Ofensiva do Sarre

A Ofensiva do Sarre foi unha operación militar realizada polas tropas francesas no territorio alemán do Sarre do 7 ao 12 de setembro de 1939, durante os primeiros días da segunda guerra mundial, coa finalidade de apoiar a Polonia, aliada de Francia, que xa estaba a ser atacada polos alemáns desde o 1 de setembro de 1939. No entanto, o ataque francés ao Sarre foi detido tras catro días de avance, e as tropas francesas retiráronse.

Ofensiva do Sarre
Parte de a Fronte Occidental, no marco da segunda guerra mundial

Un soldado francés observa un cartel na poboación alemá de Lauterbach, Saarland
Data 7 - 16 de setembro de 1939 (9 días)
Lugar Sarre, oeste de Alemaña
Resultado Retirada francesa
Belixerantes
 Francia  Alemaña nazi
Líderes
 Francia Maurice Gamelin
 Francia André-Gastón Pretelat
 Alemaña Nazi Erwin von Witzleben
Forzas en combate
41 divisións
2400 tanques
4700 pezas de artillaría
22 divisións
~100 pezas de artillaría
Baixas
689 capturados
220 feridos
196 mortos
356 feridos
11 avións

Finalidade da ofensiva editar

De acordo aos pactos militares entre Francia e Polonia, o mando militar francés prepararía unha ofensiva a grande escala tres días despois de empezar a súa mobilización de tropas; o décimo quinto día da mobilización debía empezar dita ofensiva xeral. Con todo, o sistema francés de mobilización resultou ser demasiado lento: tras declararse a mobilización xeral das tropas francesas o 1 de setembro, o 7 de setembro tales forzas estaban dispostas para lanzarse ao ataque contra territorio alemán, cando a Wehrmacht xa levaba unha semana loitando en Polonia.

O 7 de setembro recíbese a orde de ataque para os exércitos franceses situados no sector fronteirizo coa rexión alemá do Sarre. Trátase de once divisións de infantaría con apoio de tanques e artillaría pesada, que penetran en territorio alemán no amencer do 9 de setembro, invadindo o Terceiro Reich.

Avance francés editar

Para sorpresa dos mandos militares franceses, os xefes militares alemáns deran orde de evacuar todas as localidades da zona, polo cal o avance francés non atopa resistencia apreciable. A Wehrmacht áchase maiormente consagrada á campaña en Polonia, con poucas reservas de tropas dispoñibles para repeler un ataque desde occidente, de tal xeito que as tropas francesas que invaden o Sarre practicamente converten a ofensiva nun paseo militar sen maiores consecuencias. De feito, a superioridade numérica francesa aconsellaba ao Oberkommando der Wehrmacht abandonar territorio de escaso valor táctico antes que empeñarse nunha defensa sen concesións onde as tropas alemás eran inferiores en número.

Os soldados franceses acaban ocupando unhas 20 aldeas alemás de moi pouco valor bélico, nunha fronte que abranguía uns 32 quilómetros de longo da fronteira, mais só duns 8 quilómetros cara ao interior de Alemaña. O avance francés detívose nas proximidades da cidade de Saarbrücken, ao estar o seu camiño rodeado dun bosque de catro quilómetros cadrados fortemente minados por tropas alemás.

Mentres tanto, a "ofensiva xeral" prometida polos xefes militares franceses a Polonia consistiría no ataque de 40 divisións de infantaría, unha división de tanques, tres divisións mecanizadas e 78 rexementos de artillaría, máis 40 batallóns de tanques, mais este ataque nunca foi executado. Pola contra, o 12 de setembro reúnese en Abbeville o Consello Supremo de Guerra franco-británico que ordena deter todos os ataques contra territorio alemán. Ante iso o xeneral francés Maurice Gamelin esixe ás súas forzas deterse "a non máis dun quilómetro" das posicións alemás da Liña Sigfrido.

O 17 de setembro, Gamelin ordena ás tropas francesas que se retiren cara á Liña Maginot, deixando apenas tropas de cobertura nas vinte poboacións alemás ocupadas. Estes efectivos, insuficientes para calquera operación de amplo alcance, apenas realizan actividades de vixilancia e patrulla na zona. O plan militar francés resulta moi defensivo, esperando que o mando militar alemán tome a iniciativa.

Consecuencias editar

Tras o triunfo total do Terceiro Reich sobre Polonia a finais de setembro, e sen advertir nova actividade militar francesa, os xefes militares alemáns lanzan un contraataque para recuperar o pequeno territorio perdido no Sarre.

 
Soldados franceses en Lauterbach

O 16 de outubro unha división de infantaría e tanques enviada polo xeneral Erwin von Witzleben lánzase a recobrar o territorio perdido, enfrontándose en breves combates ás tropas francesas, pero sufrindo moi poucas baixas ambos os bandos. Ao día seguinte, o mando francés ordénalle ás súas tropas de cobertura retirarse do territorio alemán aínda ocupado, polo cal as forzas alemás non encontran ningunha resistencia. As forzas alemás incluso acaban penetrando en territorio francés, ocupando uns poucos quilómetros cadrados sen maior valor táctico, deténdose o 24 de outubro.

A fronte occidental non se movería até o 10 de maio de 1940 cando empezou a Batalla de Francia co ataque alemán simultáneo contra Francia, Bélxica, Holanda e Luxemburgo. O xeneral francés Henri Giraud criticaría a pasividade do Estado Maior francés nesta cuestión, considerando que se perdera unha valiosa oportunidade para lanzar unha ofensiva a grande escala contra o Terceiro Reich, que forzase o mando alemán de retirar tropas de Polonia para cubrir a súa inferioridade numérica nunha fronte occidental recentemente aberta.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Snyder, Louis L. The War: A Concise History 1939-1945. Julian Messner, Inc., 1960. p.95-96.
  • Liddell Hart, B. H. History of the Second World War. G.P. Putnam’s Sons, 1970. p. 31-33.

Ligazóns externas editar