacante así a sé primada hispana. O 13 de novembro de 1482, Pedro González de Mendoza alcanzou do papa Sisto IV o nomeamento de arcebispo de Toledo, abandonando o resto dos seus cargos, menos o bispado de Sigüenza.

O primado seguiu reforzando a súa influencia na corte mediante a colocación de persoas da súa contorna nos postos clave. Nos primeiros meses de 1492 buscábase ao novo confesor da raíña, que substituiría a frei Hernando de Talavera tralo nomeamento deste como arcebispo de Granada; Mendoza insistiu a dona Isabel para que aceptase a un escuro e testalán franciscano do mosteiro alcarreño da Salceda, introducindo así nas máis altas esferas ao futuro Cardeal Cisneros.

Guerra de Granada e descubrimento de AméricaEditar

Rematada en 1479 a guerra con Portugal e afirmados os dereitos ao trono, os reis buscaron como novos obxectivos ao seu reinado a unidade peninsular e relixiosa. As expedicións militares de primavera e verán contra o reino nazarí intensificáronse a partir de 1485. Todos os Mendoza participaron, campaña tras campaña; en 1485 atopamos ao cardeal en Córdoba, acompañando a don Fernando; dous anos despois, 1487, entra en Málaga e finalmente en 1492, acompañado polo seu sobriño o gran Tendilla, coloca o pendón castelán, na Alhambra de Granada.

Ademais do problema dos conversos, para o que Pedro sempre mantivo posturas comprensivas, a súa actitude política foi de grande importancia para outro dos grandes proxectos do reinado dos Reis Católicos, a viaxe de Cristovo Colón ao Novo Mundo; desde o principio recibiu o apoio de Luís II de la Cerda, I duque de Medinaceli, sobriño do cardeal. O bloque sempre homoxéneo dos Mendoza, co cardeal Pedro González á fronte, foi un dos grandes impulsores, co financiamento da dilatada espera de Colón, ata conseguir a aprobación real e, sobre todo, a consecución do interese e o compromiso da raíña Isabel I respecto de os proxectos colombinos, cando todo o esforzo do Reino de Castela dedicábase á toma do Reino de Granada.

Vida privadaEditar

 
Rodrigo Mendoza, marqués do Cenete, fillo do Cardeal.

Segundo as crónicas, a Pedro atribuíanselle tres fillos que a raíña Isabel coñecía como «os lindos pecados do Cardeal». Dos amores que a partir de 1460 tivo con Mencía de Lemos, acompañante da raíña Xoana, naceron dous fillos: Rodrigo Díaz de Vivar y Mendoza, futuro marqués do Cenete, nacido en Guadalaxara no palacio dos Mendoza en 1462, e Diego Hurtado de Mendoza y Lemos, logo conde de Mélito e señor de Almenara, nacido en 1468 no Real do Manzanares, «en amenceres».

En 1476, pediu á raíña Isabel a lexitimación dos seus dous fillos, que lle foi concedida o 15 de xuño dese ano; en 1478, Sisto IV concedeu ao cardeal autorización para testar a favor dos seus fillos, e o seu sucesor Inocencio VIII, en 1486, concedeulle a verdadeira lexitimación. anos despois, os Reis Católicos concederon a capacidade de instituír os morgados que quixese a favor dos seus fillos. Aquí aparece o terceiro fillo do cardeal, Juan Mendoza, nado anos atrás en Valladolid, de Inés de Tovar, e ao que non se lle consignaría morgado algún.

Na cidade de Guadalaxara, o 11 de xaneiro de 1495, tras case un ano prostrado por unha grave enfermidade renal e recibindo a visita dos Reis Católicos en máis dunha ocasión, morría o gran cardeal. Deixou como herdeiro de todos os seus bens ao hospital da Santa Cruz de Toledo. O seu féretro, acompañado polos Reis nunha solemne comitiva que durou catro días, trasladou o cadáver desde Guadalaxara ata Toledo, onde foi enterrado no presbiterio da catedral, como el elixira.

Labor culturalEditar

 
O Colexio Maior da Santa Cruz de Valladolid.

O seu papel máis importante na cultura da segunda metade do século XV foi como mecenas. Grazas ao cardeal Mendoza, a arquitectura castelá renovouse totalmente, entrando con el os modismos renacentistas, influído polo cardeal don Rodrigo de Borja, o futuro Papa Alexandre VI, enviado polo papa Sisto IV, en 1472, para sosegar as diferenzas entre Henrique IV e a súa irmá Isabel.

A tarefa construtiva foi infatigable. Sabía que a construción de edificios e o adorno dos mesmos atraeríalle o agarimo das xentes, máxime cando en cada un deses edificios aparecerían as armas da súa liñaxe e o escudo heráldico do cardeal.

As súas obras estendéronse por todo o reino de Castela:

 
O hospital da Santa Cruz de Toledo.
  • En Toledo, o hospital da Santa Cruz, boa parte do palacio arcebispal, a cantería baixa do coro da catedral coa talla da guerra de Granada (de Rodrigo Alemán).
  • En Alcalá de Henares, a reforma do palacio dos bispos e a ampliación das Escolas Xerais.
  • En Sevilla, obras na Catedral, en San Francisco e na igrexa de Santa Cruz.
  • Na catedral do Burgo de Osma, a portada principal do mediodía, a sancristía e o púlpito do Evanxeo, na Catedral, moi similar ao de Sigüenza.

Ata deixou testemuña do seu mecenado en Roma e Xerusalén:

  • En Roma, a reedificación completa da igrexa da Santa Cruz ou Croce.
  • En Xerusalén, a consolidación da igrexa do Santo Sepulcro e a construción doutro templo en honor da Santa Cruz.

Obras na provincia de GuadalaxaraEditar

Pero onde máis numerosas foron as obras e mecenados do Cardeal foi na provincia de Guadalaxara, lugar onde naceu e onde a súa familia tiña a maioría das súas posesións:

  • Casa-palacio de Guadalaxara, palacio de estilo renacentista de gran fama no século XV e XVI, destruído por un incendio no século XVIII.
 
Escudo do cardeal no coro (catedral de Sigüenza).
  • Castelo de Jadraque ou castelo do Cid, construído coa estrutura actual no último terzo do século XV, achegándose ao carácter palaciego das residencias renacentistas de estilo italianizante.
  • Monasterio de Sopetrán, o antigo mosteiro de Santa María de Sopetrán, localizado preto da desembocadura do río Badiel co Henares, coa construción da sancristía.
  • Monasterio de San Francisco en Guadalaxara, na súa igrexa sobre todo, instituído como panteón da familia Mendoza desde 1395 e desde o século XVII, tamén cripta dos duques do Infantado.
  • Universidade de Sigüenza, en 1476 foi fundado o Colexio Grande de San Antonio de Portaceli. O papa Sisto IV aprobou as Constitucións primitivas, en 1483 e promulgadas o 7 de xullo de 1484. Uns anos despois, e a petición do cardeal, o papa Inocencio VIII promulgou unha bula papal, en abril de 1489, que permitirá conceder grados de bacharelato, licenciado, mestre e doutor das materias impartidas.
  • Catedral de Sigüenza, realizou varias obras, como o coro.

NotasEditar

  1. Henrique IV de Castela era o fillo primoxénito do rei Xoán II de Castela coa súa primeira esposa, María de Aragón mentres que os infantes Afonso e Isabel, futura Isabel I de Castela, eran fillos do segundo matrimonio de Xoán II con Isabel de Portugal.
  1. José Ángel Sesma Muñoz, La Corona de Aragón, Zaragoza, CAI (Colección Mariano de Pano y Ruata, 18), 2000, págs. 59-60.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Layna Serrano, Francisco (1993-1996). Historia de Guadalajara y sus Mendozas en los siglos XV y XVI, 4 Tomos. Guadalajara, Aache ediciones. ISBN 84-87743-28-5. 
  • Nader, Helen (1985). Los Mendoza y el Renacimiento espanol. Guadalajara, Institución Provincial de Cultura "Marqués de Santillana". Diputación de Guadalajara. ISBN 84-505-3156-X. 

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar

Predecesor:
Pedro López de Miranda
Bispo de Calahorra
1453 - 1467
Sucesor:
Rodrigo Sánchez de Arévalo
Predecesor:
Juan de Mella
Bispo de Sigüenza
1468 - 1495
Sucesor:
Bernardino López de Carvajal y Sande
Predecesor:
Pedro Riario
Administrador apostólico da Arquidiocese de Sevilla
1474 - 1482
Sucesor:
Íñigo Manrique de Lara
Predecesor:
Francisco de Santillana
Bispo de Osma
1482 - 1482
Sucesor:
Rafael Sansoni Riario
Predecesor:
Alfonso Carrillo de Acuña
Arcebispo de Toledo
1482 – 1495
Sucesor:
Francisco Jiménez de Cisneros