Prosopographia Imperii Romani

(Redirección desde «PIR»)

A Prosopographia Imperii Romani, abreviado PIR, é unha obra histórica colectiva usada para establecer a prosopografía de personaxes destacados do Imperio romano. O período de tempo cuberto esténdese desde a batalla de Accio, no 31 a. C., até o reinado de Diocleciano. O volume final da segunda edición, coñecida como PIR2, apareceu en novembro de 2015. Para períodos posteriores ao século III que a PIR non cobre, existe a Prosopography of the Later Roman Empire de Arnold Hugh Martin Jones, J. R. Martindale e John Morris.[1]

Prosopographia Imperii Romani
PIR e PIR2
Título orixinalProsopographia Imperii Romani
Autor/aVV.AA.
OrixeAlemaña
Lingua(en alemán) e (en latín)
Tema(s)Historia do Imperio romano
Data de pub.PIR (1897-1898)
PIR2 (1933-2015)
EditorAcademia de Berlín
editar datos en Wikidata ]

Os persoeiros están dispostos a partir dos nomes da gens. Igualmente, aparecen enumerados e citados nas partes máis significativas das fontes coñecidas (especialmente inscricións, papiros e moedas), a partir das cales recompílase un esquema biográfico. Aparecen enumeradas as funcións, os cargos, as relacións de parentesco (tamén en forma de Stemmata) e as posibles actividades literarias. As entradas están escritas en latín.

Historia editar

Primeira edición editar

Do mesmo xeito que outros proxectos en estudos clásicos, o PIR foi ideado no século XIX por iniciativa de Theodor Mommsen na Academia de Berlín. A primeira edición publicouse en Berlín na liña dos traballos académicos da escola historicista de economía, que lograra o proxecto dun corpus de tódalas inscricións latinas, o Corpus Inscriptionum Latinarum. Dirixida por Elimar Klebs, Hermann Dessau e Paul von Rohden, a primeira edición do PIR editouse en tres volumes desde 1897 até 1898.[1][2]

Segunda edición editar

A partir das novas e abondosas achegas arqueolóxicas, a obra quedou obsoleta e a Academia de Berlín, en 1915, decidiu a súa actualización. O primeiro volume desta segunda edición estivo a cargo de Edmund Groag e Arthur Stein[1] quen reuniron nel as letras A e B e foi publicado en Berlín en 1933. A seguir, o segundo volume (letra C) foi publicado en 1936.[2]

A súa continuidade foi interrompida pola Segunda guerra mundial mentres se traballaba no terceiro volume, letras D-F (1943).[2] Trala guerra retomáronse os traballos, baixo a dirección de A. Stein e, posteriormente a partir de 1951, de Leiva Petersen na Academia Alemá de Ciencias (máis tarde Academia de Ciencias da RDA), mais dun xeito moi limitado. Non foi até despois da unificación alemá que o proxecto colleu novos pulos, na Academia de Ciencias e Humanidades de Berlín-Brandeburgo, fundada en 1992. Dende ese momento, estivo dirixido por K. Wachtel e cando se xubilou en 2002, foi substituído por Matthäus Heil. Mantívose como proxecto da Academia até 2006 e, daquela, estaba impreso o fascículo até a letra S. A partir de aí, continuaron a Academia de Berlín-Brandeburgo e a Fundación Fritz Thyssen. En novembro de 2015, apareceu o derradeiro fascículo coas letras restantes, U/V-Z, o que marcou o remate da segunda edición despois de 82 anos.

Esta segunda edición do PIR inclúe notas para tódolos senadores romanos coñecidos, os équites e algúns funcionarios públicos que non son de rango ecuestre, como os libertos imperiais manumitidos que están testemuñados na tradición literaria. Tamén se inclúen os emperadores romanos, as súas familias e príncipes estranxeiros relacionados co Imperio.

As entradas no PIR están indexadas pola letra inicial do nome, logo polo número da entrada. Por exemplo, Claudio Pompeiano corresponde á entrada PIR C 0970; é dicir, a entrada 970 baixo a letra C.[3]

En Internet editar

Por outra banda, dende 1998, as entradas se foron creando coa axuda dunha base de datos que non se actualizou dende outubro de 2004 e está marcada como completa. En Internet, está dispoñoble unha listaxe de palabras clave das persoas incñuídas na lista e unha base de datos con suplementos (engadidos) ao volumes xa publicados.[4]

Obra editar

  • Prosopographia Imperii Romani saec. I. II. III (Primeira edición)
    • Volume I edición de Elimarus Klebs, 1897 (Letra A – C)
    • Volume II edición de Hermannus Dessau, 1897 (Letra D – O)
    • Volume III edición de Paulus de Rohden e Hermannus Dessau, 1898 (Letra P – Z)
  • Prosopographia Imperii Romani saec. I. II. III (Segunda Edición)
    • Volume I edición de Edmundus Groag et Arturus Stei,n 1933 (Letra A e B)
    • Volume II edición de Edmundus Groag et Arturus Stein, 1936 (Letra C)
    • Volume III ed. Edmundus Groag et Arturus Stein, 1943 (Letra D – F)
    • Volume IV Fascículo 1, edición de Arturus Stein, 1952 (Letra G)
    • Volume IV Fascículo 2, edición de Edmundi Groag e Arturi Stein, 1958 (Letra H)
    • Volume IV Fascículo 3, edición de Leiva Petersen, 1966 (Letra I)
    • Volume V Fascículo 1, edición de Leiva Petersen, 1970 (Letra L)
    • Volume V Fascículo 2, edición de Leiva Petersen, 1983 (Letra M)
    • Volume V Fascículo 3, edición de Leiva Petersen, 1987 (Letra N e O)
    • Volume VI edición de Leiva Petersen et Klaus Wachtel, 1998 (Letra P)
    • Volume VII Fascículo 1, edición de Klaus Wachtel, 1999 (Letra Q e R)
    • Volume VII Fascículo 2, edición de Matthäus Heil et Klaus Wachtel, 2006 (Letra S)
    • Volume VIII Fascículo 1, edición de Werner Eck, Matthäus Heil, Johannes Heinrichs, 2009 (Letra T)
    • Volume VIII Fascículo 2, edición de Werner Eck, Matthäus Heil, Johannes Heinrichs, 2015 (Letra V – Z)

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 Maurin 1982, p. 835, nota 23
  2. 2,0 2,1 2,2 "Geschichte des Vorhabens". pir.bbaw.de (en alemán). 2021-2022. Consultado o 17 de febreiro de 2022. 
  3. Berlin-Brandenburg Academy of Sciences and Humanities,. "claudius pompeianus". pir.bbaw.de (en alemán e latín). Consultado o 17 de febreiro de 2022. 
  4. "Prosopographia Imperii Romani". pir.bbaw.de (en alemán). Berlin-Brandenburgische Akademie der Wissenschaften. Consultado o 17 de febreiro de 2022. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Eck, Werner (2003). "The Prosopographia Imperii Romani and Prosopographical Method". En Cameron, Averil. Fifty Years of Prosopography. The Later Roman Empire, Byzantium and Beyond (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. pp. 11–22. ISBN 0-19-726292-9. 
  • Jones, Arnold Hugh Martin; Martindale, John Robert; Morris, John (1971-1992). Prosopography of the Later Roman Empire (en inglés). Cambridge. 
  • Maurin, Jean (1982). "La prosopographie romaine: pertes et profits". Annales. Économies, Sociétés, Civilisations (en francés) (5-6): 824–836. doi:10.3406/ahess.1982.282906. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar