Pacharán
O pacharán[Cómpre referencia] (en éuscaro: patxaran) é un licor cuxo contido alcólico alcanza o 25-35% do volume, obtido pola maceración de abruños, froito de cor negra azulada do abruñeiro (Prunus spinosa), en augardente anisada, característico de Navarra. O substantivo provén do éuscaro patxaran, composto de paitar, pattar "augardente, licor" e aran "abruñeiro"[1]. Este produto xa era reputado na Idade Media.
En Galicia atópanse as empresas Maitines; Licores y aguardientes[2] e Ruavieja que elaboran pacharán entre outros licores.
Historia
editarNa Idade Media
editarO pacharán xa formara parte do menú servido na voda de Gonofre de Navarra (1394 - 1428), fillo do rei Carlos III, quen, en 1415 casa con Dona Tareixa de Arellano. Tamén se sabe que a raíña Branca I de Navarra (1385 - 1441) bebía pacharán polas súas propiedades medicinais cando enfermou no Mosteiro de Santa María de Nieva en 1441.
Na actualidade
editarO abruñeiro encóntrase en estado silvestre por toda Europa, e dende 1997 cultívase na xeografía navarra. O Consello Regulador do Pacharán Navarro é, dende 1988, o encargado de regulamentar a elaboración, calidade e embotellado do pacharán, sendo o primeiro (e de momento o único) organismo que certifica a correcta elaboración deste licor, amparando ás empresas adscritas á Denominación de Orixe do Pacharán Navarro, integrada na Denominación de Produtos Artesáns de Navarra.
Aínda que son moitos os produtores deste licor en Navarra, e o seu consumo na comunidade foral é crecente, non é un licor excesivamente coñecido no resto da península, e escasamente referenciado noutros países. Comezouse a coñecer co servizo militar obrigatorio, cando o pacharán era chamado licor de zoco, unha das primeiras marcas que exportou o licor fóra de Euskal Herria.
A venda total de pacharán no 2000 alcanzou os 7,7 millóns de litros, segundo o Consello Regulador do Pacharán Navarro. E a isto habería que engadir todo o pacharán que se fai nos fogares navarros.
Características
editarCaracterísticas organolépticas
editarO pacharán navarro ten que ser vermello ou rosado intenso. Se aparece turbio ou con pousos significa que non se filtrou correctamente. O brillo é sinal de xuventude, e os tons opacos, de vellez. Ha de ter aroma intenso e afrutado, e non se debe notar o olor a alcol.
Valores nutricionais e medicinais
editarO abruño contén vitamina C, é tónico, adstrinxente, e fortifica o estómago. As flores do arbusto son diuréticas e suavemente laxantes cando se utilizan en infusión. Estas son as propiedades medicinais do pacharán, que resulta ser bo para o estómago, aliviar os achaques da vellez e previr a arteriosclerose e o infarto. Ademais, actúa como sedante sobre o sistema nervioso.
Preparación
editarPara a súa elaboración precísanse uns 250 gramos de abruños, a ser posíbel maduros, por cada litro de augardente; outra receita declara oito froitos por litro. Macéranse durante sete ou oito meses nun lugar fresco e escuro. Pasado ese tempo, fíltrase, rebáixase cun xarope de auga fervida e azucre morena, e embotéllase. No tempo de maceración pódeselle engadirunha folla de loureiro ou grans de café preparado, para darlle outros toques. Ou botarlle canela, macela ou outras herbas.
Degustación
editarÉ aconsellábel tomalo en copa ou vaso de cristal, e fresco, entre 6 e 8 °C. Pódese arrefriar a botella no frigorífico ou refrescar a bebida con xeo para producir frescura na boca, mais non é recomendábel, pois a auga producida co xeo sácalle sabor ao pacharán e pode resultar incluso desagradábel.
O pacharán non mellora co tempo, polo que é recomendable consumilo antes de dous ou tres anos dende a súa elaboración.
Combinado
editarTradicionalmente o licor consumíase só, mais en Navarra, sobre todo nas festas populares, hai o costume de mesturalo. E así reciben os nomes populares de:
- Pacharán con cava: San Fermín.
- Pacharán con laranxa: butano ou butanito.
- Pacharán con limón: pachalón.
- Pacharán con leite: vaca rosa.
- Pacharán con xeado: sorbete rosa.
- Pacharán con zume de froitas do bosque: pacharán do bosque.
- Pacharán con gaseosa: pacharansete.
- Pacharán con licor de morogo: miquirol.
Notas
editar- ↑ Só en biscaíño; "ameixeira" no resto.
- ↑ Artesanos de Galicia: Pacharán Maitines.