Pedro Antonio Sánchez Moñino
Pedro Antonio Sánchez Moñino, nado en Aspe (Alacant) o 12 de decembro de 1986, é un futbolista español. Xoga de extremo no Betis Florida, da Segona FFCV da Comunidade Valenciana.
Pedro Sánchez | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Pedro Antonio Sánchez Moñino | ||
Nacemento | 12 de decembro de 1986 (37 anos) | ||
Lugar de nacemento | Aspe | ||
Altura | 1,78 m. | ||
Posición | Extremo | ||
Información de club | |||
Club actual | Betis Florida | ||
Número | 15 | ||
Carreira xuvenil | |||
Alicante | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
2005–2008 | Alicante B | 72 | (5) |
2008–2009 | Alicante | 27 | (2) |
2009–2012 | Murcia | 108 | (20) |
2012–2014 | Córdoba | 75 | (13) |
2014–2016 | Zaragoza | 69 | (10) |
2016–2017 | Elche | 30 | (1) |
2017–2018 | Granada | 38 | (7) |
2018–2019 | Deportivo da Coruña | 26 | (4) |
2019–2020 | Albacete | 35 | (4) |
2020–2022 | Hércules | 40 | (7) |
2022–2023 | Alcoyano | 10 | (0) |
2023– | Betis Florida | 17 | (7) |
Partidos e goles só en liga doméstica. Club: actualizado a 14 de febreiro de 2024. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Traxectoria
editarAlicante
editarFormouse como futbolista na canteira do desaparecido Alicante CF e na tempada 2005/06 debutou co Alicante B na Terceira División. O 23 de novembro de 2008 debutou co primeiro equipo do Alicante na Segunda División, nun encontro ante o Rayo Vallecano no estadio de Vallecas.[1] Durante esa campaña disputou 27 partidos na categoría de prata, marcando dous goles diante do Eibar e do Sevilla Atlético, pero o equipo acabou descendendo.
Real Murcia
editarTralo descenso deixou a a súa provincia natal e fichou polo Real Murcia, tamén de Segunda.[2] Na súa primeira campaña no club murciano, disputou un total de 37 partidos e marcou tres goles, sufrindo o segundo descenso consecutivo da súa carreira, en só dous anos como profesional. Na tempada 2010/11, xa na Segunda División B, conseguiu 13 goles en liga, a mellor cifra da súa carreira, que serviu para colocarse como o cuarto máximo goleador do seu grupo, só por detrás de Rodri Ríos, Chando e Luis Alberto, e contribuíu ao ascenso do club tras proclamarse campión. Xogou unha terceira campaña no Murcia, acadando os 116 partidos oficiais e 22 goles.
Córdoba e Zaragoza
editarA continuación pasou ao Córdoba, no que xogou durante dous anos, logrando no segundo deles o ascenso á Primeira División. Con todo, non chegou a debutar na máxima categoría, pois deixou o club no verán de 2014, asinando como novo xogador do Zaragoza, tamén de Segunda. Co club aragonés anotou 10 goles en 69 encontros repartidos ao longo de dúas campañas.
Elche e Granada
editarNa tempada 2016/17 xogou no Elche, co que viviu o terceiro descenso a Segunda B da súa carreira, pasando a continuación un ano no Granada, tamén en Segunda.
Deportivo da Coruña
editarO 28 de xuño de 2018, anunciouse a súa fichaxe por dúas tempadas polo Deportivo da Coruña, da mesma categoría.[3] Co club galego disputou un total de 27 partidos, marcando 4 goles. Xogou como titular os catro partidos da promoción de ascenso a Primeira e marcou un gol nas semifinais contra o Málaga,[4] pero o equipo perdeu na final ante o Mallorca.[5] Comezou a campaña 2019/20 vestindo a camiseta do Deportivo, pero pouco despois do inicio pediu ao club a súa saída por motivos familiares, polo que o seu contrato foi rescindido.[6]
Últimos anos
editarA continuación fichou polo Albacete, co que xogou por última vez na Segunda División, na tempada 2019/20, pasando logo dous anos no Hércules. No verán de 2022 asinou co Alcoyano, da Primeira División RFEF, pero o seu contrato foi rescindido en xaneiro, despois de ter disputados dez partidos, só dous deles como titular. En febreiro de 2023 anunciouse a súa incorporación ao Betis Florida, da Betis Florida, da Segona FFCV, oitava categoría do fútbol na Comunidade Valenciana.[7]
Notas
editar- ↑ "Rayo Vallecano 0-0 Alicante". ESPN (en castelán). Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "El Real Murcia confirma los fichajes de Pedro y Sergio Fernández". As (en castelán). 22 de xuño de 2009. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "Pedro Sánchez, novo xogador do Deportivo". 28 de xuño de 2018. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "El Dépor remonta en un loco partido contra el Málaga". Televisión Española (en castelán). 12 de xuño de 2019. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "El Mallorca firma una gran remontada y asciende a Primera a costa del Deportivo". ABC (en castelán). 24 de xuño de 2019. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "O Deportivo e Pedro Sánchez acordan a saída do futbolista do Club". 27 de agosto de 2019. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
- ↑ "Pedro Antonio Sánchez Moñino nuevo jugador de nuestro equipo de Primera Regional" (en castelán). 3 de febreiro de 2023. Consultado o 14 de febreiro de 2024.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Datos do xogador en LaPreferente (en castelán).