Oligosacárido do núcleo

O oligosacárido do núcleo (ou na literatura inglesa core oligosaccharide) é unha curta cadea de residuos de azucre que se encontra no núcleo ou parte central da molécula do lipopolisacárido (LPS) de bacterias gramnegativas. Este oligosacárido é moi diverso nas distintas especies de bacterias e incluso en cepas da mesma especie.[1]

Lipopolisacárido. O núcleo da molécula inclúe unha parte interna e outra externa.

Estrutura

editar
 
Estrutura do oligosacárido do núcleo do LPS e vías metabólicas: oligosacárido de Escherichia coli R1.[1] O núcleo interno en verde e o externo en azul.

O dominio do núcleo (core) sempre contén un compoñente oligosacárido que se une directamente ao lípido A e normalmente contén azucres como heptosas e ácido 3-desoxi-D-mannooctulosónico (tamén chamado KDO ou ceto-desoxioctulosonato).[2] Os núcleos do LPS de moitas bacterias tamén conteñen compoñentes non carbohidratos, como substituíntes fosfato, aminoácidos e etanolamina. Na parte final o núcleo continúase co compoñente antíxeno O.

Describíronse moitas estruturas do núcleo do LPS na literatura; esta descrición está baseada na estrutura xeral tradicional (que se encontra nas bacterias entéricas e Pseudomonas). Ver a figura de arriba para un esquema da estrutura que se encontra en E. coli R1.

Núcleo interno da molécula

editar

A "base" do núcleo interno está formada por de 1 a 3 residuos de KDO. O último KDO está a miúdo modificado cun grupo fosfato ou etanolamina. Aos KDOs únense 2 ou 3 heptosas (concretamente L-glicero-D-manoheptulosa) que xeralmente están fosforiladas. Estes KDO e heptosas comprenden o "núcleo interno" completo. O enlace cetosídico entre o KDO e o lípido A (α2→6) é especialmente susceptible á rotura causada por ácidos. Para estudar o LPS utilízase un débil tratamento con ácido para separar as porcións lipídica e polisacarídica do LPS.

Unha molécula de LPS que inclúe só un lípido A e un núcleo interno (ou menos Ver exemplo) denomínase "LPS bruto profundo" ("deep-rough LPS").

Núcleo externo da molécula

editar

O núcleo externo está constituído por residuos de hexosas que se unen ao último residuo de haptosa do núcleo interno. Entre as hexosas que se encontran con frecuencia no núcleo externo están: D-glicosa, D-manosa, D-galactosa, etc.. Hai usualmente polo menos tres hexosas con enlaces β1→3, e o antíxeno O está ligado á terceira hexosa. Outras hexosas están a miúdo unidas ao núcleo externo, ramificándose do oligómero principal.

O LPS que inclúe o lípido A e un oligosacárido completo do núcleo (interno e externo) denomínase como "LPS bruto" ("rough LPS").

Biosíntese

editar

Os encimas implicados na síntese do oligosacárido do núcleo están conservados entre Escherichia coli e Salmonella. A especie Pseudomonas aeruginosa ten algúns encimas únicos.[3]

Función

editar

O mecanismo polo que o oligosacárido do núcleo da molécula de lipopolisaccárido afecta ao comportamento da membrana non se coñece ben.

  1. 1,0 1,1 Heinrichs DE, Yethon JA, Whitfield C (outubro de 1998). "Molecular basis for structural diversity in the core regions of the lipopolysaccharides of Escherichia coli and Salmonella enterica". Molecular Microbiology 30 (2): 221–32. PMID 9791168. doi:10.1046/j.1365-2958.1998.01063.x. 
  2. Hershberger C, Binkley SB (abril de 1968). "Chemistry and metabolism of 3-deoxy-D-mannooctulosonic acid. I. Stereochemical determination". The Journal of Biological Chemistry 243 (7): 1578–84. PMID 4296687. 
  3. King JD, Kocíncová D, Westman EL, Lam JS (outubro de 2009). "Review: Lipopolysaccharide biosynthesis in Pseudomonas aeruginosa". Innate Immunity 15 (5): 261–312. PMID 19710102. doi:10.1177/1753425909106436. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar