Nuna (tamén coñecido como Nuon Solar Team) é un equipo da Universidade de Tecnoloxía de Delft (TU Delft), nos Países Baixos, constituído por alumnos da propia universidade, que deseña e constrúe unha serie de vehículos movidos con enerxía solar cos que venceu o Desafío Solar Mundial (World Solar Challenge), en Australia, nas convocatorias de 2001 (Nuna 1), 2003 (Nuna 2), 2005 (Nuna 3), 2007 (Nuna4), 2013 (Nuna7) e 2015 (Nuna8).

Nuna
editar datos en Wikidata ]
O equipo co Nuna3

O equipo Nuna é un dos que compoñen o coñecido como Dream Team da TU Delft, xunto con DARE, Forze e DUT Racing.[1]

As células solares editar

 
O Nuna7, coas súas placas solares en primeiro termo

As células solares están feitas de tres capas de arseniato de galio (GaAs). A luz solar que penetra pola capa superior utilízase nas capas inferiores, do que resulta unha eficiencia por riba do 26 %. O teito completo dos vehículos está cuberto con estas células solares, só coa excepción da cabina do piloto.

A eficiencia é óptima cando o Sol proxecta os seus raios perpendicularmente nas células. Cando isto non se dá, a produción redúcese aproximadamente o coseno do ángulo coa perpendicular. Para solucionar no posible esta mingua de rendemento no caso de que as carreiras se celebren en épocas do ano en que o Sol estea máis baixo, en función da estación do ano e do hemisferio da Terra en que teñan lugar, colócanse nos laterais tantas células como sexa posible, mesmo sobre as tapas das rodas.

Deseño editar

Criterios do deseño editar

Para ter unha gran posibilidade de vencer, o coche debe:

  • Máxima captación posible de enerxía solar.
  • Mínimo uso da enerxía captada:
    • Eficiencia da transferencia eléctrica para as rodas.
    • Redución da fricción, tanto a do aire como a das rodas en contacto co solo, na que ten moito que ver o peso do vehículo.

Aerodinámica editar

 
A parte inferior no Nuna3 nun túnel do vento

O arrastre aerodinámico é unha parte importante da resistencia total, onde incide tanto a superficie frontal como a liña da corrente do aire. Calquera desvío da liña ideal desta corrente causará turbulencia, a cal consumirá enerxía que, xa que logo, non se poderá aproveitar para o desprazamento. A esta liña ideal da corrente chégase inicialmente a través de simulacións informáticas, na fase de deseño, seguidas por probas en modelos a escala en túneles de vento e, finalmente, por medio de probas no coche xa a tamaño natural, tamén en túnel de vento.

A partir dos datos meteorolóxicos da zona onde se vaia realizar cada competición, pódese concluír a presenza de ventos laterias de intensidade forte. Para estes casos, as tapas das rodas do Nuna desde a súa vesrión 3 foron deseñadas de tal xeito que o vento lateral teña un efecto propulsor.

Motor editar

 
Gráfica da eficiencia do motor

O motor vai directamente encaixado no tren traseiro para reducir perdas debidas á transmisión mecánica entre o motor e as rodas (como ocorre nun coche normal, con caixa de cambios e cardán). Trátase dunha versión mellorada dun motor de 1993 construído na Universidade de Ciencias Aplicadas de Berna, en Suíza. As melloras radican na redución do peso nun 30 % (10 kg), o aumento do 50 % na potencia (por riba dos 2.400 W) e un par motor un 45 % máis elevado. A eficiencia do motor tamén se mellorou, ata chegar a superar o 98 %, aumentando en función da velocidade, como se aprecia na gráfica que se xunta.

Os vehículos editar

Series de Nuna (2005-2015) editar

  • Nuna 3 (2005). Foi o mellor coche da World Solar Chalenge de 2005, en Australia. Acadaba os 130 km/h. Logrou a vitoria percorrendo os 3.021 quilómetros entre Darwin e Adelaida nun tempo récord de 29 horas e 11 minutos, co que acadou un récord do campionato.
  • Nuna 4 (2007). Os principais cambios con respecto ao Nuna 3 foron un volante en lugar de pancas, un asento vertical en lugar do piloto deitado e un panel solar máis pequeno, de 6 (en comparación cos 9 m² anteriores). Estes cambios foron motivados pola variación das regras por motivos de seguridade. O Nuna 4 gañou tamén a competición en 2007.[2]
  •  
    Nuna 5
    Nuna 5 (2009). O principal cambio con respecto ao seu predecesor foi o descenso do peso da batería desde os 30 kg aos 25 kg. Houbo tamén outros cambios motivados pola regulamentación, como a prohibición de circular con pneumáticos usados e lisos, ou a posición máis ergueita do piloto. Este vehículo acabou segundo na competición.[3]
  •  
    Nuna 6
    Nuna 6 (2011). Consonte a nova normativa do World Solar Chalenge, as células solares primitivas cambiáronse por outras de silicio monocristalino e diminuíuse o peso da batería. Para mellorar o seu rendemento, reduciuse tamén o peso do vehídulo e a súa resistencia aerodinámica.
  • Nuna 7 (2013). Por primeira vez o Nuna incorporou catro rodas, en lugar das tres que o caracterizaban, e ademais deixou de ser simétrico, ao levar a cabina do piloto no seu lado dereito. O Nuna 7 gañou o Bridgestone World Solar Challenge de 2013.[4]
  • Nuna 8 (2015). A versión 8 deste vehículo volveu suporlle ao equipo a vitoria no Desafío Solar Mundial, con 3.022 quilómetros en 33 horas e 26 segundos. Pesa 30 quilos menos que o seu antecesor e reduciu o rozamento aerodinámico nun 9 %.[5]

Vehículos da competencia editar

O vehículo vencedor do Desafío Solar Norteamericano, da Universidade de Míchigan (EEUU) é un dos máis importantes competidores. Outros opoñentes de nivel foron tamén os deseñados e fabricados polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) e pola Universidade Ashiya, no Xapón, así como outros competidores europeos, como o holandés da Universidade de Twente e o belga da cidade de Lovaina.

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar