Pazo de Moldes

pazo en Mañufe, Gondomar

O Pazo de Moldes, tamén coñecido como Casa Forte de Moldes[1] ou Pousa de San Blas[2][3] é un antigo couto sobre o que foi edificada unha casa grande galega arredor do século XIV[1][2]. Canda ela, unha capela baixo advocación de San Brais, sede dunha romaxe tradicionais da parroquia de Mañufe. No século XXI, inda que con algunha reforma no exterior, mantén en boa conservación as súas estruturas, sendo utilizada como vivenda familiar[1][4]. Atópase no lugar de San Brais, parroquia de Mañufe, Gondomar.

Pazo de Moldes
ConcelloGondomar
ProvinciaPontevedra
ComunidadeGaliza
Coordenadas42°06′05″N 8°46′23″O / 42.101416666667, -8.7730277777778Coordenadas: 42°06′05″N 8°46′23″O / 42.101416666667, -8.7730277777778
Estilo arquitectónico
Estilo orixinalSéculo XIV (En bo estado)
editar datos en Wikidata ]

Arquitectura editar

O pazo sitúase nuns terreos altos dende os que se domina a paisaxe do Val Miñor. O edificio é de planta rectangular dividido en dous andares. Antigamente a baixa estaba dedicada á corte de animais e mais a adega[3]. A construción conserva numerosas marcas de canteiros na fábrica[1]. Está brasonado na fachada norte co escudo de armas dos Suárez de Deza. O brasón ten diferenza co que se atopa na Torre de Tebra (Tomiño), pois cambia unha das flores de lis por unha cruz de Calatrava. Ao respecto especúlase que se debería a unha modificación feita por Álvaro Suárez de Deza, quen tería pertencido a esta orde ao momento de fixar morgado no ano 1566 en Tebra e deixar constancia do seu carácter de propietario do couto de Moldes.[2][1]

A capela foi reconstruída durante o século XX, tras ter sido utilizada como leñeiro e asador.[3][2][1] A tradición oral remite a que foi sede dunha antiga romaxe anual de carácter parroquial que baixaba en procesión até o veciño Cruceiro de Piquetes[3][2][1]. Contiña unha imaxe de San Brais que na actualidade se atopa na Igrexa de San Vicente de Mañufe[3][2][1]. Trala súa remodelación volveu ser lugar de culto de carácter familiar.[1]

Toponimia editar

A capela é nomeada tradicionalmente en castelán, San Blas, tanto nos estudos de José Espinosa Rodríguez, como nos traballos do arquitecto Antonio Soliño Troncoso. Este nome de lugar tamén foi recollido deste xeito polo historiador Anxo Rodríguez Lemos na recollida de topónimos da parroquia de Mañufe.[5]

Grazas a este último traballo foi posible xeolocalizar microtopónimos que pertencían ao antigo couto espallados na entidade de San Brais:

Da casa é capela: A Capela de San Blas, O Pazo, Casa Forte de Moldes,

Das terras de labor e enxeños: A Tomada do Pazo (ao norte), A Fonte de San Blase e O Coto de Modes(oeste), Os Muíños do Pazo, Muíño de Baixo e Muíño de Riba, A Presa do Pazo (sur); A Tol do Pazo (leste); Moldes (tomada ao sueste)

Historia e liñaxes editar

O primeiro propietario do que se ten documentación é Álvaro Suárez de Deza, quen fundou morgado con cabeza na Torre de Tebra (Tebra - Tomiño), e fixo constar nun testamento outorgado en 1566, que o couto de Moldes era da súa propiedade, segundo a investigación histórica de José Espinosa Rodríguez publicada en 1951. [2][4][1]

Porén, a investigación máis recente de Carmen Pérez Pérez, matiza que ao longo do século XV,  este couto como outros do Val Miñor, foron reivindicados como señoríos pola Igrexa de Tui, pola vila de Baiona e por cabaleiros galegos, "coma os señores de Montaos, situados na zona coruñesa, que queren ter unha presenza en terras tudenses."[4] Nesta liña, afirma que a principios do XV, o couto de Moldes é propiedade de Lope de Oya. Engade que no ano 1634 Gregorio de Castro e Oya, señor do couto de Piñeiro (Peitieiros), no seu testamento di que os seus ascendentes eran señores da casa de Moldes. En base a esta documentación, Pérez Pérez, entende que pode afirmarse que o couto pertenceu á familia dos Oya. Pero Espinosa Rodríguez, que recolle o devandito testamento de Gregorio Castro de Oya no que se adxudica ser señor da casa de Moldes, matiza que dos seus descendentes non se coñece ningún que fose dono do devandito couto.[2]

En 1570, o sobriño e herdeiro de Álvaro Suárez de Dez, chamado Gregorio Suárez de Deza testou en Mañufe afirmando que "era habitante no couto de Moldes".  Por esa época, segundo Espinosa Rodríguez, "unha filla da casa de Tebra", Cristina Suárez de Deza, casou con Lorenzo Alemparte co quen tivo un fillo que chamou Pedro de Alemparte.[2]

Pedro Alemparte tamén foi señor do couto de Moldes e casou con Elvira Correa Ozores, señora do pazo de Pegullal, da parroquia de Santa María de Salceda . Desta unión naceu Lorenzo Correa Alemparte, quen sería capitán de milicias e mais herdeiro das casas de Pegullal e Moldes.[4][2]

A casa e couto seguirá a descendencia dos Correa, entre eles salienta Alonso Correa Sotomayor de Mendoza, primeiro vizconde de Pegullal e conde de San Bernardo. Este casou con Catalina Sarmiento, segunda marquesa de Mos.[4][2]

Deste matrimonio nacerá Payo Correa Sotomayor, e unha das súas fillas herdará e casará con Antonio Montenegro y Tavares, señor de Castrelos. [4][2]

A herdanza e propiedade do couto de Moldes seguirá esta liña dos señores de Castrelos e pasará aos marqueses de Valladares, os seus descendentes. Dentro desta liñaxe, a casa pasará a titularidade de Fernando Quiñones de León y Elduayen, sétimo marqués de Mos e marqués de Valladares.[4][2]

Ao comezo do século XX, Mariano Pérez Pérez de Castro, tamén marqués de Mos e Valladares herdará e terá a propiedade do Pazo de Moldes.[4]

Dos Valladares pasou a propiedade do avogado vigués Manuel Fernández Herba, cuxos herdeiros vendéronlla anos máis adiante a José Fajo sobre mediados do século XX.[2]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de MIñor. Instituto de Estudos Miñoranos. p. 108-109. ISBN 978-84-09-06595-0. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 Espinosa Rodríguez, José (1951). Casas y cosas del Valle Miñor (en Castelán). [s.n.] pp. 51–52. OCLC 432013119. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Soliño Troncoso, Manuel; Mosquera Veleiro, José Luis; Soliño Troncoso, Alfonso; Soliño Troncoso, Antonio (1995). Gondomar historia, arte y territorio (en Castelán). Ir indo Edicións. pp. 323–325. ISBN 84-7680-225-0. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Pérez Pérez, Carmen (2012). Un percorrido pola historia do Val Miño. Deputación de Pontevedra. pp. 37–38. ISBN 978-84-8457-383-8. 
  5. "Toponimia de Gondomar". Concello de Gondomar. Arquivado dende o orixinal o 26/05/2020. Consultado o 15/06/2020.