O Gran Compadre foi unha serie web galega, escrita e dirixida por Roberto Conde[1] e emitida entre xaneiro e abril de 2013. Durante os meses de emisión tivo unha media de 6.000 espectadores en Youtube[2].

Características editar

Presentouse coma o primeiro reality show 100% galego no que seis mozos e mozas galegos –que representan o espectro ideolóxico do país– convivirían nunha casa durante sesenta días para acadar un premio que cambiará a historia do país: converterse en Director/a Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia[3].

En realidade tratábase dun falso reality show totalmente guionizado[4] e os concursantes eran actores na súa maioría non profesionais. Mais unha campaña de promoción previa na que non se dicía quen estaba detrás do proxecto fixo que moita xente pensase que se trataba dunha campaña de vídeo viral feita por algunha organización política, a Televisión de Galicia ou a propia Xunta de Galicia.

O falso reality foi conducido polo extravagante presentador “Gay Oso”, tamén coñecido coma o “Transexual dos Ancares” e interpretado por Iago García. Pretendíase obrigar a convivir a seis mozos con ideoloxías políticas confrontadas para propiciar intensos debates de actualidade e interese para a mocidade[5]. Conspiracións políticas, atraccións fatais, estratexia, debate ideolóxico, temas do país, supervivencia...

O Gran Compadre representou un formato audiovisual innovador, onde se mesturaba a linguaxe do reality show e da ficción televisiva usando Internet e os medios sociais para, a través da comedia, facer unha campaña viral que espertase o debate político na mocidade galega, á que se pretendía satirizar, criticar, louvar e concienciar. O lema do programa era: “Tomemos en serio a revolución, pero non nos tomemos en serio a nós mesmos”.

Personaxes editar

  • Silvana, moza liberal-fashion de Sanxenxo (Uxía G. Morán)
  • Moncho, tradicionalista vividor do Carballiño (Adrián Novoa)
  • Lorena, hippie altermundista de Betanzos (Carmen Alvarado)
  • Brais, nacionalista moderno de Monforte de Lemos (Fernando Conde)
  • Marta, independentista de Moaña (Lucía Cortiñas)
  • Alberto, indignado parado da Coruña (Roberto Roget)

A audiencia votou pola persoa gañadora, que resultou ser Moncho, por unha escasísima marxe de votos sobre Marta, a independentista. O recibimento popular de Moncho fíxose en Ourense o 6 de abril, onde nunha gala presentada por Gay Oso (Iago García) estiveron tódolos personaxes. O grupo The fakes puxo o punto final á experiencia audiovisual do Gran Compadre.

Notas editar

  1. Entrevista a Roberto Conde, Banda Aparte, Radio Allariz, 5 de abril de 2013.
  2. "O Gran Compadre supera os 7000 espectadores", artigo en Praza Pública, 30 de xaneiro de 2013.
  3. "O Gran Compadre xa está elixindo ao novo Director Xeral de Xuventude da Xunta", artigo en Galicia Confidencial, 16 de xaneiro de 2013.
  4. "Unha web serie galega disfrazada de reality show para provocar o debate político entre a mocidade" Arquivado 05 de maio de 2014 en Wayback Machine., Tempo de lecer Ourense, 18 de marzo de 2013.
  5. "Existe un fundo ideologico profundo no Gran Compadre", artigo en Novas da Galiza, 15 de marzo de 2013.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar