O lar de Clara

obra literaria de Ricardo Carballo Calero

O lar de Clara é unha obra narrativa de Ricardo Carvalho Calero, publicada en 1984 na Narrativa completa[1], mais escrita con anterioridade.

O lar de Clara
Autor/aRicardo Carballo Calero
OrixeGalicia
LinguaGalega
Xénero(s)Narrativa
EditorialEdiciós do Castro
Data de pub.1984
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

  • 1. A cidade. A cidade, os estaleiros, os arsenais, os ingleses, os mariñeiros, os soldados, os desfiles... Así era a cidade en que nacin ao tempo de eu nacer... Que unha vez estiven doente dos ollos e a miña nai ofreceu a Santa Lucia, pola sua festa, se eu sanaba, unha vela que testemuñase o seu agradecimento. Que outra vez cain no mar e non afoguei. Entón a miña aboa ofreceu unha vela à Virge do Carmo. ¿Lembro algo máis dos meus anos de neno? Algo máis lembro. Vou-vo-lo contar[2].
  • 2. Un home vai lembrar. Vou-vo-lo contar. ¿E quen sodes vós? ¿Son quizá escritor para pensar nos leitores? [3]. O narrador volve de Cuba para visitar a familia. Só lle queda unha irmá, Clara, que ten catro fillos. Vai escribir estas lembranzas para que as poidan ler eses rapaces, el pensa volver a América.
  • 3. Agora. Vai comparando como é a cidade de agora e como era de neno. Esta é a miña vida de agora. Por un pouco. Agiña Vigo, o trasatlántico, A Habana. Entramentres, quero lembrar a miña vida de antano nesta mesma cidade; a miña vida de neno. Ainda que non saiba para que a quero lembrar[4].
  • 4. A verdade. O pai lía o xornal e a nai, lembra, era a verdadeira fonte de enerxía. Ela aprendeulle a ler. O primeiro día que foi á escola seu irmán fuxiu. El tampouco quere ir á escola e queda cos veciños de abaixo, mais logo confésalle a verdade á nai.
  • 5. A morte. O neno cre que ten un pacto con Deus polo non vai morrer ninguén da súa familia. Son felices, o pai gaña bos cartos. Nace o quinto irmán, Rafael, mais a morte vaino levar axiña.
  • 6. Na aldea. Pasan o verán na aldea, o pai vai traballar e volve, tamén pasea con outros señores. Lembra a súa avoa releando coas vendedoras.
  • 7. A guerra europea. Sendo neno había guerra en Europa, non a había alí. Lembra como os alemáns non daban chegado a París. Un día sóubose que a guerra acabar e a xente saíu a celebralo. No porto está retido un barco da mariña austro-húngara. O seu capitán coincide no cine co neno e seus pais. Ao saber do armisticio o militar provoca que un sentinela lle dispare, que acabe con el.
  • 8. À beira do mar. Pasan os veráns na beira do mar. Dan paseos e o neno aprende a remar. Van ás romarías e mercan churros. Seu irmán Duarte non anda ben, ata traen un curandeiro pero non mellora. Van e veñen á costa en coche de cabalos, pero tamén se pode cruzar a ría en barca, lancha ou vapor.
  • 9. A gripe. E despois da guerra europea veu a gripe. Puxéronse todos doentes e foron recuperando, menos a nai, que foi esmorecendo e morreu. O neno négase á realidade e soña con que a nai reviva: se cadra trabucaran-se os médicos, se cadra ela estaba dormida, se cadra despertaria e petaria na sua tomba. Abririan-na, e ela voltaria a casa, e a miña irmá e máis eu, sentados no seu colo, choraria-mos de lediza, apertados entre os seus brazos, unhas báboas cujo mel non tiraria o acedume das choradas nas pernas do meu pai[5].
  • 10. O padriño. Viven con eles a avoa materna e a madriña, a tía, irmá da nai. A avoa quedara viúva e montara unha escola de nenas ata que casaron as dúas fillas. A madriña casou cun home maior que a trataba moi ben, coma unha nena. Deulle un mal que non tiña cura, el gobernou todo e púxose a escribir unha listaxe dos membros da familia con datos biográficos. Ao rematar, saíu e pegouse un tiro, na páxina do manuscrito dedicada a si mesmo puxo: morto no día de hoje[6].
  • 11. Somar e restar. A madriña vai casar co pai. O seu irmán Duarte segue mal da columna, pronto vai quedar encamado, a avoa dedícase só a coidalo, non fai outra cousa. Duarte morre cando está en camiño un novo irmán, volverían ser cinco.
  • 12. Os catro. Dos seus irmáns a preferida era Clara, unha nena alegre e intelixente, que caía ben a todos. Logo estaba Maruxa, máis ben calada e calma. Logo Ramón, o fillo máis novo da súa nai, agarimado por todos, rifaba moito coa Maruxa. El é o maior e como tal se comporta, leva moi boas notas, aprende ben e mesmo soña con ser xeneral.
  • 13. Adeus à madriña. A guerra europea favorecera os negocios, vailles ben, teñen dúas criadas. El xa comezara o bacharelato cando vai nacer o irmán. Mais non dá chegado a criatura, ten que vir un médico de Santiago. Morre a madriña e a nena nace morta, xa nunca serán cinco. Seu pai mira para a avoa que terá que amparar os meniños.
  • 14. Derrubamento. Diredes que esta história é tristeira. Ben quereria que a lediza brillase nela como un risoño sol. Non a escrebo para divertir a gente, nen para educar os nenos. Ja o sabedes: eu non sei por que a escrebo. Cando a vellice se alvisca no horizonte, hai que botar contas, hai que facer balanzo, hai que anotar o capital con que un agarda afrontar o imprevisto[7]. Agora con máis de corenta anos e antes de volver marchar lembra a tristura da infancia. Coa morte da madriña o pai empeza a deixarse ir, abandona todo e a casa mantense pola avoa. Os cartos deixan de chegar e acaba ardendo a casa que xa non estaba asegurada. Os irmáns repártense cos parentes. Aos dezaseis anos mándano a Cuba cun parente comerciante.
  • 15. Rumba. No presente, o cuarto dá á rúa na que hai un bar no que saen os bébedos. Queda durmido e soña que de neno se ten que examinar no tribunal do instituto, os profesores fuman habanos, entran mulatas bailarinas, están todos os irmáns. O soño vaise volvendo atafegante e acaba escoitando os berros dos bébedos do bar.
  • 16. Adeus às lembranzas. Non quere escribir máis. Pensa na súa vida, xa non está para casar e ter fillos, ten cartos mais non sabe para que. Pola contra Clara ten catro fillos, o marido mestre gaña pouco, pero ten un lar feliz. Os meniños son adorables e parécense aos seus tíos. Que ben estaría el quedando aquí!
  • 17. Fin. Decide quedar, nada o espera en Cuba. Aquí rodeado dos retratos familiares, de Clara e os rapaces pode ser feliz. Será quen continúe a árbore familiar que deixara feita o padriño. Seguro que Clara se ha de alegrar ben cando saiba que queda. Deixarei a pluma. Todo está dito. É tempo de lecer[8].

Narración editar

Narrador editar

Narrador homodiexético, en primeira persoa.

Espazo editar

Un único espazo, Ferrol, aínda que non aparece o nome da cidade. A aldea da beiramar na que pasan os veráns. Hai referencias a Cuba, Vigo.

Tempo editar

Tempo indeterminado. Escribe xa con corenta anos desde o presente lembrando a infancia. Lembra a Primeira Guerra Muncial e a posterior gripe.

Características editar

Na edición de 1984 sinálase:

“Son páginas escritas para loitar contra a destrutora hostilidade dun tempo valeiro e adverso que había que encher e conjurar coa actividade que nos defende de nós mesmos e do mundo circundante... pois en “O lar de Clara” é a infancia do narrador o que basicamente se evoca. Cumprida a súa misión catárquica, a obriña permanecía en estado de hibernación, non destruída por preguiza, atuada na rua do abandono, ainda que dela se extraíron algunhas páginas que se publicaron nunha revista –como tamén se fixo cun paso de “Os señores da Pena”-, en calidade de fragmentos salvados do naufrágio que afundira no mar do esquecemento, do desalento e do fastío esas débeis barcas, invadidas polas águas no mesmo estaleiro, mesmo antes que o carpinteiro de ribeira se animase a pensar na botadura. [9]

Henrique Rabuñal comenta:

O texto evoca a infancia do narrador en Ferrol e ilustra a existencia da súa familia en dezaseis breves capítulos. O narrador, un home de negocios instalado en Cuba, sitúase aos 40 anos na casa natal.Comparece a cidade de tabernas e rúas estreiras, o murallón que agocha estaleiros, arsenais e tres peiraos. Os técnicos ingleses coa súa capela evanxélica. Os vistosos desfiles militares. As selleiras e os coches de cabalos. A cidade coñece o tranvía e o automóbil, e a casa da súa irmá Clara está no extremo oposto da casa natal. A xente teno por rico. Evoca os pais e irmáns. As mortes familiares. Ao morrer a madriña o pai perde a ilusión de vivir. A economía reséntese. Clara ten un lar feliz, un marido mestre de escola e o narrador decide ficar e non volver a Cuba. Pensa nos fillos de Clara e en axudarlles economicamente.[10].

Notas editar

  1. Carballo Calero, Ricardo (1984). Narrativa completa. Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-321-2
  2. Carballo Calero 1984, p. 159.
  3. Carballo Calero 1984, p. 160.
  4. Carballo Calero 1984, p. 163.
  5. Carballo Calero 1984, p. 177.
  6. Carballo Calero 1984, p. 179.
  7. Carballo Calero 1984, p. 187.
  8. Carballo Calero 1984, p. 195.
  9. Carballo Calero 1984, p. 11.
  10. Rabuñal, Henrique (2020). Ricardo Carvalho Calero. O anxo da terra. Galaxia. p. 140. ISBN 978-84-9151-436-7.