Orrorin tugenensis
Rango fósil: Mioceno Tardío, (hai 6,1-5,7 Ma)

Fósiles de Orrorin tugenensis


Falanxe distal do polgar.

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Primates
Familia: Hominidae
Subfamilia: Homininae
Tribo: Hominini
Xénero: Orrorin
Senut et al. 2001
Especie: O. tugenensis
Nome binomial
†Orrorin tugenensis
Senut et al. 2001

Orrorin é un xénero de homínidos fósiles que contén a única especie Orrorin tugenensis. Considérase unha especie temperán de Homininae, cunha idade estimada de entre 6,1 a 5,7 millóns de anos (Ma), descuberto en 2000. Non está confirmada a súa relación anatómica cos modernos humanos. O seu descubrimento foi un argumento contra a hipótese de que os australopitecinos son antepasados humanos, aínda que segue sendo hipótese máis aceptada sobre a evolución humana (en 2012).[1]

O nome do xénero Orrorin (plural Orroriek) significa "home orixinal" en lingua tugen,[2][3] e o epíteto da especie deriva de Tugen Hills en Kenya, onde se encontrou o fósil en 2000.[3] Ata 2007, encontráranse 20 fósiles fragmentarios desta especie.[4]

Fósiles editar

Liña do tempo da evolución humana
Escala do eixe: millóns de anos.

Os 20 restos fósiles encontrados en 2007 incluían: a parte posterior da mandíbula en dous cachos; unha probable sínfise e varios dentres illados; tres fragmentos de fémur; un úmero parcial; unha falanxe proximal; e unha falanxe distal do polgar. [4]

Orrorin ten dentes pequenos en relación co seu tamaño. A súa denticiónn difire da dos Australopithecus en que as súas pezas dentais posteriores son máis pequenas e menos alongadas mesiodistalmente, e da dos Ardipithecus en que o seu esmalte dentario é máis groso. A dentición difire de ambas as especies mencionadas na presenza dunha amosega mesial nos caninos superiores. Os caninos son de tipo simiesco pero reducidos, como os que se encontran nos simios miocénicos e nas femias de chimpancé. Orrorin tiña dentes poscaninos pequenos e era microdonto como os humanos modernos, mentres que os robustos australopitecinos eran megadontos. [4]

No fémur, a cabeza é esférica está rotada en dirección anterior; o colo do fémur é alongado e oval en sección e o trocánter menor fai protrusión en dirección medial. Aínda que isto suxire que Orrorin era bípede, o resto do poscranio indica que subía ás árbores. Aínda que a falanxe proximal está curvada, a falanxe distal do polgar é de proporcións humanas, característica que foi asociada coa construción de ferramentas, pero neste contexto probablemente debería asociarse mellor con capacidades de asir útiles para gabear polas árbores.[4]

Despois do descubrimento dos fósiles en 2000, gardáronse no museo da vila de Kipsaraman, pero despois o museo foi pechado, e despois, segundo o presidente dos Community Museums de Kenya Eustace Kitonga, os fósiles foron almacenados nunha bóveda bancaria secreta en Nairobi.[5]

Clasificación editar

Se se probase que Orrorin é un antepasado directo dos humanos, entón australopitecinos como Australopithecus afarensis ("Lucy") poderían considerarse como unha póla lateral da árbore evolutiva dos homínidos: Orrorin é anterior no tempo, en case 3 millóns de anos, e máis similar aos humanos modernos que A. afarensis. A principal semellanza é que o fémur de Orrorin está morfoloxicamente máis próximo a H. sapiens que o de Lucy; non obstante, é un asunto que se segue debatendo. [6]

Outros fósiles (follas e moitos mamíferos) atopados na Formación Lukeino mostran que Orrorin viviu nun ambiente de bosque perenne seco, e non nunha sabana como se asume nas teorías sobre a evolución humana.[6]

Descubrimento editar

O equipo que encontrou estes fósiles en 2000 estaba liderado por Brigitte Senut e Martin Pickford[2] do Muséum national d'histoire naturelle de Francia. Os descubridores sacaron a conclusión que Orrorin é un hominino debido á súa locomoción bípede e anatomía dental; baseándose nisto, datan a separación entre os homininos e os grandes simios africanos en hai polo menos 7 millóns de anos, no Messiniano. Esta datación é marcadamente diferente da derivada do uso do reloxio molecular, pero foi xeralmente aceptada polos paleoantropólogos.

Os 20 restos fósiles atopáronse en catro sitios da Formación Lukeino: destes, os fósiles de Cheboit Aragai son os máis antigos (de 6,1 Ma), mentres que os de Kapsomin e Kapcheberek atopáronse nos niveis superiores da formación (de hai 5,7 Ma).[4]

Notas editar

  1. Reynolds, Sally C; Gallagher, Andrew (2012-03-29). African Genesis: Perspectives on Hominin Evolution. ISBN 9781107019959. 
  2. 2,0 2,1 Senut et al. 2001
  3. 3,0 3,1 Haviland et al. 2007, p. 122
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Henke 2007, pp. 1527–9
  5. "Whereabouts of fossil treasure sparks row". Daily Nation. May 19, 2009. Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2019. Consultado o December 2010. 
  6. 6,0 6,1 Pickford 2001, Interview

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar